A asociación de Produtores e Produtoras Ecolóxicos de Galicia (PROECOGAL) ven de emitir un comunicado no que se posicionan en contra da instalación dunha planta de celulosa de Altri en Palas de Rei (Lugo).
En concreto, dende a asociación sinalan que “hai unha cuestión especialmente grave, pois o proxecto industrial promovido por Greenfiber SL non contempla o risco que a súa actividade representaría para o noso sector, a produción agrogandeira, e específicamente para as producións diferenciadas como a produción ecolóxica. É imprescinble que se teña en conta a produción ecolóxica á hora de valorar a viabilidade dun proxecto así dende o punto de vista ambiental, tendo en conta o impacto sobre a produción e o posible risco que representaría para a certificación das producións ecolóxicas. Máis aló, cómpre valorar a afectación a nivel de mercado, e percepción das consumidoras”.
Ademáis, engaden que “entendemos que o modelo de industrialización plantexado para o interior galego non pode poñer en risco o tecido socioeconómico existente no territorio e especialmente o tecido agrogandeiro, que garante a cohesión territorial xerando un forte impacto económico, facendo un uso sostible e respectuoso dos recursos, preservando a biodiversidade do medio e do solo e proporpocionando á sociedade alimentos de calidade e seguros”.
“A planta de celulosa en Palas representaría unha ameaza para a produción ecolóxica de Galicia”
Neste sentido, consideran que “a implantación dunha industria de enclave como a que representa o proxecto publicado, pon en risco este modelo e ademais, entra en conflicto cos obxectivos ambientais definidos nos compromisos das normativas europeas, estatais e autonómicas; e coa estabilidade da cadea agroalimentaria, dende as produtoras ata a industria transformadora”.
Por todo o anterior, dende PROECOGAL manifestan a súa “oposición á implantación dunha industria desta natureza, que entedemos, representaría unha ameaza dende o punto de vista do seu impacto ambiental e socioeconómico, especialmente para o tecido que conforma a produción ecolóxica de Galicia”.
Por último, farán chegar “esta postura e a nosa preocupación a aqueles axentes que entendemos deben considerar a mesma: Craega, Consellería de Medio Ambiente, Consellería de Medio Rural, Augas de Galicia”.