A OPL e Agromuralla cuestionan o papel do Goberno como garante do acordo lácteo

Ambas organizacións advirten de novas baixadas dos prezos en orixe do leite no campo, en tanto se están a producir ofertas do produto nas cadeas de distribución. “O Goberno permanece impasible, pase o que pase”, valora a OPL

A OPL e Agromuralla cuestionan o papel do Goberno como garante do acordo lácteo

Leite Gustosa a 20 céntimos en El Árbol, en Asturias.

Oito meses despois do acordo lácteo, as organizacións agrarias continúan sen apreciar suficientes avances na situación das granxas no campo. A Organización de Produtores de Leche (OPL) e Agromuralla cuestionan o papel do Goberno como garante do cumprimento do pacto asinado por industrias, cadeas de distribución e parte do sector agrario.

Tanto a OPL como Agromuralla lembran que as industrias están a aplicar novas baixadas de prezos do leite no campo, en tanto a vontade das cadeas de distribución para revalorizar o leite no supermercado continúa en entredito. O recente caso dos supermercados El Árbol (Grupo Dia), que puxeron leite en oferta das marcas Reny Picot e Gustosa (Leche Río) a 20 céntimos, molesta en especial ós gandeiros.

Parte dos briks en oferta a 20 céntimos levaban o selo de ‘Producto Lácteo Sostenible’ (PLS)

Dáse ademais a circunstancia de que os briks de Reny Picot estaban etiquetados co selo PLS (Producto Lácteo Sostenible), unha marca impulsada polo Ministerio de Agricultura en colaboración coas industrias para identificar leite que en teoría garante remuneracións correctas para todos os eslabóns da cadea.

A OPL cuestiona o papel do Goberno como garante do acordo lácteo e acúsao de “permanecer impasible, pase o que pase”. Tanto a OPL como Agromuralla fixeron as oportunas denuncias ante a Administración polo caso de venda de leite a 20 céntimos en El Árbol. O Grupo Dia, en declaracións ós medios, restrinxiu o problema a pouco máis dun cento de briks dos que se quería desfacer por un desestocaxe de almacén.

Contactos polo catastrazo
Agromuralla está a manter contactos con todos os gobernos locais dos concellos nos que ten representación para solicitar que se adopten as medidas oportunas de cara a reducir o impacto da renovación catastral nas explotacións agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información