A Interprofesional Láctea chega a un principio de acordo sobre o contrato homologado

Cooperativas, organizacións agrarias e industrias deberán ratificar o pacto ó longo deste mércores. A Administración amósase satisfeita do consenso e tentará que o contrato se aplique canto antes

A Interprofesional Láctea chega a un principio de acordo sobre o contrato homologado

Reunión da Inlac. / Arquivo.

O sector lácteo chegou a un principio de acordo para implantar un contrato tipo que regule o suministro de leite entre gandeiros e industrias. Organizacións agrarias-Upa, Coag e Asaja-, cooperativas e industrias –Fenil-, representadas na Interprofesional Láctea (Inlac), deron hoxe o visto bo a un texto no que levan traballando os últimos meses. O Ministerio de Agricultura agarda que as distintas partes ratifiquen a aprobación do texto antes das 17 horas deste mércores. Unha vez teña o visto bo do sector, a Administración tramitará a entrada en vigor do contrato.

O contrato tipo ofrecerá para os gandeiros un marco estable de relación coas industrias. Os acordos coas empresas lácteas pasarán a seguir un modelo uniforme no que non se poderán incluir cláusulas a maiores, unha cuestión que ofrece maiores garantías para os gandeiros que a situación actual.

A duración do contrato e os prezos deberán ser pactados polas partes. Os prezos poderán ser fixos, variables en relación a índices públicos de referencia –como os da Inlac- ou seguir un modelo mixto. A maiores, gandeiro e industria deberán especificar nun anexo do contrato os requisitos que deberá cumprir o leite en canto a calidades (graxa, proteína, células somáticas, xermes, etc.), así como os treitos nos que se aplicarán primas e penalizacións. Tamén haberá que especificar as primas por cantidade.

Un anexo do contrato recollerá as calidades, primas e penalizacións pactadas entre as partes

O contrato establece que non se poderán modificar prezos nin modalidades de pago (a prezo fixo, variable ou mixto) durante a súa vixencia. A cantidade contratada poderá variar en máis menos un 10% e en canto á duración do contrato, ambas partes poden pactar a súa renovación automática, salvo preaviso tres meses antes do remate, ou acordar a súa finalización ó remate do periodo contratado.

Unha comisión de seguemento da Interprofesional Láctea velará polo cumprimento dos acordos. En caso de incumprimentos, as partes afectadas poden solicitar un procedemento de vista previa ante a Inlac para chegar a unha solución. De non resolverse na Inlac a disputa, poderán recurrir a unha arbitraxe externa ou ós tribunais ordinarios.

Probable acordo
Desde Unións Agrarias-Upa, Román Santalla valoraba esta tarde como positivo o novo modelo de contrato que se debatiu hoxe na Inlac, pois retiráronse do mesmo algunhas cuestións que preocupaban á organización, tales como unha cláusula de confidencialidade que prohibía que os gandeiros fixesen público a que prezo cobran o leite. Santalla, de todos os xeitos, incide en que son precisos avances noutras cuestións prioritarias, como a mellora dos prezos do leite nas granxas ou a identificación da orixe dos productos lácteos nos supermercados.

A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, tamén amosou a súa satisfacción polos avances. Medio Rural sinala que velará para que este sistema de contratación se faga efectivo canto antes, de xeito que introduza maior transparencia na cadea de valor do leite. A Consellería lembra ademais que a posta en marcha deste contrato é unha das medidas recollidas no acordo lácteo asinado en setembro, que considera que está a dar os seus froitos.

Actualización
O Sindicato Labrego oponse ó contrato aprobado na Interprofesional Láctea

Una idea sobre “A Interprofesional Láctea chega a un principio de acordo sobre o contrato homologado

  1. Sócrates

    A Xunta esperaba como auga de maio este titular antes do 20D. E xa o ten. Satisfacción nas bancadas populares.
    O problema é que a curto-medio prazo moi pouco arranxará e necesitarán moitos titulares destes nos vindeiros meses se non queren que os boten.
    Mentres, esperando pacientes á disfrutar coa sangría de abandonos, depresións, pobreza,… A ver a quen lle toca.
    Aínda que sempre nos quedará o eucalipto.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información