A Fruga denuncia que a Consellería prexudica a Galicia ao non cambiar o período de control do pago verde

A Fruga denuncia que a Consellería prexudica a Galicia ao non cambiar o período de control do pago verde

Concentración da Fruga

A Federación Rural Galega (Fruga) ven de emitir un comunicado no que critica que o “seguidismo” da Consellería do Medio Rural a respecto da adaptación a Galicia do período de control das axudas do pago verde da PAC vai prexudicar ás explotacións lácteas galegas.

Neste sentido, a Fruga lembra que o Real Decreto que regula estas axudas determina que o período de control estará comprendido entre maio e xuño, “mais permite ás comunidades autónomas axustalo ás condicións agroclimáticas da súa zona”. “Cousa -lembran- que fixo Asturias, establecendo-o entre os meses de xaneiro e maio, Galiza pola contra non fixo uso desta prerrogativa, ficando establecido entre maio e xuño ao igual que a normativa española sen o adaptar ás peculiaridades das practicas agrarias da maioría das nosas granxas, fundamentalmente de leite”.

Isto implica, segundo lembra a organización agraria, que de establecer como período de control entre xaneiro e maio o cultivo que se vai encontrar sobre o terreo vai ser o de pradeira , “e a normativa especifica que se mais de 75% do terreo de cultivo produce herba fica exento de facer diversificación de cultivos, co que na primavera pode dedicar a millo toda a superficie que considere necesario”.

Pola contra, no caso de facer a inspección entre maio e xuño o cultivo principal que vai haber sobre o terreo vai ser o millo, que, loxicamente, non ten a consideración de cultivo de herba polo que, neste caso, rexerá a obriga de facer diversificación de cultivo o que implica que o cultivo de millo non pode ocupar mais do 75% do total da superficie cultivada. “É aquí onde está a grande restrición que teñen que padecer as nosas granxas por culpa de que a Consellería non fixo uso da liberdade que lle dá a norma para elixir o período de control”, denuncian dende a Fruga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información