A planta ornamental galega levará o selo ‘Galicia Calidade’

A marca, que permitirá diferenciar a oferta galega no mercado internacional, aplicarase á produción obtida de acordo cunha normativa específica. Controlaranse trazabilidade, uniformidade e criterios ambientais

Publicidade
A planta ornamental galega levará o selo ‘Galicia Calidade’

Presentación da adhesión dos viveiros ornamentais galegos ó selo Galicia Calidade.

A Fundación Juana de Vega acolleu a firma dun convenio entre Galicia Calidade e a Asociación de Viveristas del Noroeste (Asvinor), para que os produtores galegos de planta ornamental, que produzan de acordo coa Norma de Calidade para a Planta Ornamental de Galicia, elaborada pola Fundación Juana de Vega en colaboración co sector, poidan levar como distintivo o selo de Galicia Calidade. O obxectivo final é lograr unha maior diferenciación da planta galega nos mercados, tanto nacionais como estranxeiros, e así mellorar a competitividade dun sector que na comunidade ten un elevado potencial de desenvolvemento futuro.

No acto estiveron presentes o conselleiro de Industria, Francisco Conde, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, así como o vicepresidente de Asvinor, Jaime Fernández Cornide, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez. Mediante este convenio, que terá unha duración inicial de tres anos, Asvinor fará, co asesoramento de Galicia Calidade, as auditorías e os controis necesarios para garantir que a produción dos seus asociados estase a facer segundo a norma redactada pola Fundación Juana de Vega.

O selo representa un apoio no mercado. O sector da planta ornamental considera que ten gran potencialidade en Galicia

Enrique Sáez lembrou o proceso que se seguiu ata chegar á firma do convenio e recordou que este é “o tempo dos emprendedores” e que para eles o labor será máis doado con esta “norma que orienta e vai facer crecer o sector”.
Pola súa banda, o vicepresidente de Asvinor, Jaime Fernández, agradeceu o apoio da Xunta e da Fundación Juana de Vega e destacou a “potencialidade” dos produtores, nun sector “forte en Galicia” e que é “unha alternativa a outros cultivos nunha fase de declive”. Así mesmo, destacou a singularidade e a importancia da norma: “Non hai outra comunidade cunha normativa así”.

Ángeles Vázquez agradeceu o labor da Fundación Juana de Vega, por estar sempre “pendiente do fundamental: a nosa terra”. A conselleira de Medio Rural asegurou que Galicia ten “as mellores condicións edafoclimáticas” para o cultivo da planta ornamental pero que “o mercado globalizado esixe cada día máis”, polo que a norma e o convenio con Galicia Calidade facilitaranlle aos emprendedores un camiño máis doado para “seguir traballando a prol da terra” e avanzar “de ser únicos en España a ser únicos en Europa”.

Francisco Conde, quen afirmou que o desenvolvemento da economía ten que seguir co “espírito de colaboración entre o eido público e o privado”, puxo en valor “a excelencia do traballo realizado pola Fundación Juana de Vega” nestes anos, que pon a Galicia “á vangarda de España” como “a primeira comunidade cunha norma de calidade” neste eido que agora se complementa co convenio con Galicia Calidade, o que permite unha maior “vinculación co territorio e coa calidade”.

O primeiro paso da adhesión a Galicia Calidade foi a elaboración dunha Norma de Calidade para a planta ornamental de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou que o sector –do que o 80% está agrupado en Asvinor– dá emprego directo a 1.500 persoas, “o 90% vinculados ao mundo rural e, sobre todo, son mulleres”. Ademais, lembrou que “exporta o 20% da súa produción” e a firma deste convenio “marca o camiño para seguir medrando”. Por último, Francisco Conde destacou que xa hai “83 empresas vinculadas a Galicia Calidade e 300 produtos”, o que supón en empregos “unhas 5.000 persoas e o 4,5% do PIB” galego. Neste sentido, o conselleiro incidiu nos últimos sectores incorporados a Galicia Calidade, a biomasa e o hoteleiro, “aos que agora se suma tamén a planta ornamental”.

A firma deste acordo chega despois da elaboración da Norma de Calidade para a Planta Ornamental de Galicia, por parte da Fundación, que se redactou en colaboración co sector produtor, técnicos e da Xunta de Galicia e comercializadores de planta. Outro dos antecedentes que fixo posible este acordo foi a creación por parte de Asvinor da marca colectiva “Planta ornamental de Galicia”, que poderán empregar todos aqueles produtores que traballen segundo os estándares recollidos nesta norma.

A planta galega é valorada pola súa adaptación a climas duros

Norma de Calidade da Planta Ornamental de Galicia
A Norma de Calidade da Planta Ornamental de Galicia, que se presentou hai dous anos, naceu para tratar de resolver os problemas do sector, afectado por unha forte atomización e unha falta de asociacionismo que provoca dificultades para competir e acceder aos mercados exteriores. Neste sentido, Galicia conta cunha vantaxe competitiva, determinada polas condicións climáticas e edafolóxicas, o que permite un potencial para a produción superior ao da maioría do territorio nacional.

Ademais a planta de Galicia é moi valorada nos mercados exteriores pola súa rusticidade e capacidade de adaptarse a condicións climáticas máis duras que a planta producida noutras zonas do territorio nacional, como Cataluña, Valencia ou Andalucía, polo tanto, “neste contexto resulta imprescindible a diferenciación”, sinalan desde a Fundación Juana de Vega.

Galicia exporta un 20% da súa produción de planta ornamental, principalmente a Francia, Alemania, Reino Unido e Portugal

Para acadar esta diferenciación a Fundación Juana de Vega iniciou a finais do ano 2009 varias reunións de traballo coa Asociación de Produtores de Plantas Ornamentais de Galicia (hoxe ASVINOR), viveiristas non integrados na asociación, representantes da Consellería do Medio Rural e membros das principais comercializadoras de planta de Galicia, nas que se puxo de manifesto a necesidade de elaborar unha normativa que permita alcanzar uniformidade e homoxeneidade en canto a formatos e poder ofrecer así planta de diferentes produtores nun mesmo lote aos mercados que demandan grandes volumes. Ademais esta norma serviría de base para a creación da marca colectiva “Planta Ornamental de Galicia”, que hoxe xa é unha realidade.

Criterios
A norma apóiase en tres piares: estandarización, para homoxeneizar tamaños, altura e proporción das distintas especies; medioambiente, co obxectivo de seguir criterios sostibles na produción, e trazabilidade, para garantir o seguimento da planta, coñecer a súa historia, desde a orixe do material vexetal, ata localización e a traxectoria que seguiu ao longo da cadea de fornecemento.

O sector de produción da planta ornamental en Galicia está formado por arredor duns 130 viveiros, dos que están en funcionamento apenas o 50%. O sector xera na comunidade autónoma, uns 1.500 empregos, sendo un 90% dos mesmos mao de obra feminina no rural. A facturación anual ascende a uns 40 millóns de euros, dos que un 20% corresponde a exportación, sendo os países de destino da planta ornamental de Galicia, por orden de facturación, Francia, Alemaña, Reino Unido e Portugal. Por outra banda, Galicia é, con diferenza, a maior produtora de camelia a nivel europeo. Noutras producións, como hortensia, rododendro, azalea, abelia, acebo e coníferas de peches, é das maiores produtoras a nivel nacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información