A industria láctea Clea, ubicada en Rábade e propiedade da familia Herrero, enfróntase a unha situación complicada, logo de que o Concello de Rábade decretara en setembro pasado a inmediata paralización da actividade da planta por diversas irregularidades urbanísticas. A empresa, sen embargo, nega que haxa incumprimentos e sostén que agarda solucionar os problemas legais, en tanto prosegue coa súa actividade habitual.
Os problemas da planta remóntanse ó inicio da actividade de Clea en Rábade, cando no 2013 o Concello dictou unha resolución na que ordenaba a “inmediata suspensión das obras” da planta por carecer de licenza de obra municipal. Asimesmo, o Concello advertía á empresa de que no caso de non solicitar licenza ou de non serlle concedida, ordenaríase a “demolición” das obras “a costa do interesado”.
Os problemas urbanísticos da industria remóntanse ó 2013, cando o Concello ordenou a suspensión das obras da planta por falta de licenza
A industria, sen embargo, culminou as obras sen licenza e proseguiu a súa actividade sen maiores problemas ata que en setembro do 2015, dous anos despois, unha denuncia urbanística contra a planta forzou ó Concello a emitir un decreto polo que ordenaba a “inmediata paralización da actividade” da industria láctea.
O decreto municipal precisa que a instalación non está amparada “pola preceptiva licencia de actividade e/ou de obras” e acorda trasladar o caso á Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas para que emprenda un expediente de reposición da legalidade urbanística.
As perspectivas urbanísticas para a planta son complicadas. De acordo co Plan Xeral municipal do 2008, o terreo no que se ubicaba a instalación era solo urbanizable delimitado de uso industrial, se ben a anulación do Plan Xeral por unha recente sentencia do Tribunal Supremo deixa eses terreos como solo urbanizable non programado.
Valoracións de Clea
Consultada Clea sobre o caso, a industria nega a maior e asegura dispoñer de licenza de actividade, “anterior ó ano 2000”. En canto á falta de licenza de obras no 2013, Clea precisa que só fixo ampliacións volumétricas en altura sobre unha planta xa existente, pero que non aumentou a superficie da instalación.
“Movemos 700.000 litros de leite diarios e a planta non perxudica a ninguén”, sosteñen desde Clea
A industria limita os seus problemas urbanísticos á anulación do Plan Xeral do 2008, que deixa a súa planta asentada sobre un solo urbanizable non programado, na práctica sobre un solo rústico. Clea asegura que está en conversas coas administracións para buscar unha solución que consolide a actividade industrial da planta e sinala que hai outras empresas no polígono de Rábade en situación similar.
A empresa critica a denuncia urbanística cursada contra a súa instalación, que foi presentada polo ‘Sindicato colectivo independiente de empleados contra la corrupción’. Esa denuncia forzou ó Concello a decretar en setembro do 2015 a inmediata paralización da actividade da planta.
Continuación da actividade
Clea, sen embargo, prosegue desde entón a súa actividade sen maiores problemas, pois nin Concello nin Xunta emprenderon novas accións contra a instalación.
A industria, de matriz asturiana, propiedade da familia Herrero, tamén xestora de Industrias Lácteas del Cantábrico, defende o funcionamento da instalación: “A planta non perxudica a ningúen e a recollida de leite é moi importante, sobre todo coa situación complicada que atravesa o sector”, advirten desde Clea. “Movemos 700.000 litros de leite diarios, tanto nosos como doutras empresas que operan na planta”, sinalan en alusión a Leche Pascual e Iparlat.
A empresa lembra ademais que ten previstos investimentos na instalación de Rábade, para os que recibiu este ano unha subvención de 831.700 euros por parte de Medio Rural. Entre as actuacións previstas, figura a montaxe dunha torre de leite en po.
As irregularidades urbanísticas da planta de Clea trascenderon agora, semanas despois de que outra industria do sector, Leche Río, recibira unha orde de demolición da planta Ceao II, dictada polo Tribunal Supremo. Río está tamén en conversas coas administracións para buscar unha solución ó problema.