A Federación Rural Galega (FRUGA) alerta do impacto negativo que está a ter a chegada de grandes grupos empresariais ao rural galego. “Estas iniciativas, en moitos casos lideradas por empresas sen experiencia previa no sector agrario, buscan implantar cultivos e actividades agro-industriais”, advirte..
Dende a FRUGA explican que “cultivos antes propios de zonas peninsulares situadas máis ao sur (froitos vermellos, aguacates, etc.) gañan terreo e entran en desigual competencia con explotacións agrarias e gandeiras, xa a día de hoxe sumidas nunha importante crise económica e territorial”.
Un modelo predador centrado na explotación da auga
A FRUGA sinala que a auga é un dos recursos máis cobizados por estas empresas. “O desembarco destes auténticos piratas ambientais e o seu modelo predador é xa unha ameaza real, e xa está a ter nefastas consecuencias en comarcas como o Ulla ou a Chaira, e pon agora o punto de mira na Mariña ou o Baixo Miño”, sinalan.
A instalación de cultivos en zonas de monte comunal, como acontece en Begonte, exemplifica este fenómeno. Proxectos como o de Berries Passion, “empresa sen experiencia previa no sector agrario”, buscan transformar o modelo produtivo local e “reconverter aos labregos e labregas da zona en xornaleiras da súa actividade”, agravando a “precariedade laboral e o abandono das actividades tradicionais”.
Galicia, líder en perda de superficie agraria útil
Galicia é das rexións europeas máis afectadas pola perda de Superficie Agraria Útil (SAU), un proceso vinculado ao abandono das actividades agro-gandeiras en favor de modelos especulativos.
“Labradíos e viñas convertidos en eucaliptais para beneficio das pasteiras, monte transformado en macro-viñedos, pasteiros adicados á produción eólica e fotovoltaica ou á explotación mineira”, expón a FRUGA como crítica a estes modelos.
Ordenamento territorial e alimentación
A FRUGA reclama un modelo de ordenamento territorial que “antepoña o ben común e social, a produción de alimentos e a conservación do territorio como alicerces do noso rural”.
Advirten que sacrificar o territorio galego “no nome do capital supón hipotecar definitivamente o noso futuro” económico e ambiental da rexión. Unha das súas propostas é a recuperación da SAU e a aposta por un rural sostible que permita avanzar cara á soberanía alimentar.