A IXP de carne de vaca e boi de Galicia toma corpo

A IXP de carne de vaca e boi de Galicia toma corpo

Reunión entre Medio Rural e a IXP Ternera Gallega para abordar o proceso do novo selo.

A Xunta e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega continúan a traballar na elaboración do reglamento da futura IXP de Vaca e Boi de Galicia. Co novo selo, quérese distinguir ó vacún maior procedente das principais razas existentes na comunidade, tanto as de explotacións lácteas (frisonas) como de vacún de carne (rubia galega, morenas galegas, asturiana de los valles, limusina, rubia de Aquitania). Tamén se ampararán os cruces entre estas razas.

Para cumprir as condicións da Indicación Xeográfica Protexida, a carne deberá presentarse madurada e refrixerada, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A carne amparada procederá de vacas que tiveran polo menos unha xestación antes do sacrificio e de bois castrados antes do ano de vida que superen cando menos os 48 meses de idade ao sacrificio. Tamén se valorará que o grao de engraxamento, a conformación e as características organolépticas sexan os axeitados e típicos deste tipo de carnes.

A nova Indicación Xeográfica Protexida abarcará a totalidade do territorio galego. Os animais deberán nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a orixe, a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase do proceso e tipoloxía de carne constará dun etiquetado concreto.

Consello regulador único
Medio Rural ten previsto o establecemento dun Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, que se ocupará da xestión e control das carnes amparadas pola IXP Ternera Gallega e pola IXP Vaca e Boi de Galicia, baixo criterios de coordinación, aforro de custos e operatividade sectorial.

Plan integral
Do proceso de creación da nova IXP faise eco Unións Agrarias nunha nota de prensa na que pide un plan comercial integral para o vacún galego. A organización agraria considera positiva a creación da IXP, se ben pide o amparo no selo para todas as razas de vacún coas que se traballa en Galicia, xa que valora que o elemento diferencial é o manexo e a alimentación que reciban os animais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información