A plantación de Narón na que se acadou o récord de colleita de mazá de sidra: 45 toneladas por hectárea

Rubén Ramos logrou o ano pasado unha produción de máis de 45 toneladas de mazá por hectárea no pomar que plantou, xunto con outro socio, hai 8 anos en Narón (A Coruña). Coñecemos en detalle a súa plantación

Publicidade
A plantación de Narón na que se acadou o récord de colleita de mazá de sidra: 45 toneladas por hectárea

Ramón e Rubén, os dous socios do pomar centrado na produción de mazá de sidra.

Nas plantacións de mazá de sidra os anos impares son sinónimo de abundancia, mentres os pares a produción adoita ser máis reducida. Pese a ter iso moi presente, Rubén Ramos Ramos recoñece que a colleita do ano pasado foi mellor do agardado e contaron cunha moi boa produción ó acadar máis de 45 toneladas por hectárea de media. Nas 2 hectáreas que ocupa a plantación no concello coruñés de Narón recolleron uns 95.000 quilos de mazá. “Hai que ser moi consciente de que non tódolos anos van ser así, este ano a ver se conseguimos chegar polo menos á metade”, recoñece o produtor.

Na última colleita, nas 2 hectáreas que ocupa a plantación recolleron uns 95.000 quilos de mazá

O obxectivo no que traballa Rubén é conseguir unha media bianual de 35 toneladas por hectárea. As cifras manexadas o ano pasado acercan máis esa meta. “Unha boa plantación a pleno rendemento debería poder lograr esa produción de media cada dous anos”, indica.

Porén, ata chegar aquí recorda que hai un longo traballo no que os primeiros anos apenas se conseguen beneficios. “De toda a xente que veu visitar a plantación porque estaba interesada en facer un pomar, creo que ningún se decidiu a facela, posto que os 3 primeiros anos dá moito traballo e gastos, sen case ingresos. Hai que estar convencido de querer facela”, aclara o colleiteiro.

Asesoramento e formación para comezar

A plantación realizouna, xunto cun socio, no ano 2012, logo de participar nun curso organizado polo Concello de Narón e impartido polo enxeñeiro agrónomo e presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), Francisco Otero Otero. “Foi un curso moi completo que se prolongou durante todo o ano e no que fomos vendo os coidados que requiría a plantación en cada etapa”, rememora o produtor.

Logo desta formación optou pola plantación de mazá de sidra, xa que se axustaba máis ó que procuraba ó requirir menos mantemento que os pomares dedicados á mazá de mesa. “Eu xa contaba cunha pequena finca con maceiras, pero decidímonos a buscar unha parcela na que dispor dunha plantación profesional”, detalla. Conseguiron alugar dous predios consecutivos a pouca distancia da súa vivenda, o que lle permite compaxinar a actividade co bar familiar que atende. “Para ser rendible economicamente tes que facer unha plantación mínima dunha hectárea”, explica Ramos.

Plantaron 1.200 maceiras de 5 variedades recoñecidas pola DO Sidra de Asturias

Plantaron unhas 1.200 maceiras de cinco variedades das recoñecidas pola Denominación de Orixe Sidra de Asturias. “Naquel momento decidímonos polas variedades asturianas que mellor se adaptaban á climatoloxía de Galicia en base ós resultados que se obtiveran nos campos de ensaio da Consellería e porque aínda non había moita información para optar polas variedades galegas”, detalla o produtor. Así, contan con maceiras semiácidas da caste De la Riega e Perico; outras dúas variedades ácidas: Raxao e Durona de Tresali, e unha caste ácida amarga, a Regona. “Unhas castes son máis sans ca outras, pero estamos contentos cos resultados que nos están ofrecendo. Adáptanse moi ben ás características de Galicia”, sinala Ramos.

As chuvias do outono pasado dificultaron a recollida da gran cantidade de mazá que tiveron.

As chuvias do outono pasado dificultaron a recollida da gran cantidade de mazá que tiveron.

As maceiras plantáronas nun marco de 6×3 metros e son árbores en patrón de nova xeración clonados de MM106. “Son maceiras moi resistentes a enfermidades e que entran en produción moi rápido”, detalla.

Os primeiros anos, os máis duros

Coa plantación acadando a plena produción, Rubén recorda como os primeiros anos son nos que se require maior traballo para conseguir formar os árbores. O labor de arqueado, básico para a produción, é unha das fases de maior traballo e máis importante, xa que condicionará os resultados que se terán e os danos nas árbores.

Trátase de conseguir que as ramas formen un ángulo de 90 graos co tronco, polo que cada unha delas fíxase ó chan con arames. “De cada maceira terás que fixar 7 u 8 arames tensados para conseguir a forma que queres”, concreta o produtor. Con este proceso acometido nos primeiros anos de vida da árbore e realizado entre os meses de setembro a novembro, conséguese guiar a árbore e definir a estrutura que se adapta mellor para a produción de mazá de sidra. “Se o arqueado se fai correctamente conséguese que as ramas non rompan coa carga das mazás”, explica Ramos.

Pomar-Naron_-

Este ano as maceiras tiveron menos flor, polo que agarda unha produción máis reducida.

Xunto con estes traballos, para definir a estrutura da árbore tamén realizan podas complementarias cada ano. “Estes patróns non son moi vigorosos, co que non acadan grandes alturas e non é preciso podar moito”, detalla.

Nos traballos de mantemento da plantación tamén se inclúen o abonado, que recomenda realizar cada 2 anos para compensar as carencias que poida ter o solo. Acostuma aportar o cal que precise a terra, ó tempo que realiza un abonado a base de potasio e fósforo. A análise da terra e o aporte necesario para garantir bos resultados na produción da froita foi unha das primeiras accións que fixeron na plantación. “Ó principio pódese pensar que abonda con ter boas árbores e de boa raza para lograr boas producións, pero é fundamental coñecer as características dos solos para poder facer os aportes precisos, e iso foi o primeiro que fixemos”, concreta Ramos.

“É fundamental coñecer as características dos solos para poder facer os aportes precisos antes de plantar as maceiras”

Teñen a plantación cercada, para evitar os danos nas froiteiras, pero actualmente teñen algunha incursión da fauna salvaxe na parcela que, aínda que deixa evidencias, non causa perdas na colleita. “O xabaril ten zonas nas que entra e ten moi malladas e fozadas, pero non nos dana as árbores. Tamén os corzos entran, pero agora non causan danos”, detalla. Porén, nos primeiros tempos tiveron que colocar protectores para os roedores (similares ós que se empregan para os corzos, pero de menor altura), para facer fronte a unha sobrepoboación de coellos na zona que rillaba as maceiras.

No inverno, tamén adoitan darlle algún tratamento fitosanitario para atallar a aparición de fungos. Acostuma empregar cobre e repetir a súa aplicación na primavera se detectan afeccións nas árbores. “Os 3 primeiros anos é cando máis coidados require tamén en canto a tratamentos fitosanitarios”, apunta Ramos.

Pomar-Naron-colleita-2019-

O ano pasado as maceiras soportaron unha gran carga de mazás sen chegar a producirse danos nas árbores.

Cabrinfolla, clave na comercialización

A produción comercialízana a través da cooperativa Cabrinfolla, creada por asociados de Afrugal para poder comercializar a mazá e procurar alternativas para a súa transformación. A maior parte das mazás de sidra que chegan a Cabrinfolla destínanse ó mercado galego, onde un dos principais compradores é a fábrica Custom Drinks que Hijos de Rivera ten en Chantada (Lugo) e onde se elabora a sidra da marca Maeloc. Porén, algunha da produción galega tamén se destina a Asturias.

A maior parte das mazás que comercializa Cabrinfolla destínanse ó mercado galego

“Contar co apoio da cooperativa para comercializar a produción para nós resultou clave”, destaca o produtor. De feito, tamén agardan que a través da asociación poidan atallar outras dificultades que se lle presentan ós produtores como é lograr man de obra para a recolleita da mazá. “Algúns socios probaron xa sistemas de recolleita mecanizada, pero polo momento nós seguimos recollendo á man”, explica.

Pese ós bos resultados que están colleitando xa na plantación, Rubén non baralla ampliar o pomar, xa que debe compaxinalo co bar que rexenta en Narón. Poren, recoñece que é unha actividade rendible e da que goza: “se tivera feito o curso sendo máis novo, había facer unha plantación máis grande e centrarme só nas maceiras”, conclúe o produtor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información