“A Pataca de Coristanco ten gran saída no mercado, pero hai que garantir a súa orixe”

Casa da Tulla é unha explotación agrícola familiar que se dedica ao cultivo de Pataca de Coristanco, un produto de calidade recoñecida e cunha crecente demanda no mercado. Este fin de semana este concello coruñés celebra o seu tradicional Festa da Pataca

Publicidade
“A Pataca de Coristanco ten gran saída no mercado, pero hai que garantir a súa orixe”

Patatas de Coristanco de Casa da Tulla

Este domingo, 18 de setembro, o municipio coruñés de Coristanco celebra a XXXVI edición da Festa da Pataca, un produto emblemático deste concello e que está acollido á Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.

Juan Carlos García é un dos cada vez máis agricultores que se dedican a este cultivo de forma profesional. A súa familia tivo unha gandería de vacún de leite ata o ano 2004, cando ao falecer o seu pai, decidiu xunto á súa irmá buscar unha forma seguir aproveitando as terras familiares. “Queriamos cultivar un produto da zona que fose recoñecido no marcado, e de aí xurdiu a idea de cultivar pataca de Coristanco”, explica.

O nome comercial que elixiron foi o de Casa da Tulla, en honra á casa familiar situada no lugar de Podrizo, na parroquia de Oca.

Empezaron con 3 hectáreas e hoxe cultivan 10,5 hectáreas, repartidas en 23 pequenas parcelas, e que permiten vivir deste cultivo a dúas familias, ademais de proporcionar traballo temporal durante a colleita e sementeira.

Seguindo a regulación da IGP Pataca de Galicia para a Subzona de Bergantiños, na que está integrada a Pataca de Coristanco, o cultivo realízano en secaño, sen regadío, o que diminúe a produción pero aumenta a calidade e o valor nutricional do produto. Así, a produción media por parcela é de 20 toneladas, unha cantidade que este ano Juan Carlos García prevé que diminúa ata unhas 15 toneladas, uns rendementos moi por baixo das patacas cultivadas en regadío noutras partes de España, onde as colleitas superan as 40 toneladas por hectárea.

 “Cultivan as patacas en secaño, o que dá máis calidade ao tubérculo”

Este ano prevén en Coristanco unha diminución da colleita de pataca de ata un 30% con respecto ao ano anterior debido á primavera chuviosa que atrasou a plantación e a xerminación, e provocou tamén a proliferación de fungos de mildeu. O verán especialmente seco contribuíu tamén á redución da colleita.

Neste sentido, Juan Carlos García bota en falta unha maior implicación da administración para construír infraestruturas de regadío na zona que permitan aplicar aos cultivos unha rega paliativa en anos de gran estrés hídrico, como este. Así mesmo, critica a lentitude e as trabas burocráticas “que fan que, por exemplo, un permiso de Augas de Galicia para extraer auga do río para unha rega puntual tarde ata 6 meses”.

Proceso de cultivo

En canto ao proceso de cultivo, en Cada da Tulla realizan rotación cada 3 anos para evitar enfermidades. Para iso, manteñen un acordo cunha gandería de leite, SAT A Cortiña, polo cal se intercambian o aproveitamento das parcelas.

A sementeira realízase en abril e as patacas recóllense entre agosto e setembro, sempre de forma manual. Nun 95% cultivan a variedade Kennebec que pola súa carne branca e as súas boas aptitudes para fritir ou cocer é unha das preferidas polos consumidores galegos. A pataca de sementeira cómprana en Francia, xa que, segundo Juan Carlos García, “é unha pataca certificada con moi bo estado sanitario que nos ofrece plenas garantías”.

Antes da sementeira, realizan unha analítica de solo en cada parcela para coñecer as súas necesidades de nutrientes. En base a eses resultados, a fertilización adoita consistir nunhas 150 unidades de nitróxeno por hectárea, 100 de fósforo e 300 de potasio, que complementan cunha tonelada por hectárea de esterco de ovella en pellets.

Unha vez recollida a colleita, almacénase en sacos ventilados de entre 700 e 1.000 quilos, permanecendo a unha temperatura de entre 14 e 16 graos durante uns 20 días para que a pataca acabe de secarse e cure as feridas que puidese presentar.

Comercialización

Practicamente o 80% da produción de Pataca de Coristanco véndese na provincia da Coruña. No caso de Casa da Tulla apostan pola comercialización directa para evitar intermediarios. Así, en torno ao 60% da súa produción véndena a unha gran plataforma de distribución a nivel galego, mentres que o 40% restante distribúeno a profesionais da restauración, tanto de Galicia como de Madrid.

O prezo para o agricultor rolda os 0,50 euros o quilo, e 0,40 no caso da venda á gran distribución. Con todo, a importante baixada de produción deste ano fai prever que os prezos suban para o agricultor ata chegar mesmo aos 0,75 euros o quilo.

“Queremos darlle garantías ao consumidor de orixe e de calidade”

Casa da Tulla está inscrita na IXP Pataca de Galicia tanto como produtor como envasador. Apostan pola etiquetaxe de toda a súa produción xa que, segundo Juan Carlos García, “supón darlle unha garantía ao consumidor e evitar fraudes de pataca que se vende como de Coristanco pero que non o é”.

Que diferencia á pataca de Coristanco?

Neste sentido, este agricultor lembra que a pataca de Coristanco é unha pataca de tempada, conservada mediante sistema tradicional e sen utilizar antixerminativos, polo que soamente está no mercado entre os meses de agosto e marzo. “Hai que desconfiar da pataca que se venda como de Coristanco fóra desa época”, advirte.

Outra característica diferenciadora da Pataca de Coristanco é que se recolle a man, o que reduce as mazaduras e golpes das colleitadoras mecánicas.

Ademais, o seu cultivo en secaño permite que este tipo de tubérculo teña máis porcentaxe de materia seca e menos humidade. “É unha pataca moito máis saborosa, e o consumidor recoñéceo e valórao, porque o que a proba repite”, subliña Juan Carlos García.

“A nosa pataca véndese soa, pero temos que avanzar en trazabilidade e sustentabilidade”

En canto ao futuro deste cultivo, este agricultor móstrase convencido do seu gran potencial “porque é unha pataca con gran recoñecemento comercial e que se vende soa”. Iso si, considera imprescindible reforzar a trazabilidade para garantir ao consumidor que toda a pataca que se vende como de Coristanco realmente o é, e avanzar na agricultura de precisión para reducir ao mínimo necesario a aplicación de produtos fitosanitarios. “A pataca de Coristanco seguirana cultivando os agricultores que innoven e que se reciclen”, prognostica Juan Carlos, mentres ensina unha aplicación no móbil que lle indica as previsións de humidade e de temperatura neste concello e que lle permite poder adiantarse aos ataques de mildeu.

Por último, este agricultor móstrase convencido de que o futuro do agro galego pasa pola diversificación de cultivos. “Con entre 3 e 5 hectáreas de pataca ben cultivadas, que se alternen cun cultivo dunha verdura como o grelo no inverno, unha familia pode vivir perfectamente porque a venda no mercado está garantida”, conclúe.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información