Galicia aumentou en máis dun 20% o volume de vendas certificadas de produto ecolóxico no 2014. Isto supón un aumento na facturación con respecto ao ano anterior de máis de 5,3 millóns de euros, ao pasar dos preto de 26 millóns de euros do ano 2013 aos máis de 31 millóns do ano pasado.
Foi un dos datos expostos esta mañá na presentación da memoria de 2014 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), na que interviron o presidente deste organismo, José Antonio Fernández Álvarez, o secretario, Javier García Lozano, e a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa.
No eido do volume de vendas, sobresae o sector do leite e os derivados, que o ano pasado acadaron un volume económico de máis de 9,5 millóns de euros, representando case 1/3 do total. Os produtos que máis aumentaron a súa facturación foron a acuicultura e a recolleita de algas, pola entrada dunha piscifactoría de troita en ecolóxico, así como os pensos e alimentación animal e o capítulo de outros elaborados.
Pola contra, baixou a facturación en hortalizas e froiteiras, en conservas de peixe, en aceites e en froitos do bosque e castañas.
Medra un 5% o número de inscritos no CRAEGA
Por outra parte, cómpre destacar tamén o incremento de máis dun 5% no número de inscritos (produtores e elaboradores) neste consello regulador, que pasou dos 656 afiliados no 2013 aos 703 no 2014, dos que 554 son produtores e 149 son elaboradores.
No relativo á superficie inscrita no colectivo, conta con 15.233 hectáreas para a produción en ecolóxico, o que supón un descenso do 2,79% respecto ao 2013. Dese total, a maior parte, 11.607 corresponden a pastos e pradeiras permanentes.
Dende o CRAEGA explicaron este descenso na superficie inscrita pola non convocatoria nos dous últimos anos das axudas do CES (Contrato de Explotación Sustentable), un efecto estatístico que se corrixiu a finais de ano coa incorporación de 70 novas explotacións co que “no mes de abril-maio, coa actualización dos datos a superficie inscrita no CRAEGA xa estará por riba da de 2013”.
Máis do 50% da produción ecolóxica expórtase fóra de Galicia
O secretario do CRAEGA, Javier García, salientou que “o sector da agricultura ecolóxica en Galicia está cada vez máis profesionalizado, e proba delo é que os operadores venden o seu produto baixo o selo do CRAEGA”. “Unha certificación -subliñou- que é compatible coas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas”.
En canto ao destino da produción ecolóxica, o secretario do CRAEGA informou de que “máis do 50% expórtase fóra de Galicia, e dentro do mercado exterior destaca Alemaña polas súas compras de mel, queixo, peixe en conserva e castañas”.
Ademais, o presidente do CRAEGA, José Antonio Fernández, destacou que coa acreditación ENAC, da que dispón o organismo, “as garantías que ofrecemos para a produción ecolóxica son maiores”.
Pola súa parte, a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa subliñou que estes datos “fan pensar que a agricultura ecolóxica está en pleno auxe e que vai polo bo camiño”.
Fixo fincapé en que esta actividade “supón un valor engadido para as producións da terra de Galicia, xa que ofrece ao consumidor un produto natural e de máxima calidade”. “Esta modalidade, valorou, abre o camiño a novas oportunidades de negocio converténdose nun sector con futuro, especialmente para a mocidade”.