“A gandería de ovino e cabrún ten moita marxe de crecemento en Galicia porque só producimos o 20% do que consumimos”

Malia que o volume da cabana ovina e caprina galega segue descendendo, hai unha ampla marxe para desenvolver proxectos rendibles. Foi a principal conclusión das xornadas de asesoramento que tiveron lugar no Marco da Curra, nunha iniciativa promovida pola Agacal, o CIAM e Beealia. Dende a cría ata a comercialización, abranguéronse todos os pasos do sector.

Participantes nas xornadas sobre ovino e cabrún no Marco da Curra

Participantes nas xornadas sobre ovino e cabrún no Marco da Curra

Situación do cabrún e ovino

Dende 2010, Galicia perdeu o 50% das súas ovellas e o 40% das cabras. Son uns datos que poden parecer alarmantes pero que en realidade supoñen unha enorme posibilidade de crecemento para as explotacións que actúen con coherencia. Así se explicou nas xornadas celebradas na Finca Marco da Curra (Monfero) pertencente ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e impartida por Joan Alibés (Beealia), Miguel Viña (ADSG Acivo) e Santiago Crecente (CIAM).

Alibés, responsable de Beealia, insistiu no concepto de coherencia. “O gandeiro ten que adaptar os recursos da granxa á raza coa que vai traballar. E viceversa. Non ten sentido ter a mellor raza do mundo se non temos terra que produza para alimentala. Como non ten sentido ter razas autóctonas comendo raigrass concebido para vacas de leite. Manexo, alimentación e animais teñen que partir dun planteamento previo que os faga concordar.”, dixo.

No ovino e cabrún hai que adecuar os recursos á raza coa que imos traballar. Nunca escoller a raza antes de avaliar o que temos. (Joan Alibés, Beealia)

Nesa liña, Alibés apuntou a que hai proxectos que fracasan por non adecuar a superficie dispoñible coa raza elixida para producir -tanto de ovella como de cabra- ou cos obxectivos de rendibilidade que se queren acadar.

Un dos datos máis significativos foi o de que a produción de ovino e cabrún galego apenas supera o 20% da demanda desa carne que hai en Galicia. Así, non habería que preocuparse pola estacionalización do consumo -que se centra no verán e o Nadal- porque a posibilidade de crecemento é enorme e hai suficiente demanda para todo o que se produce. E, ademais, a bon prezo.

Tradicionalmente, o cabrito ten máis prezo para o consumidor final ca o año. “Pero é moi difícil facer grandes entregas de cabrito dunha sóa vez. Non hai quen poida entregar 100 exemplares dunha tacada. E a industria tampouco vai ir recoller tres ou catro. Esa falta dun fluxo mediano e constante fai que a profesionalización do cabrún en Galicia sexa moi dificultosa.”, di Alibés.

O cabrito sempre estivo mellor pagado que o cordeiro. Pero a súa cría e comercialización son moito máis limitadas.

Nese contexto, o técnico cre as cabras teñen moitas opcións de futuro na contorna das áreas urbanas. “Hai un mercado máis amplo. Carnicerías, restaurantes, superficies comerciais…e é posible atopar nichos tanto para a carne como para pequenas elaboracións de lácteos. Uns lácteos que tamén se poderían curar e vender por Internet.”

Para Alibés, outro problema é que non se fixo unha selección produtiva da cabra en Galicia. “Aínda que limpe o monte, ten que ser rendible. Pero hai ataques de lobos, exemplares que escapan…ademais de que a cabra nunca engorda e así sucumbe máis facilmente as enfermidades.” As de raza Boer son as únicas cabras que engordan, pero non valen para zonas de monte galegas polo tipo de vexetación e a altitude.

A parte práctica realizouse con cabras e ovellas de raza galega e con ovellas Texel

A parte práctica realizouse con cabras e ovellas de raza galega e con ovellas Texel

Na parte técnica das xornadas empregáronse ovellas e cabras de raza galega e tamén ovellas texel. As autóctonas porque conteñen un patrimonio xenético único que hai que conservar e as texel pola súa capacidade produtiva. As tres razas son obxecto de seguimento no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Unha boa opción para a ovella de raza galega é a produción de años sen destetar, que están moi cotizados e son relativamente doados de producir.

“A ovella texel é moi dócil e moi produtiva. Cun crecemento rápido dos años e sen necesidade de usar pensos. Tamén ten facilidade de adaptación. En Galicia acadamos unha liña xenética de alto nivel para conseguir carne en base a pasto. Incluso sen ser una pastos de altísima calidade, os resultados de volumes cárnicos son excelentes.”

No tocante a ovella galega, Alibés cre que sería moi apta para producir cordeiro sen destetar en terreos de non moita produción de pasto. “Se hai herba abundante todo o ano, interesa máis usar texel porque os resultados serán mellores. Se os pastos escasean interesará máis ter ovellla galega producindo años de pouco peso, que están moi valorados. Pero, insisto, sempre axeitando todos os parámetros que inflúen na rendibilidade.

As xornadas

O técnico de Beealia sinalou que as xornadas tiveron unha participación moi ampla porque é a única actividade de formación e asesoramento en cabrún e ovino que se celebra en Galicia. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), xuntou un grupo no que o 50% dos participantes eran gandeiros en activo e o outro 50% persoas que están empezando ou valorando empezar proxectos.

O obxectivo era crear unha base sólida para quen inicia a actividade e reforzar a quen xa está nela

O obxectivo era crear unha base sólida para quen inicia a actividade e reforzar a quen xa está nela

O que se fixo foi aportar unha visión global do traballo gandeiro. Con aspectos tan dispares como control do rume, coidado dos pastos, manexo da alimentación para favorecer partos dobres ou xestión comercial, axudas dispoñibles e pautas de comportamento animal.

Segundo Alibés, ademais dos coñecementos prácticos e teóricos transmitidos, foi moi importante a interacción entre os participantes. Un dos exercicios consistiu en que cada un deles tiña que explicar que quería facer, con que raza, con que obxectivos e explicar porque se escollerían para eso uns modelos de traballo ou outros.

Darlle algún tipo de valor a la e convertela nun recurso e non nun residuo segue a ser unha asignatura pendente no sector ovino.

Falouse tamén do problema da la, que segue sen ter saídas comerciais. Alibés sinala que o problema é que a industria téxtil non a quere se non vai lavada. “Na península só hai dous ou tres lavadoiros de la. Porque son moi caros e pouco rendibles. Outra opción é usala como fertilizante, “pero habería que hixienizala e pelletizala, co cal tamén sube o custo.”

Así, semella que o destino da la serán coberturas orgánicas en cultivos que as precisen. Aínda que parece pouco probable que os gandeiros vaian obter un beneficio económico por desfacerse dun residuo como a la. No curso tamén se falou brevemente da produción de leite con cabras e ovellas, aínda que con tempo reducido por ser proxectos moi pequenos.

Alibés afirma que a xornada amosou a enorme diferencia entre criar para autoconsumo e ser profesional da gandería. “Creouse unha bastante sólida para coñecer os retos aos que te vas enfrontar día a día na explotación. Porque non se deixa ningún aspecto do traballo nas explotacións sen abranguer e apórtanse moitos datos.”

A interacción posterior tamén é importante. “Créanse contactos, grupos de wsp e de redes…sempre acaban tecendo sistemas de consulta e colaboración e aprenden uns dos outros. E nós sempre estamos para acompañalos.”

As actividades formativas poden marcar o futuro e as decisións estratéxicas nunha explotación como a nosa. (Isa Lemos)

Isa Lemos e o seu compañeiro na súa explotación de Meira (Moaña)

Isa Lemos e o seu compañeiro na súa explotación de Meira (Moaña)

Isa Lemos e a súa parella están a comezar cunha explotación de cabras e cabalos en Moaña. Aspiran a chegar a xuntar 200 cabezas de cabrún e complementar os ingresos con paseos a cabalo pola contorna da súa nave. Para multiplicar por 5 o número de cabras -agora teñen arredor de 40- decidiron participar nas xornadas e recibir a formación especializada.

Isa vai desenvolver o seu proxecto nunha nave da zona de Meira, no concello de Moaña, e nas leiras da contorna. O feito de estar na área metropolitana de Vigo e o seu medio millón de habitantes supón un mercado moi amplo. Xa traballan cunha rede de restaurantes, un carniceiro e un grupo de particulares.

Por estar nunha área metropolitana, non hai problemas de ataques de lobo. Pero si que os hai para conseguir terreo. Eles conseguiron a nave -que están rematando de preparar- e 13 hectáreas de terreo grazas a que antes houbo outra explotación que se trasladou. Outra opción que barallan é arrendar parcelas nas provincias de Lugo ou Ourense e producir pasto para trasladalo ata Moaña. Dese xeito aforrarían mercar rolos e producirían en terreos accesibles.

“Precisamente a terra levounos a optar por cabras e non por ovellas, que era a idea inicial. Pero aquí non hai pasto e as leiras son moi pequenas e espalladas. As cabras adáptanse a todo e, con pequenas compras de alimento, podémolas manter aquí. Coas ovellas, imposible.”, explica Isa.

Pero cren que o inconveniente do tipo de terreo pode ser unha vantaxe á hora de recibir visitas na granxa e que se poña en valor o traballo que realizan nunha contorna tan difícil e cunha especie moito máis problemática que a ovella. Ademais, negocian co concello para poder ter as cabras en montes municipais. Dese xeito, os animais comen e o concello ten o monte limpo.

Actualmente, a raza máis presente no rabaño de Isa é a alpina francesa, que era a máis acaida para autoconsumo e queixos caseiros. Sen embargo, están pensando en cambiala ou facer cruzamentos porque se trata dunha raza máis produtora de leite ca de carne, que é o que perseguen agora. Aínda que non hai lobo, tamén traballan con mastíns porque, como di, “hai moito lobo de dúas patas”.

Estamos a valorar todas as posibilidades de razas, mercados, manexos e terreos. Para que non haxa desequilibrios. (David Méndez)

David Méndez estuda a mellor fórmula de traballar con ovellas nas leiras de Bembibre (Taboada)

David Méndez estuda a mellor fórmula de traballar con ovellas nas leiras de Bembibre (Taboada)

David Méndez leva os últimos anos traballando como veterinario no Reino Unido. Sen deixar a profesión, si que ten claro que quere aproveitar as leiras familiares en Bembibre (Taboada) para a cría de ovellas. “Agora estamos moito tempo aquí e queremos producir. As axudas de incorporación son claves en proxectos pequenos e que comezan, coma o noso. Nas xornadas de Agacal aprendemos aspectos que descoñeciamos.”

Polo de agora non dispoñen de terreo suficiente como para contar coas ovellas necesarias para acceder a axudas de incorporación, pero poderiano paliar coa introdución de colmeas. “Poderiamos ir a unha proporción 90 ovellas/90 colmeas. E máis adiante xa veremos. A cuestión é manter a coherencia en todos os parámetros.”

E é que David aprendeu toda a clínica de ovellas no Reino Unido e quere poñer en práctica en proveito propio todo ese coñecemento. “A raza texel de aquí é máis estilizada e manexable que a de alá. E tamén poden ser interesantes os cruzamentos que se fagan de texel con ovella galega, aínda que non sexa purista. Hai moitas posibilidades e hai que valoralas todas moi detidamente para non cometer erros que pasen factura no futuro.”, explica.

Outro aspecto que están a analizar en profundidade -e en relación co tempo, terra, mercados e recursos- é o tipo de produción que se vai implantar. “Hai unha opción de vender en mercados de moita proximidade, con exemplares de pouco peso pero que se pagan entre 15 e 20 euros o quilo. Para eso iría ben a ovella galega. E hai a opción de ir á gran distribución, cun fluxo de carne elevado e constante e cunhas compras garantidas que requiren de menos esforzo comercial.”

Para o primeiro caso, incluso estudarían producir en ecolóxico con ovella galega aproveitando a certificación do matadoiro de Taboada. Para o segundo, poderían traballar con dous lotes e un semental en cada un. Dese xeito -e porque non queren investir en grandes naves- terían dous momentos de partos e dúas liñas diferentes de produto para ofrecer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información