A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo culminou hoxe as mobilizacións previstas ante centros da gran distribución cun acto en Ferrol. Para mañá programárase outro en Vigo, pero finalmente, dada a distancia da cidade olívica coas zonas gandeiras, desbotouse polo de agora ese acto. O luns, os colectivos que conforman a Plataforma manterán un novo encontro para preparar unha segunda fase das mobilizacións.
Sobre a mesa, está a posibilidade xa anunciada de facer tractoradas ante a Xunta, en Santiago, e ante a Delegación do Goberno, na Coruña, así como posibles bloqueos a centros de distribución.
Nas accións informativas realizadas esta semana ante diversas cadeas de supermercados, os gandeiros trataron de sensibilizar á poboación sobre o problema de baixos prezos do sector, poñendo de manifesto o paradoxo de que subiran os prezos do leite no supermercado pero non no campo.
Os produtores estiveron luns en Santiago, martes na Coruña, mércores en Lugo, xoves en Pontevedra e hoxe venres en Ferrol. En varias das cidades, caso de Santiago, Coruña ou Pontevedra, compareceron en rolda de prensa cos alcaldes locais, que amosaron a súa solidariedade co sector.
Para a semana, está prevista tamén unha mobilización da asociación Agro Muralla o xoves 10 en Lugo.