O novo período da Política Agraria Común (PAC 2023 -2027) ven cun maior grao de esixencias medioambientais e con novidades respecto ás axudas directas. “A súa aplicación para este ano vai supor unha forte minoración de ingresos para as explotacións galegas. A redución pode andar, de media, sobre un 30% menos que o cobrado no ano 2022”, sinalan desde a Federación Rural Galega (Fruga).
Primeiramente, “as esixencias medioambientais para a maioría das explotacións obrigan a que todas as leiras das explotacións de máis de 10 hectáreas teñen que cambiar de cultivo cada tres ano, ou que o 4% da superficie agrícola se destine a elementos non produtivos, coa obriga de levar un caderno dixital da explotación ou a elaboración dun plano de xestión de aplicación dos fertilizantes coa obriga de que a aplicación do xurro, a partir do 1 de xaneiro de 2024, sexa efectuada mediante inxectores o que obrigara en moitos casos a ter de contratar un servizo externo para cumprir todos estas imposicións, co risco de que moitas explotacións desistan e se vexan obrigadas a pechar”, denuncian desde Fruga.
Outro dos aspectos sobre os que inflúe a nova PAC son as axudas directas. Os Dereitos de Pagamento Básico e o Pagamento Verde serán, a partir deste 2023, substituídos polo Apoio Básico á Renda para a Sustentabilidade (ABRS) mais o Pagamento Redistributivo (PR). “Deste xeito, se se comparan os importes que viña percibindo unha explotación no ano 2022 en axudas directas, isto é Dereitos de Pagamento Básico máis Pagamento Verde, e o que se prevé que cobre este ano 2023 en axudas directas, que engloba o ABRS mais o PR, esta axuda verá reducido o seu importe, por termo medio, nun 30 por cento”, afirman.
“Estas axudas en moitos casos eran a táboa de salvación de moitas explotacións galegas, sobre todo nos sectores de bovino de carne e de leite. Polo que de aumentar as obrigas ás que se van ver sometidas e de minguar os importes das axudas é moi probable que unha porcentaxe elevada non lle vai quedar máis alternativa que pechar, o que vai agudizar o abandono o que implica maior desertización e desestruturación do rural galego”, advirten desde a Federación Rural Galega.