A intervención pública de leite en po actívase de xeito tímido

Os ministros de Agricultura da UE reuniranse o 7 de setembro para abordar, entre outros puntos, un posible aumento dos prezos de intervención

A intervención pública de leite en po actívase de xeito tímido

As industrias españolas non presentaron polo de agora ofertas para a intervención.

O empeoramento da crise de prezos do leite levou nas últimas semanas a que os prezos europeos do leite en po estean a rozar o umbral de intervención, fixado en 169,8 euros (os 100 quilos). Esta situación levou a mediados de xullo a que as industrias comezaran a ofrecer leite en po para intervención. Desde entón, xa se presentaron para compra pública máis de 4.200 toneladas procedentes de Bélxica, Lituania, Polonia e Gran Bretaña. En España, polo de agora non houbo ofertas.

O sistema de intervención pública é un mecanismo de regulación de mercados que se activa en caso de crises graves de prezos, de xeito que a retirada de produción do mercado contribúa a frear o desplome das cotizacións. Os produtos retirados almacénanse e ou ben se volven sacar ó mercado de xeito ordeado cando as condicións melloran ou ben se adican a axuda humanitaria.

A eficacia do sistema de intervención como rede de seguridade está en cuestión. En España non se activou nos últimos 5 anos

Nos últimos anos, da man da reforma da Política Agraria Común (PAC), os prezos marcados para a intervención fóronse reducindo progresivamente e quedaron nunhas cifras consideradas moi baixas polo sector (169,8 euros/100 quilos no caso do leite en po –o que supón un prezo por litro de leite equivalente no entorno dos 16 céntimos- e 221,7 euros no caso da manteiga), que impiden que o sistema se active en casos de crises graves como a actual. A pouca utilidade do sistema ilústrase cun dato. En España nos últimos cinco anos non se ofreceu nin un so quilo para intervención pública.

Ante a actual crise, cooperativas e organizacións agrarias de toda Europa veñen demandando desde hai meses unha mellora dos prezos de intervención, unha petición á que se sumaron nas últimas semanas distintos ministerios de Agricultura da UE, coma o francés ou o español.

Os ministros de Agricultura da UE teñen prevista unha reunión o 7 de setembro, na que estará sobre a mesa a posible suba dos prezos de intervención, así como unha ampliación do prazo para presentar ofertas para a compra pública. En principio, o prazo concluía o 30 de setembro, pero previsiblemente alongarase ata fin de ano.

Almacenamento privado
En tanto a intervención pública comeza a activarse de forma tímida, á espera dunha posible variación dos seus prezos, os stocks en almacenamento privado continúan a medrar. Os últimos datos do sistema de axudas públicas para o almacenamento privado apuntan a unhas existencias actuais de 70.000 toneladas de manteiga e de máis de 15.000 de leite en po, que se están beneficiando das subvencións para a súa retirada temporal do mercado.

En España, no que vai de ano, ofertáronse 7.900 toneladas de leite en po para almacenamento privado –dunha oferta total europea de 42.000-; e 1.400 de manteiga –dun total europeo de 124.000-.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información