A galega Trasdeza Natur logra o premio do Ministerio para Mulleres Rurais

Un proxecto de horta ecolóxica de Silleda (Pontevedra) resulta unha das dez iniciativas distinguidas nos premios do Ministerio de Agricultura ó traballo innovador das mulleres no agro. Outras dúas firmas galegas, unha turística e outra de produción téxtil, resultaron premiadas

Publicidade
A galega Trasdeza Natur logra o premio do Ministerio para Mulleres Rurais

María José Tallón, de Trasdeza Natur, na súa horta en Cortegada (Silleda).

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de facer público esta mañá os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais, que distinguen 10 iniciativas para a posta en valor das mulleres no agro. Nesta edición concedéronse tres premios por cada unha das categorías, ademais dun recoñecemento honorífico pola traxectoria vinculada ó apoio ás mulleres no medio rural. Destes 10 premios, tres deles recaéron en firmas galegas: unha horta ecolóxica, unha empresa de aloxamentos turísticos e un estudo téxtil.

O ministro Luis Planas entregará os premios o próximo 14 de outubro, un día antes da conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais.

Na categoría á innovación na actividade agraria, a empresa galega Trasdeza Natur, de Silleda (Pontevedra) dedicada á produción e transformación de produtos vexetais de horta ecolóxica, alzouse co terceiro premio. É un proxecto impulsado por María José Tallón García que o xurado cualificou de orixinal e novidoso no ámbito rural galego e pioneiro no desenvolvemento e aplicación da tecnoloxía solar.

Nesta sección, o segundo premio foi para Ana María Acevedo García, polo proxecto Flor Galana, unha explotación agrícola integrada de carácter familiar, situada en Coaña (Asturias), dedicada á produción de faba asturiana IXP e verdiana. Ademais do seu cultivo e venda dese produto, a explotación conta con tenda online e realiza visitas guiadas.

O primeiro premio desta categoría recaeu en María Rosas Alcántara, de Villafranca de Córdoba, polo seu proxecto “Setacor: modelo de produción integrada de fungos e Aove”. Consiste nun proxecto circular no que os materiais nutren entre si a fungos e oliveiras, formando un círculo no que non se xeran residuos. A transferencia de innovación e coñecemento é un dos piares do proxecto Setacor, xa que unha das liñas de negocio é o apoio a emprendedores de toda España e continentes africano e americano.

Innovación con selo galego

Na sección de excelencia á innovación na diversificación da actividade económica do medio rural ou zonas costeiras outros dous proxecto galegos resultaron premiados. Por unha banda, a iniciativa “Cabaniñas do bosque. A dispersión rural como oportunidade para a innovación”, presentado pola sociedade Do Artesanato, afincada en Outes (A Coruña) especializada en turismo sostible e accesible, alzouse co primeiro premio.

Esta empresa familiar, creada por Saladina Turnes, Manuel Lema e a súa filla Renata, conta con 146 prazas de aloxamento distribuídas en diferentes tipoloxías, entre as que destacan as cabanas do bosque, espazos de gran calidade situados entre as ramas das árbores. Contan con catro complexos de cabanas, situados en diferentes núcleos rurais, co que se evita a sobrecarga de turismo.

Neste apartado, o segundo premio foi para o proxecto RIR & CO Deseño Téxtil Artesán, de Inés Rodríguez Rodríguez, propietaria dun estudo téxtil artesán situado en Allariz (Ourense), no que se mostran utensilios antigos relacionados coa cultura rural téxtil da zona. Inés Rodríguez vende os seus produtos na súa tenda física e a través de internet, onde tamén ofrece produtos doutros artesáns relacionados coa Marca Artesanía de Galicia.

O proxecto “Vermiduero-humus de miñoca”, de Nazareth Aparicio Antón, mereceu o terceiro premio nesta categoría. Vermiduero é unha empresa situada en Roia (Burgos), dedicada á produción de humus de miñoca ou vermicompost, unha emenda orgánica que se diferencia doutro tipo de abonos pola gran carga microbiana que ten, utilizable en agricultura ecolóxica.

Comunicación en feminino

No apartado de comunicación, a asociación Biela e Tierra, de Zaragoza, foi galardoada co primeiro premio, polo seu proxecto “Biela e Terra. A nosa narrativa para a soberanía alimentaria”, cuxo obxectivo é apoiar e visibilizar as iniciativas vinculadas á alimentación sustentable e ao mundo rural. Con esta intención, a asociación realizou entre xullo e outubro de 2919 un percorrido de máis de 2.800 quilómetros en bicicleta para visitar e visibilizar 125 iniciativas, que abarcan tódolos elos da cadea alimentaria, priorizando aquelas lideradas ou integradas por mulleres. Ó longo da ruta entrevistaron a 81 mulleres, nun percorrido por 90 municipios de Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León, Asturias, Cantabria e País Vasco.

O segundo premio neste apartado foi concedido a “Mulleres na Granxa”, programa de televisión de Radio Televisión de Castela e León no que se visibiliza o traballo e papel da muller nos labores agrícolas e gandeiros, nun ton divulgativo. Destinado a un público xeral e en horario de máxima audiencia, amosa o traballo no campo como unha realidade, dotando de protagonismo ás mulleres que realizan as tarefas neste sector.

O proxecto “De portas ao campo: mulleres no medio rural aragonés”, de Aragón Radio, foi merecedor do terceiro premio. Este espazo radiofónico de información agrícola e gandeira está dirixido e presentado por Carlos Espatolero. A visibilidade das mulleres rurais aragonesas foi sempre unha constante desde o inicio das súas emisións, que se reforzou coa creación, en marzo de 2019, dunha sección específica cada sábado para coñecer o traballo e proxectos que mulleres rurais aragonesas desenvolven no territorio.

Nesta edición, outorgouse un recoñecemento honorifico a Rosa Gallardo, doutora enxeñeira agrónoma, que desde 2016 dirixe a Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agrónoma e de Montes (Etsiam), da Universidade de Córdoba, a primeira muller en dirixila. Rosa Gallardo é unha firme defensora da dixitalización do sector agroalimentario. 

O apartado destinado a recoñecer os proxectos de Excelencia á Innovación na actividade pesqueira ou acuícola quedou deserto. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información