A partir de mediados de marzo prohibirase plantar pataca nos 31 concellos afectados pola couza guatemalteca

A partir de mediados de marzo prohibirase plantar pataca nos 31 concellos afectados pola couza guatemalteca

Couza guatemalteca da pataca

A partir de mediados de marzo prohibirase plantar pataca nos 31 concellos de Ferrolterra, Ortegal e da Mariña lucense afectados pola couza guatemalteca. Así o anunciou esta tarde a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia no Parlamento Galego para responder a varias preguntas da oposición sobre a actuación da Xunta para frear esta praga, que non afecta á saúde humana, pero si provoca importantes perdas de produción.

Ángeles Vázquez lembrou que “as zonas afectadas son todas de produción para autoconsumo pero cómpre tomar medidas drásticas -puntualizou- para que non avance cara ás zonas de produción para venda”, que se centran principalmente nas comarcas de Bergantiños e A Limia, “nas que non se detectou a praga, tal e como demostran os trampeos que realizamos”, subliñou.

A conselleira matizou que os concellos afectados están advertidos de que vai haber unha prohibición, que se espera que faga efectiva o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente na primeira quincena do mes de marzo a través dun Real Decreto. Mentres non se publica seguen vixentes as medidas aprobadas pola administración galega, establecidas polos técnicos do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia.

Para aqueles produtores -a práctica totalidade para autoconsumo- que teñan que levantar as colleitas por estar afectadas pola praga, a conselleira non informou das indemnizacións que percibirán, algo que establecerá o Real Decreto do Ministerio. En todo caso, as que veu aplicando a Consellería ata o de agora foron de 0,30 euros por quilogramo.

Ángeles Vázquez insistiu en que agora as actuacións prioritarias pasan por impedir que esta praga se poida dispersar ao resto de concellos e erradicala naquelas zonas onde xa está presente. Para iso, salientou que a través da resolución publicada polo seu departamento -neste mes de febreiro- xa se intensificaron as medidas a adoptar, onde os comercializadores de pataca de semente deben realizar un rexistro das ventas a agricultores e aqueles produtores que xa teñan realizadas plantacións deben identificar as parcelas nas que as sementaron.

“É preciso aplicar medidas contundentes para erradicar a praga e non caer no alarmismo”

A titular de Medio Rural quixo deixar claro que se está a traballar arreo e que se manteñen reunións cos alcaldes, organizacións profesionais agrarias e o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia para informar dos avances co fin de que os veciños sexan coñecedores da situación.

Así mesmo, puntualizou que esta mesma semana manteranse reunións cos almacenistas e, a continuación, con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Ángeles Vázquez insistiu, unha vez máis, en que “é preciso non difundir informacións alarmistas e aplicar medidas contundentes para erradicar a praga no menor tempo posible e así non perder oportunidades de negocio e de mercado”.

O trampeo en 2016 conclúe que as principais zonas produtoras de Galicia están libres da couza guatemalteca

A conselleira do Medio Rural asegurou que o traballo dos técnicos foi exhaustivo, que se centrou nas zonas afectadas e nas demarcadas, onde se colocaron dende o 2015 máis de 700 trampas coa captura de preto de 14.000 individuos deste insecto. A maiores, engadiu, no resto do territorio da Comunidade autónoma tamén se estableceron outras 87 trampas -nas principais zonas de produción da pataca (A Limia, Bergantiños e A Terra Chá) – “onde non se detectou a presenza da couza guatemalteca e temos que evitar que chegue”.

A titular de Medio Rural informou que se destruíron un total de 6.800 quilos de pataca afectada entre os anos 2015 e 2016 e se repartiron 1.200 “polilleiros” entre os agricultores desas zonas. Ademais de numerosas charlas informativas, tamén se distribuíron dípticos e carteis informativos sobre a praga e o seu control e se elaborou un Plan de Acción de erradicación e control para o ano 2016 que se prolongará durante este ano 2017.

A conselleira concluíu subliñando que a couza guatemalteca “é un problema de sanidade vexetal, non de saúde pública, polo que non supón ningún risco para a saúde humana”.

A oposición critica a falta de información por parte da Consellería e que agarde polo que diga o Ministerio

Por parte da oposición, coincidiron en criticar o que consideraron “falta de previsión” da Consellería para evitar a expansión da Tecia Solanivora, que no 2015 foi detectada en 3 concellos da comarca de Ferrolterra e que pouco máis dun ano despois expandiuse a 31 municipios.

Así, Xosé Luis Rivas, do Bloque Nacionalista Galego, criticou que “as medidas do goberno da Xunta reveláronse ineficaces” e lembrou que nas zonas afectadas “o sentimento entre os produtores é de desamparo e de incerteza”.

Neste sentido, o deputado nacionalista reclamou que “as medidas da Xunta hai tempo que deberían estar deseñadas e en activo” e criticou que “o goberno galego estea esperando ao que dite Madrid mediante un Real Decreto, como se a Xunta non tivese competencias completas no asunto”. “Están esperando a que en Madrid digan arre ou xo e a xente non sabe se ten que levantar as patacas ou non”.

Bng: “A Xunta está esperando a que Madrid diga arre ou xo”

Polo grupo socialista, José Antonio Quiroga, preguntoulle á conselleira” ¿Por que non se actuou antes de empezar a sementar as plantacións?”, xa que nas zonas demarcadas moitos produtores xa plantaron as patacas de cedo. O deputado do PP criticou “a pasividade en actuar da Consellería, cando se coñece de sobra o borrador do Decreto” do Ministerio de Agricultura e advertiu de que “estase degradando o valor no mercado da pataca de Galicia por esa falta de actuación da Xunta”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información