A OPL apoia a protesta de Agromuralla o martes 6

A organización destaca que o acto tratará de poñer en coñecemento da cidadanía que “estamos peor que hai un ano”. Apatía do sector ante as axudas para reducir a produción

A OPL apoia a protesta de Agromuralla o martes 6

Protesta da OPL o ano pasado ante a Xunta. / Arquivo.

A Organización de Productores de Leche (OPL) anunciou nunha nota de prensa que apoia a protesta de Agromuralla que se desenvolverá o martes 6 de setembro en Lugo. O presidente da OPL, Manuel Iglesias, incide en que o acordo lácteo de hai un ano non supuxo polo de agora cambios para as explotacións gandeiras, que teñen unha situación de prezos peor que hai un ano, co agravante dun aumento das débedas.

Desde a perspectiva da OPL, o acordo lácteo tiña o principal obxectivo de “desconvocar as manifestacións dos produtores”. “A xente está desanimada, pero temos que poñer en coñecemento da cidadanía que estamos abandonados polas Administracións e nas mans de industria e distribución”, defende Iglesias. A OPL participará na mobilización do próximo martes en Lugo.

Valoracións sobre as axudas para reducir a produción
En canto ás axudas para reducir a produción, Manuel Iglesias considera que terán unha escasa repercusión no campo galego, pois sinala que en Galicia estase a producir desde maio menos volume de leite que a pasada campaña.

“Pode suceder que unha granxa pida a axuda para reducir entregas e outra veciña aproveite para aumentar a produción” (Roberto García, Unións)

Doutro lado, grandes industrias do sector, como Lactalis ou Capsa, están a eliminar ou suavizar as restriccións que impuxeran sobre as cantidades que recollen, polo que o interese dos gandeiros nas axudas é escaso.

Sobre as axudas opinou tamén onte o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, quen incidiu na súa “inutilidade”. “Pode darse a circunstancia de que unha granxa pida a axuda para reducir a produción e outra veciña aproveite para producir máis”, cuestiona.

García tamén considera que se poderían dar casos de picaresca, como o do leite negro, que non aparece na factura, como vía para declarar unha produción inferior á real e percibir a maiores a axuda por reducir entregas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información