A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes centrou a súa última xuntanza no gando cabrún, reunindo a pasada fin de semana en Vilela (Navia de Suarna) experiencias de gandeiros da zona, uns mozos e outros xa xubilados, un intercambio necesario para lograr recuperar a presenza de cabras nos montes dos Ancares.
O cabrún foi un sector que historicamente tivo moita importancia nesta zona da montaña de Lugo como xeito tradicional de limpar o monte e manter a raia os incendios, pero a decadencia do censo deste gando nas últimas décadas, tanto nas aldeas dos Ancares coma noutras zonas de Galicia, foi máis que notable. E a medida que as cabras ían desaparecendo dos montes das parroquias ían aparecendo os lumes, como o que en 1998 queimou Vilela ou no 2017 calcinou 4.000 hectáreas de Donís, Cereixedo e Noceda, no veciño concello de Cervantes.
A medida que as cabras desapareceron do monte, apareceron os lumes
Os pequenos rumiantes (cabras e ovellas) foron esenciais no control do mato até os anos 70, cando comeza a esmorecer o sistema tradicional de pastoreo no monte. Até entón, cada familia dispoñía dun pequeno rabaño de medio cento de animais que se pastoreaban con sistemas de veceira (turnos entre os veciños para levar o gando ao monte). Pero a medida que a poboación nas casas minguaba e as familias se ían desfacendo das cabras e as ovellas para non ter que atendelas, máis a miúdo lles tocaba ao resto de veciños, os que aínda as mantiñan, ir co gando ao monte, o que acelerou unha desaparición en cadea na maioría de parroquias.
O gando pastoreábase tradicionalmente mediante sistemas de ‘veceira’ pero a medida que menos familias tiñan cabras, máis a miúdo lles tocaba aos que as mantiñan ir cos animais ao monte
Reverter esa situación non semella doado, máis aínda cando o despoboamento foi avanzando á par que o facía o mato en moitas desas aldeas onde antes había cabras e ovellas, pero existen mozos nos Ancares que están a ver unha oportunidade no sector, seguindo os pasos doutros gandeiros máis veteranos e que mantiveron a tradición até a actualidade. Coñecemos as súas historias.
“O meu pobo non vale para vacas porque é moi pendente, pero para cabras si”
José Claudino Alba Regueiro foi até hai tres anos o maior cabreiro dos Ancares. Chegou a ter un rabaño de 400 reprodutoras en Teixeira, na parroquia de Vilapún, pertencente ao concello de Cervantes.
É un lugar cunha forte pendente e de chan pobre, pouco apto para o gando vacún, pero onde as cabras se adaptaron á perfección. “É un tipo de gando que se adapta ben ao tipo de terreo que hai nesta zona, porque aquí en moitas zonas dos Ancares non podes meter 150 vacas e sen embargo de cabras si que che permite ter un rabaño importante. Iso era un pouco o que me pasaba a min. Eu con 6 ou 7 vacas andaba reventado de traballo porque o sitio non vale para mecanizar e non podía aumentar tampouco ao número de cabezas porque a maioría da superficie da que podía dispoñer eu era monte e non valía para as vacas, pero para ter cabras si”, conta. “Hai que adaptar o gando ao lugar, non o lugar ao gando”, opina.
Hai que adaptar o gando ao lugar, non o lugar ao gando
Aínda que en Teixeira nunca houbera cabras ou ovellas, ao contrario do que acontecía históricamente noutras moitas aldeas dos Ancares, José apostou polo gando cabrún de maneira profesional. “Non tiña experiencia ningunha con cabras e tiven que ir aprendendo sobre a marcha e moitas veces perdendo cartos”, recoñece.
José Claudino producía en ecolóxico con cabra galega fundamentalmente
Esa experiencia é a que o leva a tentar axudar aos mozos que se incorporan “para que lles vaia ben”. Xubilouse hai 3 anos e está disposto a compartir o seu coñecemento con eles e mesmo as instalacións das que dispuña. “Sería unha explotación viable para quen a quixese coller, para min foino, pero eu non podo obrigar a ninguén”, di.
O máximo de carga gandeira sen suplementar nesta zona sería de 2,5 cabras por hectárea
A de José Claudino é a única casa habitada a diario en Teixeira, onde hai 6 casas e 180 hectáreas de monte comunal. De mozo José Claudino marchara traballar a Bilbao pero co tempo decidiu voltar ao lugar onde nacera e vivir da terra. “Voltei porque pensei que me podía gañar mellor a vida aquí”, di. Na casa tiña unha pequena explotación familiar, con 5 ou 6 vacas, e poucas posibilidades de crecemento. Por iso apostou polo gando cabrún. “En 1986 merquei 2 cabras e logo ao pouco xa introducín outras 40 e fun recriando delas”, lembra.
Transformación do mato en pradeira
A súa idea era telas no monte, que nesta zona é moi pobre e moi pendente, imposible de mecanizar. Chegou a ter 400 cabras en 180 hectáreas de superficie, pero das 180 hectáreas só 4 puideron transformarse en prado de xeito mecanizado. Sen embargo, se hai alguén capaz de transformar as uces en pradeiras esas son as cabras.
José Claudino empregaba sistemas de silvopastoreo rotacional, pero cunha duración da rotación de 6 meses
Ao introducilas no monte de Teixeira deixaron as uces, que tiñan 80 cm de altura, totalmente defoliadas, como se pasara un lume. Logo de pasar un tempo retiráronse as cabras para que a vexetación se recuperara e volveran ter brotes verdes que comer. Mediante este sistema de silvopastoreo rotacional logrouse controlar o mato e baixar a altura da biomasa, formada por uces fundamentalmente, a entre 15 e 20 cm. Non houbo necesidade de facer ningún tipo de queima controlada.
Un animal delicado
A maiores das 4 hectáreas de monte transformadas inicialmente a pradeira, cercáronse outras 30 ha cunha malla de 2 metros de altura, un lugar seguro que lle permitía a José Claudino ter as cabras protexidas do lobo e das inclemencias meteorolóxicas no inverno nunha zona de arboredo.
A cabra é máis delicada ca ovella en días de mal tempo e tolera mal a chuvia
A cabra é un animal do deserto que tolera mal a auga, sobre todo de noite cando dormen. Polo día, mentres están comendo, non lles afecta tanto porque non perden tanta temperatura. Os cambios bruscos de temperatura do día á noite tamén lles provocan problemas de pneumonía.
Unha corte para os cabritos
As cabras de José Claudino estaban sempre no monte, pero a explotación contaba a maiores cunhas instalacións cubertas de 400 metros cadrados de superficie destinadas aos cabritos, que estaban sempre dentro. “Con 400 cabritos cada ano non podía pasar o traballo de metelos e botalos todos os días e se pasaran a noite fóra ao día seguinte a metade non volverían”, asegura.
Nunha ocasión o lobo matoulle 41 cabras, uns danos que as compensacións da Xunta non cubriron
Este gandeiro de Cervantes ten mal recordo do lobo. Aínda lembra cando no outono do 2002 unha manda lle matou 41 cabras, unhas perdas valoradas nuns 9.000 euros que as compensacións da Xunta non cubriron na súa totalidade.
José Claudino vendía os cabritos entre os 2 e os 3 meses de vida, fundamentalmente a carnicerías da zona de Ponferrada e tamén a particulares. Tratábase dunha carne tenra e de moita calidade. “Os cabritos criados na corte teñen unha carne máis branda e máis branca que os criados fóra; esa carne é máis roxa e de textura máis dura porque os cabritos fan máis exercicio”, explica.
“Só con uces non chega”
A ganadería ecolóxica de José Claudino compatibilizaba un sistema de manexo en extensivo puro para as cabras con outro estabulado para os cabritos. A alimentación das crías unha vez destetadas pasaba a ser herba seca e penso ecolóxico. “Eu recollía moi pouca herba seca, uns 100 rolos, e gastábaos fundamentalmente nos entre 350 e 400 cabritos que tiña cada ano”, explica.
As cabras, sen embargo, alimentábaas co que elas comían, sen suplementar. “Só lles daba algo de penso ou cereal moído antes de cubrilas”, conta. A metade do menú diario consistía en monte bravo a base de brezo fundamentalmente e a outra metade pastizais ou prados. “Normalmente pola mañá tíñaas no monte e pola tarde movíaas ao pasto. Se era un día de moita chuvia podían estar no brezo todo o tempo e se nevaba había que baixalas a un sitio sen neve e telas alí”, indica.
A cabra necesita comer ben, non serve darlle calquera cousa, faille falta o monte para a fibra e a pradeira para a proteína
Este sistema permitíalle reducir moito os custos de alimentación das nais, pero José Claudino advirte de que non chega só con levalas ao monte. “O cabrito se non mama leite non sae adiante e a cabra para que dea leite ten que comer ben, igual que unha vaca ou unha ovella, non serve que coman calquera cousa”, compara.
Por iso, di, “só con uces non se manteñen as cabras”. As uces teñen un nivel de proteína moi baixo, polo que a combinación con toxos ou xestas funciona moi ben porque son arbustos con niveis de proteína moito máis altos. Pero no monte de Teixeira non abundaban.
Os cabritos estaban sempre na corte, non saían coas nais, e unha vez destetados comían herba seca e penso ecolóxico
A cabra é un animal moi selectivo na súa dieta, pero pódense obrigar a comer o tipo de vexetación que ao gandeiro lle interese, para domesticar unha zona ou controlar o mato, manténdoa máis tempo nunha parcela concreta. Pero “se as tes unha semana castigadas nunha zona moi mala hai que levalas despois dúas semanas a unha zona boa para que recuperen”, di.
No 2018 José Claudino xubilouse e vendeu as cabras e ese labor de control do mato no monte que o seu gando facía xa non o fai ninguén. Nas 180 hectáreas que rodean ás 6 casas de Teixeira está a volver a medrar a vexetación e toda esa infraestrutura de peches e cercados está hoxe en desuso.
“O obxectivo é limpar o monte e evitar que volva arder a aldea igual que no ano 1998”
Os últimos lumes que afectaron ao corazón dos Ancares no 2017, queimando a mediados do mes de outubro 4.000 hectáreas en Cervantes, producíronse nas zonas onde máis ten desaparecido a actividade gandeira e o pastoreo como sistema de manexo.
Cervantes, ao igual que outros concellos dos Ancares, como Navia de Suarna, teñen máis do 50% da súa superficie comunal. Distintas experiencias neste tipo de montes teñen demostrado a utilidade das cabras e as ovellas para o control do mato e a vexetación espontánea.
Navia e Cervantes nos últimos 70 anos perderon o 83% da súa poboación
Cabras e ovellas compleméntanse ben, pero as cabras duplican a capacidade de comer uces das ovellas, así como outras leñosas, por iso a cabra debería ser o animal pioneiro para o tipo de vexetación que hai hoxe nos montes desta zona dos Ancares.
Suso Méndez ten iso claro e por iso está a apostar polo gando cabrún no seu proxecto de reinicio da actividade de pastoreo no monte veciñal de Vilela, en Navia, unha aldea en recuperación de só tres casas até hai pouco deshabitadas e que está a revivir da man do cineasta Oliver Laxe, autor de películas como O que arde.
Vilela é unha aldea en recuperación na que a finais do ano pasado se reiniciou a actividade de pastoreo no monte veciñal
Suso vivía en Becerreá pero hai 5 meses trasladouse a Vilela coa súa muller e a súa filla e están a amañar a casa da familia, a uns 100 metros da que Óliver Laxe está a converter en centro cultural. “Dedícome a comprar becerros para sacrificar pero quero deixar iso e adicarme por completo á gandeiría. O obxectivo é quedarnos aquí e vivir das posibilidades que nos ofrece o rural, non só co gando, senón coa axuda doutras cousas que podes facer aquí e que en Becerreá non podía facer. A casa é grande, estámola amañando e a idea é montar habitacións para que a xente que veña a facer actividades ao centro que está montando Óliver poida quedar a durmir”, explica.
Paguei 600€ para que me desbrozaran cun tractor 2 ha ao redor da casa pero enseguida volvía estar igual, iso non era a solución
Vilela está rodeada por case 100 hectáreas de monte veciñal e a intención é que formen parte dunha aldea modelo promovida pola Xunta. En 1998 ardeu todo e o lume mesmo se achegou ás vivendas. “As casas salváronse pero incluso ardera un hórreo. Eu limpaba ao redor da casa todos os anos porque non quería que si viña outro lume me ardese, pero non daba limpado. Rozaba en xaneiro e en agosto pero enseguida volvía medrar o mato. Ata que un día quenteime, tirei coa desbrozadora e dixen aquí hai que buscarlle outra solución porque isto non é sostible”, conta Suso.
A finais do ano pasado comezaron coa introdución de cabras e mastíns e este ano incrementaron o número de animais. “Teño 26 cabras neste momento, pero vou facer a incorporación para o ano que vén, o que me vai obrigar a incrementar o rabaño”, explica.
As cabras teñen que estar aquí, teñen que volver formar parte dos Ancares e de toda Galicia
Suso estivo durante un ano formándose na gandería Teixeiro e Pistón SC en cuestións como o manexo do gando ou a confección dos peches, un aspecto importante no caso do gando cabrún. “Temos esas 10 ha cercadas con varillas de ferro e 4 fíos de pastor eléctrico. Levamos un ano con animais e de momento non tivemos problemas de ataques de lobo”, explica.
“O obxectivo é limpar o monte e evitar que volva arder a aldea igual que no ano 1998. De momento xa fixemos unha franxa de seguridade de 10 ou 11 hectáreas arredor das casas pola parte de arriba do pobo, porque por abaixo está o río, polo que se vén o lume vai chegar pola parte de arriba”, explica.