A industria galega da madeira e do moble facturou un 11,2% máis en 2015

Segundo os datos do informe anual elaborado pola Escola de Enxeñaría Forestal e Confemadera Galicia. Máis de 80.000 familias recibiron 300 millóns por venta de madeira nun ano récord de cortas. A nota negativa apórtaa o estancamento das exportacións de madeira e moble

A industria galega da madeira e do moble facturou un 11,2% máis en 2015

Presentación do informe esta mañá en Pontevedra

A industria galega da madeira e do moble facturou 1.941 millóns de euros no 2015, o que supuxo un incremento do 11,2% respecto a 2014. Son as cifras globais dun sector que xera en Galicia uns 70.000 postos de traballo e no que 2015 supuxo un ano de récords en múltiples factores, entre eles, o volume de cortas: 8,25 millóns de metros cúbicos, o mellor rexistro desde 1996.

Estas son só algunhas das cifras que se recollen no Informe de Resultados da Industria da madeira e o moble de Galicia, un traballo que, tras múltiples anos de colaboracións puntuais, foi elaborado por primeira vez de xeito conxunto entre docentes da Escola de Enxeñaría Forestal e a Confederación Galega de Empresarios da Madeira, Confemadera Galicia.

O informe foi presentado este xoves na sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra, un acto no que interviron o secretario e profesor da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, e o presidente de Confemadera, Elier Ojea.

Máis exportacións, máis cortas, máis ingresos para as familias…

Respecto aos resultados do informe, o secretario da EE Forestal, admitiu que “aínda que o sector segue pagando moitos danos da crise, xa é apreciable un cambio de tendencia, especialmente en canto a corta de madeira en monte, volvendo a alcanzar e incluso superando a barreira dos oito millóns de metros cúbicos de madeira”. Neste sentido, o incremento no volume de cortas rexistrouse en todas as especies: eucalipto (19%), coníferas (1,5%) e frondosas (7,5%), representando o eucalipto, por sétimo ano consecutivo, máis do 50% das cortas realizadas.

Un dos datos cos que se exemplificou a tendencia favorable do sector son as exportacións, que ascenderon en 2015 a 768,1 millóns de euros, un 2,5% máis que no ano anterior, sendo a pasta para papel o principal produto exportado (189,2 millóns de euros) , mentres que a madeira e os mobles representan 578,9 millóns de euros, un 2% máis.

Sen embargo, se se comparan estes últimos datos cos das demais Comunidades Autónomas, Galicia foi a segunda na que menos medraron as exportacións de madeira e mobles, caendo ao terceiro posto en volume dende o segundo que ocupaba o pasado ano. Así, as exportacións seguen sendo lideradas por Cataluña, con 638 millóns e un crecemento do 15,3% en 2015 e pola Comunidade Valenciana, que desbanca a Galicia do segundo posto, cunhas exportacións por valor de 610 millóns e un incremento do 9,7%.

 “Importante caída das exportacións galegas de madeira en bruto”

A destacar a importante caída das exportacións galegas de madeira en bruto que pasaron de 122 millóns de euros en 2014 a 71 millóns o pasado ano.

Con todo, a principal nota positiva é o aumento da balanza comercial favorable a Galicia neste sector, xa que mentres as exportacións, como se sinalou, medraron un 2,5% e ascenderon a 768 millóns, as importacións caeron un 11% en 2015 ata situarse nos 262 millóns de euros.

confemadera_cortas_15_standarPolo demais, esta maior actividade industrial tamén beneficia ás familias. Neste sentido, os expertos indicaron que o sector xera en Galicia uns 70.000 postos de traballo e máis de 80.000 familias percibiron rendas pola venda de madeira de case 300 millóns, o que supón un incremento do 14% en comparación con 2014.
Consolidación dun sector vital para Galicia

En canto ao volume de negocio da industria da primeira transformación (rematantes, serradoiros, taboleiros e pasta…) medrou en 2015 un 12% e situouse en 1.555 millóns de euros, o que, a xuízo dos autores do informe, supón a consolidación da súa fortaleza en Galicia. Nesta liña o informe especifica que os rematantes tiveron unha maior actividade de cortas de madeira, pero cuns prezos lixeiramente inferiores, alcanzando unha facturación de 424 millóns de euros, un 5% máis ca no ano anterior.

No caso da industria de serradoiros aumentou a produción un 3% e alcanzou unha facturación de 306 millóns de euros e os subsectores de envase, embalaxe e mobiliario de exterior rexistraron tamén un comportamento máis positivo ca os tradicionalmente vinculados á construción.

Medra un 12% o volume de negocio da industria da primeira transformación

Destaca tamén o incremento dun 20% na facturación conxunta do taboleiro e a pasta, que ascendeu a 825 millóns de euros, crecemento que os autores atribúen á recuperación económica que se rexistrou no mercado europeo e á situación cambio euro/dólar, moi favorable naqueles mercados e produtos que teñen de referencia a divisa norteamericana.

Na segunda transformación obtivéronse en 2015 mellores resultados, cunha facturación de 386 millóns de euros, un 7,8% máis que en 2014, xa que as empresas souberon aproveitarse de diferentes segmentos de mercado con gran potencial.

Perspectivas “revolucionarias” para o futuro: madeira transparente, líquida…

Respecto ao futuro do sector, Picos incidiu especialmente nun feito: as enormes perspectivas que o futuro depara a este sector. “A día de hoxe non somos aínda conscientes dos produtos forestais revolucionarios que imos ver nun futuro non moi lonxano. De aquí en dez anos disporemos de múltiples produtos derivados da madeira e que a día de hoxe non imaxinamos”.

Entre os diferentes exemplos, este experto universitario falou de conceptos madeira transparente e madeira líquida. “Son diferentes desenvolvementos tecnolóxicos que van facer que a madeira deixe de ser un material tradicional para pasar a converterse nun produto absolutamente innovador e, neste sentido, Galicia ten moitas posibilidades de beneficiarse desta mellora tecnolóxica global”, recalcou Picos, que non dubidou en afirmar que a comunidade autónoma ten “todos os alicerces necesarios para destacar nun sector que vai ser revolucionario nos próximos anos”.

Descarga aquí o informe completo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información