A perda de solo, cara ‘b’ dos lumes forestais

O uso de cubertas protectoras de palla pode reducir a erosión post – incendio en máis dun 90 por cento. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán publicará un díptico para axudar ós técnicos a valorar a necesidade de restauración de superficies queimadas

A perda de solo, cara ‘b’ dos lumes forestais

Área queimada na que se aplicou unha cuberta de palla para reducir a erosión. / Imaxes: Lourizán.

Os danos dos incendios forestais continúan máis alá da extinción do lume. En chans que se visen especialmente afectados polas lapas ou en zonas de fortes pendentes, a erosión do solo convírtese nun problema a valorar. Para estes casos, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán recomenda o establecemento de cubertas protectoras de palla que eviten a perda de terra. Desde o 2006, ano de grandes lumes, os técnicos do Centro ensaian de xeito sistemático os protocolos máis eficaces para a restauración post-incendio. Este ano prevén publicar un díptico dirixido a axentes forestais e a xestores dos montes para axudalos a valorar a necesidade ou non de actuar nas zonas queimadas.

O arrastre de cinzas e terra polas choivas posteriores ós incendios constitúe un risco real, como demostraron os episodios de inundacións de núcleos e afeccións das cinzas a bancos marisqueiros no outono do 2006. “Daquela, os danos directos e indirectos dos lumes xeraron unha gran sensibilidade social sobre a necesidade de non deixar o monte como estaba”, lembra José Antonio Vega, xefe do departamento de Protección Forestal de Lourizán.

A distribución da palla pode facerse por vía aérea.

A distribución da palla pode facerse por vía aérea.

Foi entón cando Lourizán comezou a valorar a colocación de cubertas protectoras de palla sobre as áreas máis problemáticas, unha práctica que se comezaría a aplicar no monte a partir do 2010 e que xa tivo moita presenza tras grandes lumes coma os do Pindo ou Oia, no 2013.

Técnicas
“A tendencia inicial de recuperación de zonas queimadas orientábase a evitar os impactos do solo erosionado, principalmente a través de obras de hidrotecnia, como a colocación de troncos transversais á pendente, que evitasen que as cinzas e a terra chegasen ós núcleos de poboación, pero non había unha conciencia sobre a perda do solo como recurso”, explica Vega. “Tras os incendios, actuar con axilidade é fundamental, xa que a perda de chan leva a unha redución da potencialidade produtiva do monte. Perdes nutrientes e, en definitiva, perdes capital”, advirte o investigador.

“É fundamental actuar con axilidade, xa que a erosión reduce a potencialidade produtiva do monte” (José Antonio Vega)

Os técnicos axiña se deron de conta de que as obras de hidrotecnia ou outras prácticas habituais, como a distribución de sementes de herbáceas no monte, chegaban tarde se se producían fortes choivas nas semanas posteriores ós lumes. “No caso das sementes, tardan máis dun mes en agarrarse á terra, polo que poden ser arrastradas pola auga”, valora Vega.

“Cubrir o chan vai ser a mellor solución. A tecnoloxía que máis rapidamente pode impedir o movemento da terra é o ‘mulching’, que vén a a ser o establecemento de cubertas de palla ou de corteza desfibrada sobre as zonas queimadas. Tamén poden usarse biorrollos de materiais vexetais, como a fibra de coco, a modo de barreira. Son técnicas que dan moi bos resultados –asegura o investigador-, pero hai que insistir en que cada día que se perde en aplicar medidas de restauración pode levar a danos irreparables”.

Resultados
O emprego do ‘mulching’ de palla é capaz de reducir a erosión nas zonas máis problemáticas, en pendentes ou en chans moi degradados, en máis dun 90%, segundo revelan os datos de Lourizán, que ten máis de cen parcelas de probas en toda Galicia. En Oia, unha das zonas nas que se actuou tras os lumes do 2013, os técnicos comprobaron que, en parcelas non tratadas, a perda de chan acadaba ata as 31,6 toneladas por hectárea. Coa aplicación do ‘mulching’ en parcelas similares, a erosión reducíase nun 92%.

En Oia comprobouse que a perda de chan nunha zona non tratada acadou as 31,6 toneladas por hectárea

A palla de cereal demostrouse o material máis eficiente para cubrir as áreas queimadas. Por lixeireza, custo e capacidade de cobertura, os técnicos concluiron que ofrecía mellor resultado que o ‘mulching’ de corteza e restos forestais triturados. A palla presenta ademais a vantaxe de que se pode distribuir tanto por terra como directamente por helicóptero. “É un material que, a pesar do que se poida pensar, non se move nin coa auga nin co vento. Pégase ó chan e nunha dose axeitada, de 250-300 gramos por metro cadrado, tampouco impide a brotación de plantas e árbores na primavera seguinte”, explica José Antonio Vega.

O emprego das técnicas de restauración xa está sistematizado no caso dos grandes incendios, “unha cuestión que hai que agradecerlle á Consellería” –apunta Vega-, e tamén é coñecido en boa parte dos distritos forestais, se ben en Lourizán márcanse o obxectivo este ano de facer chegar a información necesaria á maioría dos axentes forestais e técnicos do sector, para o que proxectan editar en breve un díptico informativo que axudará a valorar o risco de erosión do solo tras os lumes. “As intervencións de restauración son custosas, polo que hai que priorizar e resulta importante que os xestores forestais poidan distinguir cando é preciso actuar e cando non”, sinalan desde Lourizán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información