
“O meu Ribeiro soñado” foi o título da ponencia desenvolvida por Marta Cortizas Fernández, sumiller do prestixioso restaurante El Celler de Can Roca (Girona), nun encontro de profesionais no Museo do Viño de Galicia (Ribadavia) no que se abordou o debate entre priorizar terreos ou castes na vitivinicultura galega.
POSICIONAMENTO DO RIBEIRO
A considerada mellor sumiller de España en 2024 explicou como se ve a Denominación de Orixe (DO) Ribeiro dende dentro e dende fóra de Galicia, sendo visións moi diferentes. “Para calquera galego o Ribeiro sabe a viño de sempre, o da casa. Da igual o que abras, vai saber á terra e á tradición desta zona.”
Para as persoas especializadas no sector en Galicia, esta DO supón unha riqueza varietal e un minifundio que o fai moi particular. “Ademais de ter toda unha historia e tradición detrás moi documentadas e que tamén supoñen un aporte de posicionamento e facilita o traballo dos sumilleres, que sempre queremos ter algo diferente que explicar ao consumidor.”
Máis aló das fronteiras galegas, hai que diferenciar entre o público do resto do estado e o público de fóra de España. “Noutras zonas de España, e entre os profesionais, o Ribeiro é algo que esperta curiosidade porque non está moi exposto nas cartas de viños. Creo que só se sabe que está en Galicia pero non o saben situar no mapa galego e non se coñece ben o que fan as adegas.”
Fora de Galicia o Ribeiro aínda é pouco coñecido e recoñecible. Non pasa nada. Hai ferramentas para cambiar esa situación
Cortizas considera que habería que facer un esforzo por posicionar os viños desta DO dando a coñecer as castes que se empregan, os métodos de elaboración, as técnicas agronómicas, as maridaxes, o tipo de terreo… E observa que entre o público xeral o Ribeiro é moi descoñecido.
“Entre os profesionais estranxeiros hai unha grande falta de información. Non hai Ribeiro nas cartas máis alá de dúas ou tres referencias e en lugares moi concretos. E o mesmo sucede cos consumidores. Non pasa nada. Esa é unha situación reversible que podemos cambiar se nos poñemos a traballar.”
Unha das fortalezas para saír dese certo anonimato fóra de Galicia consiste, segundo a sumiller, na particularidade do clima. “O Ribeiro considérase clima atlántico, que é do máis valorado hoxe no mundo do viño. Mais ten tamén compoñentes climáticos mediterráneos que o enchen de matices. Esa mestura de climas pode abrir moitas portas.”
Por outra banda, Cortizas, que leva dende 2020 en Cataluña, sinalou a abundancia de auga en Galicia como feito deiferencial fronte a outras rexións de forte produción vinícola. “En Cataluña non hai ríos que leven a auga que levan os nosos. Levamos catro anos que están case secos. Os ríos galegos, a súa confluencia e a vida que crean son unha riqueza. Tamén para a viticultura.”

Cortizas aposta por que os viñedos non constitúan un monocultivo
A posta en valor do contexto histórico -cunha ferramenta como o propio Museo do Viño- e a aportación de gastronomía e a paisaxe son outros aspectos que conforman a base dende a que o Ribeiro pode despegar definitivamente fóra de Galicia.
Quen veu a Galicia quere volver. E quen non veu, quere vir. Baixo esa premisa, Cortizas contou que no restaurante onde traballa, aínda que está situado en Girona, nas conversas de sobremesa sempre acaban saíndo os viños, as paisaxes e a gastronomía galegas. E os clientes amosan o seu interese en coñecer o noso país.
IDENTIFICAR E CLASIFICAR OS TERREOS
Outro paso que fortalecería a posición do Ribeiro estaría na clasificación dos viñedos – identificar e rexistrar todas as parcelas, terreos e zonas vinícolas, incluso as que desapareceron-. Algo que xa se fixo con éxito en zonas como o Priorat ou a Borgoña.
“Unha diferencia con esoutras zonas onde teñen clasificado o viñedo, é que non dispoñen da ampla variedade de castes que temos nós. Asociamos Ribeiro con treixadura e tendemos a esquecer outras castes como a torrontés, a loureira ou o Ferrón. E eso creo que é un erro porque a proliferación de variedades é unha riqueza.”
Cortizas ve unha oportunidade no minifundio porque evita caer en monocultivos. “Unha paisaxe de monocultivo, sexa de viñedo ou doutra produción, non é algo natural. A agroforestería -a mestura de cultivos moi diferentes e gando- é un valor para a terra, a paisaxe e mesmo a economía dunha zona.”
A diversidade de castes de uvas e de solos, os policultivos e a agroforestería son fortalezas que hai que manter e recuperar no Ribeiro
Unha agroforestería que, di a sumiller, pode ser aplicada en áreas do Ribeiro, como xa se fixo noutras épocas, e mantela onde xa está presente. E que mesmo pode potenciar o enoturismo ao ofrecer paisaxes moi diversas e experiencias engadidas ao viñedo e ás adegas.
Outras vantaxes da agroforestería están na conservación da biodiversidade, a protección dos solos fronte á erosión, a redución de pragas e enfermidades, a maior produtividade da terra e a eficiencia na utilización dos recursos.

A sumiller de El Celler de Can Roca cre que se deben recuperar todas as elaboracións tradicionais do Ribeiro
Na liña do enoturismo, Cortizas fala de modelos diferentes. “Hai grandes adegas con proxectos enormes, recursos enormes e ofertas enormes. Todo centrado no seu traballo. O pequeno produtor, do Ribeiro ou doutras zonas de Galicia, pode competir ofrecendo a tradición, a paisaxe e a historia da contorna onde está a súa adega. Son experiencias moi diferentes das das grandes adegas e tamén moi diferentes entre sí.”
OUTROS MODELOS
A recuperación dos viñedos na Serra de Gredos (Ávila, Cáceres, Madrid e Salamanca) é un exemplo inspirador. “Un territorio no que o cultivo estaba abandonado. Pero aproveitaron os solos graníticos, o estar lindeiros con fragas e as viñas moi vellas que foron recuperadas. Eses elementos son algo que se busca nas cartas dos mellores restaurantes do mundo. E pódese aplicar a pequenos e medianos proxectos aquí.”
O éxito pode ser perigoso. Porque , unha vez que o acadamos, tendemos a deixarnos levar e a non pensar. “Temos o caso da Borgoña, onde a viticultura foi substituída polo marketing. Caeuse na especulación e hoxe os viños non son accesibles para a inmensa maioría dos consumidores e mesmo da restauración. Creo que eses non son os modelos que debemos buscar.”
“En Galicia temos o caso das Rías Baixas, que está presente en case todo o mundo. Polo de agora seguen sendo viños accesibles. Máis corren o risco de que suceda como en Borgoña, onde xa nin sequera é posible mercar unha parcela pequena. Confío en que non se chegue a eso.”
Cortizas pon como exemplo a seguir para o Ribeiro e outras DO galegas a rexión francesa do Jura. Alí hai viñedo e tamén froiteiras, cereais ou pastos e forraxes para o gando. Así poden comercializar todo tipo de produtos e a prezos asequibles pero rendibles. “E eles son os primeiros en saber que esa é a súa principal fortaleza”
Eu sempre recomendo os viticultores que intercambien experiencias e coñecemento. É a mellor forma de que todos avancen
Mais non chega coas características que xa se teñen e coas posibilidades que se poden plantexar. “Hai que acudir a todos os eventos de intercambio de coñecementos e experiencias que se poida. Hai que catar, observar e preguntar. E tamén contar o que nós facemos e como o facemos.”

A alta restauración está disposta a asumir as pequenas elaboracións diferenciadas
Para acadar un mellor posicionamento son imprescindibles os recursos económicos. Por eso, Cortizas anima a aproveitar as diferentes liñas de axudas que crean as administracións e que van orientadas a pequenos proxectos singulares ou ao conxunto das DO.
Pero, á marxe das subvencións, existen fórmulas colaborativas que poden xerar recursos materiais que fan máis doado abrirse camiño. Así, a enóloga puxo un exemplo de Mallorca, onde Eloi Cedó e Cati Ribot -con modelos diferentes- comparten instalacións, uvas e elaboracións de xeito que se retralimentan. “Hai múltiples formas de colaboración que reportan beneficios, especialmente en canto a coñecemento.”
O abandono do medio rural é algo sobre o que se leva falado moito nos últimos anos. Cortizas analizouno dende o punto de vista da viticultura. “Moitos xóvenes marcharon de aquí porque viron que os seus pais cobraban unha miseria polas uvas. O mesmo sucedeu no Penedés. Agora moitas persoas que marcharan á cidade ou naceran nela están regresando a esa zona rural de Cataluña a emprender ou retomar proxectos agrarios.”
Por eso, Cortizas recomenda deixar de vender a uva do Ribeiro a prezos baixos e a grandes adegas que logo acaban facendo viños que non se diferencian entre si. “Hai recursos para emprender, para dignificar a profesión de viticultor e vivir dela. Non se debe ter medo a dar o paso. Ben en solitario, ben en colaboración con outros.”
O FUTURO
A sumiller sinala que na restauración están dispostos a mercar viños que supoñan a recuperación de técnicas e castes tradicionais e que procedan de pequenos proxectos. “A tendencia de consumo é buscar algo diferente e diferenciado. O viticultor non debe ter medo a arriscar nesas liñas porque a restauración vai responder.”
Se as castes están xuntas na terra, non hai por que separalas na botella. Xuntas reflicten mellor o territorio
Malia a situación actual do mercado, cun incremento da venda de brancos, unha forte caída dos tintos e un estancamento doutras elaboracións (rosados, escumosos, licorosos…) Cortizas fixo un chamamento a non perder a variedade. “O tostado do Ribeiro, por exemplo, é un produto de altísima calidade e que permite xogar coa elaboración. E, sen embargo, está case desaparecido. Non debemos deixar perder ese patrimonio cultural.”

Cortizas deu a súa visión sobre o Ribeiro a viticultores e adegueiros no Museo do Viño de Galicia
Como conclusión, Marta Cortizas explicou que o seu Ribeiro soñado “é un proxecto multicultural, con xente xoven, con proxectos xóvenes, con viñas vellas, aberto ao mundo, coherente e con múltiples realidades en canto a castes, elaboracións e terreos.”
E sinalou tamén que o futuro pasa por persoas novas ben formadas e “dispostas a aprender para desaprender” e que poidan vivir do froito do seu traballo nunha contorna na que o monocultivo non sexa a nota predominante.
Galego









Control OJD