A INLAC debate a protección do lácteo español fronte aos excedentes de países do Norte

A INLAC debate a protección do lácteo español fronte aos excedentes de países do Norte

Reunión da INLAC

A Interprofesional Láctea (INLAC) mantivo onte unha reunión en Madrid na que se debateu as medidas a tomar en España despois de que a Comisión Europea se inhibise en favor dos Estados á hora de aplicar unha regulación -e por tanto redución- da produción láctea na Unión Europea co obxectivo de lograr unha recuperación dos prezos.

A principal novidade é a aplicación do artigo 222 da Organización Común do Mercado (OCM), que permite ás asociacións de produtores e cooperativas establecer acordos para xestionar a crise do sector leiteiro mediante diversas medidas, entre o período comprendido entre o 13 de abril e o 13 de outubro. É dicir, ante a excepcionalidade da crise do sector lácteo, as organizacións do sector poden establecer acordos para reducir a produción, sen que interveña a CNMV por infrinxir as normas de competencia.

Neste sentido, o secretario xeral de Gandería da Unión de Pequenos Agricultores (UPA), Román Santalla, expuxo a necesidade de que se recorte a produción tamén nos países excedentarios da UE, que son Alemaña, Francia, o Reino Unido, Holanda, Finlandia e Irlanda, á vez que se controla que non entren no mercado español máis lácteos nin derivados que os necesarios deses países.

“Non podemos permitir que os países do Norte aproveiten esta crise para acaparar o mercado español e acabar co sector lácteo, e aí a distribución ten que comprometerse, sinalando e mobilizándonos ante a cadea que incumpra”, asegurou.

Santalla: “Non podemos permitir que os países do Norte aproveiten esta crise para acaparar o mercado español”

Outra medida defendida por UPA foi o establecemento de axudas por parte do Ministerio para o transporte de leite destinado a intervención. “Trátase de que ás explotacións que teñen que destinar a súa produción para leite en po, non teñan que pagar tamén os gastos de transporte, co que dando unha axuda para o transporte de 3 céntimos por litro, conseguiriamos que cobrasen 190 euros por tonelada e non 160”, explica Román Santalla.

Ademais, tamén se expuxo a necesidade de que as administracións compren mediante intervención ese leite para destinalo a axuda humanitaria e contribuír á recuperación dos prezos, ao retirar parte da produción do mercado.

Piden compensar ás granxas que reduzan produción e que todas as Comunidades Autónomas limiten a súa produción

Pola súa banda, Sindicato Labrego Galego e COAG  defenderon unha actuación urxente do Ministerio de Agricultura para establecer alianzas con outros países da UE co obxectivo de defender conxuntamente unha regulación pública da produción a nivel europeo e non que cada Estado Membro poida actuar ao seu antollo e interese.

Do mesmo xeito que UPA, o Sindicato Labrego tamén demandou garantías para que a regulación voluntaria dalgúns países non se utilice para outros para seguir aumentando a produción e o aumento das vendas dos seus excedentes noutros estados. En caso de España o desenvolvemento de ferramentas para estabilizar o mercado e evitar os excedentes lácteos, garantindo que non aumenten as importacións de leite líquido ou de produtos elaborados procedentes de terceiros países.

Por último, o SLG defendeu que s debe compensar ás granxas e cooperativas que reduzan voluntariamente a súa produción. Por tanto, defenderon que o Ministerio de Agricultura debe establecer un orzamento específico e suficiente para garantir a aplicación desta medida. E a nivel interno consideran que “é vital garantir a recollida de todas as granxas e que os obxectivos de redución da produción afecten a todas as Comunidades Autónomas por igual”.

O seguinte paso tras o encontro de onte da INLAC será a elaboración dun documento no que se recollan todas as medidas propostas para xestionar esta crise leiteira.

A INLAC actualiza á baixa os índices de referencia do leite de vaca

A interprofesional Inlac actualizou dúas dos seus catro índices de referenciación do leite de vaca con datos do mes de marzo, con malas noticias para os gandeiros. Trátase do índice A, que ten un descenso interanual do 8,09%, mentres que no caso do índice A1 a situación é aínda peor, xa que o descenso en marzo é dun 8,92% anual.

Polo que respecta aos outros dous índices, actualizados ao mes de febreiro, os datos tamén son negativos, xa que no caso do B sitúase nun descenso interanual do 7,23%, que sobe ata o 9,82% no caso do índice C.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información