A falta de demanda para o eucalipto nitens cuestiona a súa expansión en Galicia

As pasteiras, que antes pagaban un prezo similar polo eucalipto nitens e polo globulus, o tradicional en Galicia, comezan agora a penalizar a compra do primeiro. A revisión do Plan Forestal, clave para definir o rumbo do monte

A falta de demanda para o eucalipto nitens cuestiona a súa expansión en Galicia

As novas plantacións de nitens presentan unhas perspectivas incertas.

O eucalipto nitens está a experimentar nos últimos anos unha forte expansión en Galicia. Cada ano plántanse unhas 20.000 hectáreas, segundo as cifras que calcula a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), e a ese ritmo, as perspectivas apuntan a que en 15 anos o nitens pasará de ser residual a representar case a metade das cortas anuais na comunidade, no entorno dos 4 millóns de toneladas ó ano. “O problema radica en que na actualidade non hai ningunha industria que demande esa madeira, xa que ten unhas cualidades tecnolóxicas inferiores ao eucalipto globulus para a producción de pasta, e tamén menores ás do piñeiro para a fabricación de taboleiros ou para o aserrado”, valora Jacobo Feijoo, de Asefoga.

O debate sobre as perspectivas do nitens en Galicia ábrese en pleno periodo de traballo para redefinir o Plan Forestal de Galicia, un documento co que a Administración autonómica quere marcar o rumbo para o monte galego. Sobre a mesa, a pataca quente do nitens, e por extensión, o futuro do eucalipto globulus e dos piñeiros.

Factores de aumento do nitens
As plantacións de nitens en Galicia medraron en base a comerlle terreo ó eucalipto globulus, o tradicional na comunidade, e ó piñeiro. Sobre o globulus, o nitens presenta a vantaxe de que é máis resistente á plaga do gorgullo, un problema que está a ocasionar graves perdas desde hai anos sen que se lle consiga poñer freo.

“Unha plantación de eucalipto a 15 anos semellaba ter unha rendibilidade similar a unha de piñeiro a 25-30 anos” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

A este factor súmaselle que a altitudes superiores a 300 metros, o globulus ten unha mala resposta, polo que no interior de Galicia predominan as plantacións de nitens, en moitas ocasións sustituindo plantacións anteriores de piñeiro. Ese cambio vén motivado pola reducción do rendemento económico do piñeiro, que caiu a raíz do inicio da crise no 2008, cando baixou a súa demanda para a construcción.

O escenario de rendibilidade do nitens semellaba claro para o propietario. “Cos prezos que se viñan percibindo estes anos, altos para o nitens, baixos para o piñeiro, en 15 anos dunha plantación de eucalipto, o propietario forestal tiña perspectivas de lograr unha rendibilidade similar á que tería cunha plantación de piñeiro a 25-30 anos”, explica Jacobo Feijoo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga).

A industria pasteira comezou a penalizar nun mínimo de 6 euros por tonelada a compra de nitens

Baixada do prezo do nitens
Esas contas fan fácil comprender a expansión do eucalipto nitens. Ou facían, porque as contas cambiaron. As pasteiras, tradicionales compradoras de boa parte da madeira de eucalipto, comezaron este verán a penalizar a compra de eucalipto nitens. En anos anteriores, as empresas pagaban tarifas similares polo globulus e polo nitens, a pesar de que xa advertían de que o nitens era de menor interese para a produción de pasta de papel; pero desde este verán as tornas cambiaron.

Ence, por exemplo, comezou a penalizar nun mínimo de 6 euros por tonelada a compra de nitens, pero as reduccións de prezo poden chegar a 14 euros por tonelada para proveedores que suministren máis dun 15% desa madeira. O sector agarda que o resto de empresas pasteiras da península comecen a aplicar rebaixas similares.

“Aumentouse a produción do nitens sen que ningunha industria galega a teña como madeira de referencia” (Francisco Dans, AFG)

A baixada das tarifas supón unha merma considerable de ingresos para o propietario. “Se hai un ano o eucalipto nitens se pagaba no entorno dos 30 euros en pé –sen Ive-, agora pasa a 22-24 euros no mellor dos casos”, compara Xosé Covelo, técnico da Asociación Forestal de Galicia. (AFG). “O problema do nitens é a quen se lle vai vender e para que usos. A demanda de nitens para pasta de papel vai á baixa e para usos madeireiros págase a prezos por baixo dos 20 euros tonelada (en pé, sen Ive)”, valora Covelo. “A cuestión –suliña Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia- é que se aumentou a produción de madeira de nitens sen que ningunha industria galega a teña como madeira de referencia”.

Debate sobre especies a plantar
O debate sobre as especies que convén plantar nos montes de Galicia está aberto. O lugar para convertir ese interrogante en estratexias semella o Plan Forestal de Galicia, agora en revisión por parte da Administración autonómica coa colaboración do Consello Forestal, unha entidade na que participan, entre outras organizacións, os colectivos de propietarios do monte.

A metodoloxía que segue o grupo de traballo do Plan baséase nunhas enquisas elaboradas por técnicos da Administración coas que se quere sondear a opinión dos distintos colectivos sobre temas clave. Nas cuestións nas que hai consenso, non hai debate. Sobre as que non hai consenso, xérase un diálogo en busca da maior unanimidade posible. En base ás enquisas e os debates, o grupo de traballo elaborará unhas directrices que en teoría servirán de base para que a Xunta reforme o Plan Forestal de Galicia, que data de 1993.

“O titular do monte non pode plantar o que queira. Cómpre abrir o debate sobre a ordenación de usos da terra” (Xosé Alfredo Pereira)

Proposta de prohibición
No marco do traballo do Plan Forestal, a Organización Galega de Comunidades de Montes vén de suxerir a prohibición total das plantacións de eucalipto nitens en Galicia. O obxectivo de fondo da proposta é abrir o debate sobre a ordenación de usos do territorio. “O titular do monte non pode plantar o que queira, igual que nunha parcela urbán o propietario non pode poñer un edificio de 20 plantas” -defende o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira.- “Na ordenación da terra, débense valorar criterios sociais, de mercado da madeira e medioambientais”, valora.

Sobre esa base, o colectivo de montes veciñais é partidario da busca de alternativas ó nitens. “Fálase a miúdo de que Galicia non ten madeira de calidade. Por que non se tira por aí? A industria de mobles que traballa coa madeira transformada sempre di que ten que mercar fóra produtos como o castiñeiro ou a cerdeira. Por que non seguir ese camiño e incentivar en Galicia plantacións de castiñeiro ou cerdeira?”, pregúntase Pereira.

Estratexias
O sector forestal coincide nunha análise común sobre a existencia dun problema co nitens, se ben, hai diferencias sobre a táctica a seguir. Fronte á idea da prohibición do nitens que propón a Organización Galega de Comunidades de Montes, respaldada pola Fruga e por Adega, outros colectivos de propietarios avogan por regular con flexibilidade, por resolver problemas e por fixar incentivos, antes que prohibicións.

“Se queremos reducir o nitens, o esforzo hai que centralo en combatir o gorgullo do eucalipto e en valorizar o piñeiro” (Jacobo Feijoo)

“Prohibir sempre é o máis cómodo e serve de excusa para seguir sen afrontar os verdadeiros problemas” -valora Jacobo Feijoo, de Asefoga, unha organización ligada a Unións Agrarias.- “Se queremos reducir o uso do nitens en Galicia, as mellores medidas consistirían en combatir de xeito máis eficaz o gorgullo do eucalipto, que está a penalizar as plantacións de globulus, e en traballar para que o piñeiro e as frondosas volvan ter un papel relevante e un prezo atractivo. Esos son os verdadeiros retos”.

Desde a Asociación Forestal de Galicia reclámase tamén un papel máis activo por parte da Xunta na información ós propietarios forestais. “Bótase en falta unha Administración que faga unha labor de didáctica forestal. Falta un escenario de xogo claro e ben explicado. Os propietarios moitas veces téñense que mover polo ruxe ruxe”, valora Xosé Covelo.

“Falta un escenario de xogo claro e ben explicado. O propietario moitas veces móvese polo ruxe ruxe” (Xosé Covelo, AFG)

A desinformación dificulta a toma de decisións por parte do propietario forestal. “Non se trata tanto de cuestionar só o nitens, como de preguntarse por que se planta calquera especie forestal para a que non se albisca un futuro inmediato –engade Covelo-. Podemos preguntarnos por outras especies das que se teñen feito plantacións en Galicia, como o carballo americano ou o pino de Oregón. O lóxico é que haxa dificultades para comercializar a madeira desas plantacións porque non temos industrias especializadas no seu procesado”, explica o técnico da AFG.

O problema, considera Covelo, non ten fácil solución sen a implicación da Administración. “É a pescadilla que se morde a cola. Non hai industrias especializadas porque non hai plantacións e non hai plantacións porque non hai industrias especializadas. A cuestión é determinar a viabilidade comercial de especies e produtos a longo e medio prazo e tomar as decisións que correspondan”, conclúe.

Como recomendacións a pé de monte para os propietarios forestais, sobre todo para comunidades veciñais e para grandes fincas, Covelo suxire a diversificación en alomenos dúas especies, de cara a reducir riscos.

Perspectivas
Sobre o escenario tamén está a posibilidade de que a medio prazo se asente en Galicia algunha industria que requira a madeira do nitens de xeito principal, aínda que por agora as perspectivas reais ó respecto son nulas. “Podémonos ver de aquí a uns anos nun calexón sen saída –advirte Jacobo Feijoo-. Tamén é verdade que pode asentarse aquí algunha industria que use esa madeira, pero o que temos que ter claro é que onde Galicia se diferencia no mercado internacional e onde ten vantaxes competitivas na produción de pasta de celulosa é no eucalipto globulus. É a madeira que permite a obtención de papel de máis calidade e cuns procesos máis ecolóxicos”, sinala Feijoo.

“Temos que preguntarnos que produtos forestais podemos lanzar. O camiño pasa por definir como autorregularnos” (Francisco Dans, AFG)

Así as cousas, o sector aspira a lograr o máximo consenso posible nas propostas que faga para o Plan Forestal. Sobre a mesa, unha cuestión clave. “Temos que preguntarnos que produtos forestais podemos lanzar e a quen se lle van vender e para que”, resume Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia. “É un debate tardío pero aínda está por resolver. O camiño pasa pola autorregulación e por intercambiar criterios sobre como autorregularnos. Ese debate é o que emprenderemos agora no grupo de traballo do Plan Forestal”, conclúe.

Una idea sobre “A falta de demanda para o eucalipto nitens cuestiona a súa expansión en Galicia

  1. Dominique ROUX

    Es cierto que seguir con el monocultivo como el eucaliptus en su forma globulus o nitens es un peligro para los ingresos de los silvicultores gallegos. Diversificar permite aumentar la posibilidad de ingresos a medio plazo. Si pensamos ecología, las frondosas tiene mejor imagen al nivel turístico, con una buena silvicultura se conseguiría productos de calidad, con valor mercantil dentro de Galicia con fuera al nivel europeo o mundial ya que compensaría el transporte del producto. Usar Galicia como mero suelo barato para el cultivo de materia prima forestal bajata como es el eucaliptus para hacer pasta de papel solamente sin tener el valor añadido de producción de papel, cartón, embalaje, … que realizan otros usando la silvicultura gallega como sitio idóneo por estar cerca de los puntos de transformación ahorrándose el transporte de la mercancía y dejándonos el problema medio ambiental de la confección de la pasta de papel.

    Que tenga un buen día soleado.

    Dominique ROUX
    Oleiros-La Coruña
    gestionnatural.org

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información