A nova proposta de acordo lácteo elude a concreción do prezo “sostible”

Unións Agrarias-Upa considera insuficiente o novo documento, aínda que valora en positivo os avances dos últimos días e as liñas de traballo que se abren

A nova proposta de acordo lácteo elude a concreción do prezo “sostible”

Industria, distribución, cooperativas e organizacións agrarias asinarán o acordo o 23.

O acordo lácteo que se asinará o próximo mércores 23 no Ministerio de Agricultura continúa sen convencer a todo o sector. As conversas das últimas dúas semanas para negociar melloras sobre o documento inicial a penas forzaron cambios. O principal problema, en valoración do sector, é a falta de concreción sobre o “prezo sostible” que as industrias lle teñen que pagar ó gandeiro.

“Estamos de acordo no planteamento do Ministerio de que toda a cadea de valor do leite ten que percibir prezos sostibles, desde a distribución á industria e ó gandeiro, pero temos que concretar en que arco se move ese prezo”, valora Román Santalla (Unións Agrarias-Upa).

O sector amósase decepcionado pola falla de concreción do prezo sostible. Cando a desconvocatoria do bloqueo ás industrias, o pasado mércores, as organizacións agrarias confiaban en maiores avances; se ben agardan que as liñas de traballo que se abrirán co Ministerio a partir do día 23 consoliden melloras a medio prazo.

Anuncios de industrias e distribución
O novo documento, que entrará en vigor 10 días despois da súa sinatura, tampouco recolle outras demandas do sector produtor, como un compromiso das industrias para eliminar os contratos á baixa e para revalorizar o leite de xeito inmediato. Son cuestións que non aparecen no borrador de acordo do Ministerio, se ben parte das industrias e da distribución pronunciáronse en tal sentido nas últimas semanas, o que representa un paso adiante para lograr o entendemento entre todos os eslabóns do sector lácteo.

Cadeas como Mercadona, Lidl ou Eroski anunciaron subas de arredor de 2 céntimos nos pagos as súas industrias lácteas proveedoras, co compromiso de que eses aumentos van repercutir no gandeiro. Entre tanto, industrias como Leche Celta ou Clas confirmaron a retirada dos contratos á baixa. Para o sector produtor, os anuncios de industrias e distribución constitúen “xestos positivos”, pero as organizacións agrarias botan en falta que non haxa garantías por escrito ó respecto na proposta de acordo do Ministerio.

A ‘proba de algodón’ do acordo estará nos contratos que as industrias lle trasladen ós gandeiros nas semanas sucesivas

O documento si recolle que as industrias deben compartir cos gandeiros a revalorización que obteñan dos prezos pagados pola distribución, pero queda por ver como se controlarán estas cuestións. A ‘proba do algodón’ do acordo do 23 estará nos contratos que as industrias lle trasladen ós gandeiros nas semanas sucesivas. Que prezos se pagarán e en que condicións?

Folla de ruta
O acordo impulsado polo Ministerio, máis que unha solución final ós problemas do sector gandeiro, preséntase como unha folla de ruta para desenvolver no medio prazo parte das cuestións claves apuntadas no texto. Aspectos como o prezo sostible, as sancións por incumprimento, o contrato tipo entre industria e produtores ou a regulación das relacións entre primeiros compradores e gandeiros, e entre primeiros compradores e industrias, serán temas a resolver nos próximos meses.

Sinatura
Así as cousas, resta por ver se as dúas organizacións críticas coa proposta inicial de acordo do Ministerio, Upa e Coag, asinarán ou non o documento este mércores. Desde Upa, Román Santalla adianta que “aínda no caso de non asinar, seguiremos a traballar co Ministerio para avanzar nas liñas que se abren con este acordo”.

En canto ó Sindicato Labrego –que participou a través de Coag nas negociacións-, días atrás valorou como positivos os anuncios que estaban a facer industrias e distribución para a revalorización do prezo do leite, pero seguía a marcar como liña vermella a necesidade de concretar un prezo sostible para o leite, unha cuestión que non aparece na proposta ministerial.

[Máis información]Novo borrador de proposta de acordo para a estabilidade e sostibilidade da cadea de valor do vacún de leite.

Una idea sobre “A nova proposta de acordo lácteo elude a concreción do prezo “sostible”

  1. Sócrates

    Non sei, pero témome que as cousas van ir a pior [se é que poden ir aínda pior], se os prezos non mudan, e os gandeiros con toda a razón do mundo [de novo] vanse sentir estafados [outra vez] pola administración, industria, distibución e algún máis.
    Despois da campaña do millo veremos, pero a cousa persoalmente a vexo moi mal.
    Mágoa.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información