O membro da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, Anxo Escariz, salientou hoxe a “normalidade” coa que discorreu a primeira xornada de bloqueo das 15 industrias lácteas de Galicia, un medida de protesta polos baixos prezos do leite que este domingo pola noite agardan ampliar á plataforma loxística de VEGALSA en Oroso e á de GADISA en Betanzos.
En declaracións aos medios nun reparto de leite gratis aos veciños de Santiago realizado esta tarde, o representante da Plataforma calculou que “uns 5.000 gandeiros están participando nas mobilizacións”.
En canto á desvinculación das mobilizacións de ASAJA-Galicia e da directiva da asemblea de gandeiros de Lugo, Anxo Escariz acusounos de “estar a defender os intereses da industria e da conselleira pero non os dos gandeiros”.
Ademais, acusou á Consellería do Medio Rural de “xogar a dividir aos gandeiros para que sigamos como estamos, cos gobernos da Xunta e de Madrid apoiando á gran industria”.
O representante da Plataforma afirmou que “o fin das mobilizacións téñeno que decidir Rajoy, Tejerina e Feijóo”. A este respecto, lembrou os tres aspectos que a Plataforma considera irrenunciables para o acordo: “a retirada de todos os contratos que se se están ofrecendo á baixa neste momento por parte da industria aos gandeiros; fixar os índices de referencia para establecer o prezo sostible, tanto para o gandeiro como a industria e, o máis importante, un decreto de garantías, con sancións, que faga que o decreto non sexa unha mera declaración de intencións senón un acordo de obrigado cumprimento para todos os chanzos da cadea do leite”.
AGACA desvincúlase da Plataforma
Por outra parte, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) emitiu un comunicado no que anuncia a súa desvinculación da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego. E faino por dous motivos: “non estamos de acordo coa folga de entregas de leite e porque non compartimos a radicalización que están a amosar determinadas accións vandálicas por parte de gandeiros radicais”.
AGACA recoñece que o texto é mellorable, sobre todo a definición de sustentabilidade e “na incorporación de compromisos nas relacións contractuais entre as cooperativas primeiro compradoras do leite e as empresas ás que lles subministra o leite”.
Neste sentido, dende AGACA reclaman que “dada a tensión existente no campo en relación aos contratos, urxe que a industria amose xestos que melloren as propostas actuais achegadas aos gandeiros” no documento presentado o pasado xoves.
A Xunta pide aos gandeiros que se incorporen ao acordo
Por último, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que o documento presentado polo Ministerio “supón un paso histórico” e é “beneficioso para o sector”.
Rueda asegurou que o documento “agora vaise concretar, pero ten unha serie de cousas que son beneficiosas”, polo que animou aos gandeiros “a que se sumen” ao mesmo.