A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A Granxa Experimental de Leite da Deputación de Lugo celebra catro anos ao servizo da innovacion no sector lácteo galego

Impulsada pola Deputación de Lugo, a instalación combina formación e investigación avanzada para mellorar a produción gandeira

A Granxa Experimental de Leite da Deputación de Lugo celebra catro anos ao servizo da innovacion no sector lácteo galego

A Granxa Experimental de Leite que a Deputación de Lugo ten en marcha na finca Gayoso Castro, en Castro de Rei, cumpre agora catro anos liderando a formación e investigación sobre o sector lácteo galego. Un centro público de primeiro nivel polo que apostou de xeito decidido a institución provincial para contribuír a mellorar as explotacións gandeiras e o sector primario da provincia e, ao mesmo tempo, converterse nun laboratorio vivo ao alcance do alumnado do Campus Terra da Universidade de Santiago.

A Granxa Experimental, na que a Deputación investiu 1,2 millóns de euros, ten como obxectivo poñer o seu gran de area no impulso dun sector produtivo esencial e tamén afianzar a posición de Lugo no mapa do ensino superior europeo, retendo o talento dos mozos e mozas e, en consecuencia, fixando poboación no rural lucense.

Agora mesmo a Granxa Experimental de Leite conta con 82 vacas frisoas, delas 45 están en fase de lactación, e o resto son vacas secas ou xovencas. Estes 45 animais que se muxen a diario producen uns 40,1 quilos de leite ao día de media, contando con algúns animais que teñen un niveis moi altos de produción, como é o caso dalgunha vaca que, no pico de lactación, superan os 90 litros diarios.

Para estas tarefas de muxido o centro conta cun innovador robot que analiza unha gran cantidade de parámetros que permiten ir un paso máis alá no coñecemento que se ten de cada un dos animais cos que conta a granxa.  Pódese coñecer a produción diaria por animal, a produción diaria por cada teto, controla a cantidade de comida que come cada vaca ou, entre outras moitas medicións, leva o control das células somáticas. O robot tamén racionaliza a cantidade de comida que lle subministra a cada vaca a en función da súa etapa de lactación, cunha cantidade máxima de 10 quilos de alimento ao día, tendo en conta que as vacas comen durante o proceso de muxido.

A Deputación vén de adquirir unha cisterna distribuidora de xurro, con capacidade de 14.000 litros e con tecnoloxía de alta precisión 4.0, que servirá para desenvolver as tarefas necesarias de coidado do gando adaptándose á normativa e cumprindo coa Axenda 2030.

Datos que se traducen en melloras

Estes datos que recolle o robot de muxido, xunto con outros parámetros que analiza o persoal que traballa na Granxa e o alumnado da USC, serven para investigar, detectar aspectos mellorables na produción e probar novas fórmulas que contribúan a obter resultados óptimos. Desta maneira ofrécense pautas e solucións para que os gandeiros e gandeiras da provincia beban destas innovacións dende a certeza de que lles permiten avanzar na súa actividade e facer medrar as súas explotacións.

Un bo exemplo do que atinxe á investigación é o desenvolvemento dun novo dispositivo de xeolocalización con Innogando, ademais dun estudo sobre a detección de celos a través de colares nas vacas da granxa e varios proxectos de traballos fin de máster e doutoramento. A Granxa está a implementar un proxecto de dixitalización para obter datos de diferentes parámetros relacionados con ambiente das instalacións o consumo de alimento, de auga e enerxía eléctrica co gallo de poder reducir a pegada hídrica e as emisións, todo no ámbito da gandería de precisión.

Ademais, en colaboración coa USC, se está a traballar en un proxecto para poder reducir as emisións de metano.

Alumnado en prácticas do Campus Terra

A Granxa Experimental de Leite cubre unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Máis de 500 alumnos e alumnas intégranse neste escenario real para, por exemplo, analizar temas de parasitoloxía, estudar a alimentación e, entre outras cuestións, facer un seguimento da súa preñez coas súas correspondentes ecografía análises e observacións.

Alumnado da USC en prácticas na Granxa Experimental de Leite

A Granxa Gayoso Castro

A Granxa Experimental de Leite intégrase dentro da finca da Granxa Gayoso Castro, onde a Deputación de Lugo conta cun Centro de Recría público que é único en Galicia. Está practicamente ao 100% da súa capacidade, con 2.700 animais de 73 explotacións da provincia. Este servizo afórralle aos gandeiros e gandeiras ao ano arredor de 800.000€, ademais de proporcionarlle outras vantaxes relacionadas co benestar animal.

Nesta mesma finca a institución provincial tamén ten 39 exemplares de vaca cachena para contribuír á recuperación desta raza autóctona galega.  Así mesmo, conta con 141 vacas de raza Rubia Galega, que saen a poxa pública nas feiras da provincia, obtendo moi bo recoñecemento entre os gandeiros e gandeiras que acoden a estas citas.

Tamén dispón de máis dunha ducia de cabalos. Uns exemplares cos que traballan varios departamentos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *