A redución da pegada de carbono e a mellora da eficiencia no uso de nutrientes convertéronse en dous dos grandes retos aos que se enfronta hoxe a gandería galega. Estas esixencias non responden só a unha maior sensibilidade ambiental, senón tamén a un marco normativo cada vez máis definido, con referencias como o Real Decreto 1051/2022 e as estratexias europeas do Green Deal e Farm to Fork (Da granxa ao prato), que impulsan modelos produtivos máis eficientes e sustentables.
Neste novo contexto, a fertilización xa non pode abordarse unicamente desde o punto de vista da achega de unidades fertilizantes. O foco desprázase cara a como se xestionan os nutrientes, que parte é realmente aproveitada polo cultivo e que impacto ten esa xestión sobre o solo e a contorna. A microbioloxía aplicada ao solo e aos xurros emerxe así como unha ferramenta estratéxica para avanzar cara a unha agricultura máis eficiente, capaz de reducir perdas, minimizar emisións e mellorar a sustentabilidade das explotacións.
Con este obxectivo, Delagro impulsou un ensaio en condicións reais de explotación para avaliar unha estratexia baseada no uso da gama de abonos BLUE, tres solucións con base microbiolóxica: BLUE LAND, un mellorante do solo; BLUE CYCLE, un aditivo tecnolóxico para xurros e BLUE STAR, un fertilizante NPK con tecnoloxía CONTRIBUTE®, deseñados para actuar de forma complementaria ao longo do ciclo do cultivo.
“Cada vez é máis evidente que non se trata só de achegar nutrientes, senón de conseguir que o cultivo os aproveite mellor”, explica Laura Vázquez, Técnica de Produción Vexetal de Delagro. “A microbioloxía permítenos activar procesos naturais do solo que melloran a eficiencia do sistema e reducen perdas”.
O ensaio desenvolveuse nunha explotación gandeira de Ribadeo (Lugo), sobre un solo de textura franca e pH lixeiramente acedo, representativo de moitas explotacións forraxeiras da cornixa cantábrica. O sistema de manexo baseouse nunha rotación pradaría-millo, con aplicación habitual de xurros complementada con fertilización mineral.
O deseño experimental comparou dúas estratexias claramente diferenciadas: un manexo convencional da explotación (T0) e un manexo baseado na aplicación conxunta dos produtos da gama BLUE (Blue Land, Blue Cycle e Blue Star) (T1). O seguimento técnico realizouse durante todo o ciclo dos cultivos, con análises de rendemento e calidade no laboratorio Rock River Laboratory Spain.
Resultados en pradaría: máis produción e mellor aproveitamento
Os resultados obtidos en pradaría mostraron unha mellora co uso dos produtos BLUE. O manexo T1 rexistrou maiores producións tanto de materia verde como de materia seca por hectárea, o que supón un incremento real do alimento dispoñible para o gando.

Además do aumento produtivo, observáronse melloras relevantes na calidade da forraxe. O tratamento T1 presentou unha redución do contido en fibra acedo deterxente (FAD) do 1,75 % e unha diminución da lignina do 4,73 %, xunto cun incremento do 12,87 % en carbohidratos non fibrosos.

Estes parámetros están directamente relacionados coa dixestibilidade da forraxe e o seu valor enerxético. “Reducir a lignina é clave, porque é a fracción totalmente indixestible e limita o aproveitamento do resto de nutrientes”, sinala Laura Vázquez. “Unha forraxe máis dixestible tradúcese nunha ración máis eficiente”.
Cando estes resultados trasládanse a potencial produtivo, o efecto é evidente: o tratamento baseado no uso da Gama Blue permitiu obter un 14,25 % máis de litros de leite por hectárea respecto ao manexo convencional.
Resultados en millo: maior resiliencia nun verán seco
No cultivo de millo, os resultados foron igualmente significativos. O ensaio desenvolveuse durante un verán especialmente seco e con temperaturas elevadas, unha situación cada vez máis frecuente en Galicia e que condiciona de forma directa os rendementos do cultivo.
A pesar destas condicións adversas, o tratamento T1, cos produtos BLUE, mostrou maiores producións de materia verde e materia seca por hectárea, o que indica unha mellor resposta do cultivo ao longo de todo o ciclo. Ademais, rexistrouse un maior peso medio de mazaroca, con 0,29 kg fronte ao 0,26 kg do manexo convencional, un dato especialmente relevante polo seu impacto directo no contido enerxético do silo de millo.

En termos de calidade, o millo obtido baixo o manexo T1 presentou menor contido en fibra difícil de aproveitar, maior dixestibilidade e un maior contido en almidón, configurando unha forraxe máis enerxética e mellor adaptada ás necesidades produtivas do gando.

Estas melloras traducíronse directamente en produción de leite. O manexo convencional alcanzou 16.384 litros de leite por hectárea, mentres que o tratamento con sinerxía microbiana permitiu chegar até 18.543 litros, o que supón un incremento significativo do potencial produtivo do cultivo.
“O ensaio demostra que un solo máis activo biológicamente axuda ao cultivo a soportar mellor situacións de tensións, como os veráns secos”, apunta Laura Vázquez. “Iso é cada vez máis importante nas nosas condicións”.
O solo, punto de partida da rendibilidade

As conclusións do ensaio confirman que a aplicación conxunta da Blue Land, Blue Cycle e Blue Star constitúe unha ferramenta eficaz para mellorar a produtividade forraxeira e a calidade do alimento, reducindo a dependencia de fertilización inorgánica e optimizando o aproveitamento dos xurros.
Máis aló dos datos produtivos, o estudo reforza unha idea clave: o aumento de litros de leite non depende unicamente do animal, senón en gran medida de como se produce e se xestiona a súa alimentación. Apostar polo coidado do solo, a activación da súa bioloxía e un manexo máis eficiente dos nutrientes consolídase así como unha vía real para mellorar a rendibilidade e avanzar cara a sistemas gandeiros máis sustentables e resilientes.
Galego










Control OJD