A Plataforma acorda o bloqueo de todas as industrias lácteas de Galicia

A decisión deberá ser refrendada en asemblea dos gandeiros en Santiago. En Lugo a coordinadora dos gandeiros amósase esperanzada cara o preacordo ministerial

A Plataforma acorda o bloqueo de todas as industrias lácteas de Galicia

Asemblea desta noite en Santiago

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, na que participan organizacións agrarias e representantes dos gandeiros mobilizados en Santiago , acordou hoxe á noite o bloqueo xeral de todas as industrias lácteas de Galicia. Ademais, manterán o bloqueo con tractores da sede da Xunta en San Caetano.

Esta decisión aprobada hoxe polos gandeiros en asemblea, deberá ser refrendada de novo mañá ás 12:00 horas nunha nova asemblea en Santiago de Compostela.

Os produtores lácteos manterán reunións ao longo de toda esta noite para debater esta decisión, en tanto a Plataforma xa está a traballar no plan de bloqueo das industrias. Con esta decisión o sector pretende forzar ao Ministerio de Agricultura a impulsar un compromiso de industria e distribución para a revalorización inmediata dos prezos do leite.

Por outra parte, tras 72 horas, continúa o bloqueo do centro de distribución de DIA en Mercagalicia.

En Lugo a asemblea de gandeiros chama á calma e adianta unha suba do leite a 33-36 céntimos

Pola contra, en Lugo os representantes dos gandeiros por concellos acordaron esta noite manter a tractorada pacífica ao redor da Muralla, aínda que algúns tractores se retiraron.

Nun comunicado de audio enviado aos gandeiros, os representantes da asemblea de gandeiros salientan que o portavoz, Roberto López, xunto con outros dous representantes, acudirán mañá a Santiago de Compostela para participar nunha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. Neste encontro, ao que tamén están convocados os representantes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, farase unha valoración do preacordo para o sector lácteo presentado hoxe.

Como avance, o representante dos gandeiros de Lugo informa no audio de que “acaba de chamar Feijóo para convocarnos á reunión e parece que hai avances, cunha horquilla de prezos do leite de entre 33 e 36 céntimos por litro”.

Engade que “evidentemente vannos esixir máis calidade; é dicir vannos facer unhas esixencias en base ás calidades”. Ademais, pídelle aos gandeiros que “tedes que ter calma e paciencia e aguantar ata a reunión de mañá”.

Por último, o representante da asemblea de gandeiros de Lugo anúncialles aos produtores lácteos que “os de Santiago están retirando os tractores de diante das distribuidoras”. “E é moi importante ter ese dato en conta: ao revés xa o fixeron e agora estanos quitando, así que paciencia e aguantar ata mañá”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información