A limitación voluntaria da produción de leite en España, á espera de fondos públicos

O sector recoñece que a única vía para regular o mercado pasa por incentivos aportados por Agricultura. Hai preocupación pola posible entrada de excedentes doutros países, ben leite líquido, ben produtos elaborados a baixos prezos

A limitación voluntaria da produción de leite en España, á espera de fondos públicos

Agricultura xa mantivo varias xuntanzas de traballo coa Interprofesional para valorar as posibilidades.

O posible establecemento de límites voluntarios á produción de leite en España está no aire. O Ministerio de Agricultura traballa con organizacións agrarias, cooperativas e industrias para valorar as posibilidades. A día de hoxe, o sector ten claro que o único xeito posible de regulación pasa por unha forte implicación do Ministerio, é dicir, pola aportación de fondos públicos para incentivar a autolimitación de entregas de leite. Queda por ver se haberá eses fondos.

O desequilibrio que rexistra o mercado lácteo europeo, cunha produción superior á demanda interna e externa, só ten unha vía de solución firme. Reducir a oferta ata que se equipare coa demanda. Para lograr iso, a Comisión Europea primeiro apelou ó libre mercado como vía de regulación e, unha vez constatado que o mercado non se autorregula ben, decidiu autorizar que cada Estado membro poida establecer límites voluntarios á produción, pero sen aportar fondos para o proceso.

Eses límites poden xestionarse ben a través de organizacións de produtores, cooperativas ou da Interprofesional Láctea. En España, dada a febleza de cooperativas e organizacións de produtores, a única opción realista agora está na Interprofesional, un organismo que aglutina a industrias e produtores.

“Traballamos na liña de que se poidan establecer límites incentivados polo Ministerio” (Javier Iglesias, Unións Agrarias)

Valoracións
“A única posibilidade real de que en España se establezan límites voluntarios á produción pasa porque o Ministerio se implique profundamente a través da Interprofesional, tratando de aglutinar ó máximo de industrias e de territorios no proceso” -valora Javier Iglesias, de Unións Agrarias.- “Traballamos na liña de que poidan establecerse límites incentivados polo Ministerio”.

Entre as cooperativas, o director xerente de Agaca, Higinio Mougán, é excéptico sobre a posibilidade de que Agricultura aporte os fondos suficientes para o proceso. Outras alternativas, como a autofinanciación a través do mecanismo de extensión de norma da Interprofesional, están case descartadas. Sobre a mesa aparece tamén a posibilidade de que as comunidades autónomas aporten fondos.

“Se hai límites, haberá que protexer a actividade nas distintas zonas para evitar a deslocalización da producción” (Isabel Vilalba, SLG)

Resto de Europa
En calquera caso, o sector coincide en ver complicacións na financiación dunha medida para a que non hai fondos europeos. A secretaria xeral do Sindicato Labrego (SLG), Isabel Vilalba, é pesimista sobre o proceso. “O establecemento de límites debería facerse a escala europea e de xeito obrigatorio. Se poñemos límites en España, pode haber outros países que sigan aumentando a produción e que canalicen cara nós eses excedentes, ben a través de leite líquido ou de produtos lácteos transformados”, cuestiona.

Outro punto sobre o que chama a atención o Sindicato Labrego é na necesidade de protexer a actividade nas distintas zonas produtoras, de cara a evitar unha deslocalización da produción. “Terían que manterse en todo o territorio as mesmas porcentaxes de volume de produción”, defende Vilalba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información