“A fabricación de pensos en Galicia é a máis segura de España”

Entrevista a Bruno Beade, director-xerente da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos. Prevé que os prezos dos cereais se manteñan estables este ano e destaca que grazas ao sistema gmp.Galis " somos o sistema con máis seguridade de España na elaboración de pensos".

“A fabricación de pensos en Galicia é a máis segura de España”

Bruno Beade, director-xerente de AGAFAC.

Bruno Beade é o director xerente da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC), unha organización que representa a 34 fábricas e ao 85% da produción de pensos compostos de Galicia. Nestes días nos que se fala da necesidade de estruturar o sector agrario galego, AGAFAC contitúe un exemplo de organización do sector mantendo a libre competencia.

A raíz da crise das vacas tolas, “o sector comprendeu que a seguridade alimentaria non é negociable”. Así, dende 2005 puxeron en marcha un control sectorial das materias primas que se utilizan na elaboración de pensos, o gmp.Galia, que hoxe en día se está a trasladar a outras Comunidades Autónomas.

Que é AGAFAC?
A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos é o único representante legal do sector en Galicia. Naceu en 1978 e nestes momentos representamos a 34 fábricas, que supoñen o 85% da produción de pensos compostos da comunidade.

Ademais, a asociación constituíu a sociedade Seguridade Alimentaria do Noroeste S.L.U. que desenvolve “Galicia Alimentos Seguros” ou gmp.Galis, un sistema innovador de control conxunto e sectorial da calidade e a seguridade alimentaria das materias primas utilizadas na alimentación animal de Galicia. Con este sistema representamos 55 fábricas de penso, que supoñen arredor do 96% da produción de pensos compostos de Galicia.

De onde proveñen as materias primas para a alimentación animal?
Galicia e España son deficitarias en materias primas para alimentar a súa extensa cabana gandeira. Iso obríganos a servirnos no mercado internacional. Para os vexetais proteicos (colza, soia e xirasol) abastecémonos fundamentalmente en Estados Unidos, Brasil e Arxentina, ao igual que no millo. Tamén utilizamos cereais de orixe nacional, fundamentalmente de Castela e León.

Dende o 2001 non se pode utilizar proteína animal e para unha alimentación equilibrada da cabana gandeira temos que utilizar proteína vexetal, fundamentalmente soia, que se produce no exterior.

Onde se marcan os prezos dos cereais a nivel mundial?
Fíxaos o mercado a nivel internacional baixo as normas da oferta e a demanda (hai máis demanda a nivel mundial que oferta). Ademais doutros factores económicos, sociais ou feramente especulativos, non somos o único sector que demanda cereais, pois o do bioetanol tamén compite coa alimentación animal.

“O prezo dos cereais tamén o marcan factores especulativos”

A isto temos que unir que as finanzas se fixaron nas commodities, as materias primas agrícolas, como refuxio dos seus investimentos. Co cal o prezo o marca a regulación entre a oferta e a demanda e a dinámica das bolsas, que queren maximizar os beneficios.

As fábricas de pensos de Galicia o que queremos é a sustentabilidade do gandeiro e as flutuacións dos cereais témolas que trasladar ao resto da cadea, tanto as subas coma as baixadas. O problema é que o gandeiro ten un problema para poder trasladar as subas de custos dos seus produtos á distribución.

Sen embargo, os gandeiros quéixanse de que as subas dos cereais se trasladan de inmediato pero as baixadas tardan moito máis….
A realidade é que Galicia conta con 116 fábricas de penso, un sector maduro e que ten un exceso de capacidade de produción. Con esta grande oferta a competencia no sector lévase ao máximo en canto a prezos.

 “En Galicia hai exceso de capacidade de produción de pensos e a competencia é máxima”

O problema é que as materias primas se compran a longo prazo, por exemplo a soia cómprase a 6 meses e mesmo a un ano, e por iso tardan ás veces en trasladarse as baixadas ao gandeiro.

Cun sector de fabricantes de penso como o que temos en Galicia é imposible que haxa unha competencia irregular, porque sempre vai haber un fabricante que traslade a baixada dos cereais ao cliente e arrastre o resto.

Cales son as previsións de prezos dos cereais para este ano?
Nos últimos dous anos houbo unha baixada de prezos e a previsión é que se manteñan os prezos estables, se ben xa está a haber pequenos repuntes en materias primas proteicas, sobre todo a soia, que son as materias primas que teñen máis oscilacións non obxectivas, debido aos movementos bolsistas.

“Prevese que este ano os prezos dos cereais se manteñan estables”

gmp_Galis_pensos_AGAFAC_standar

Un técnico de gmp.Galis realizando unha mostraxe no porto.

Poderíase volver producir unha crise como a das vacas tolas?
O risco cero non existe. O importante é que dende o ano 2005 puxemos en marcha un sistema de control conxunto das materias primas que utiliza o sector para fabricar os pensos compostos. É de grande importancia, porque o proceso de fabricación dun penso é tecnolóxicamente sinxelo, pero se unha materia prima chega contaminada o penso sairá mal.

Este sistema, a Galicia Alimentos Seguros (gmp.Galis), fai unha mostraxe selectiva de todas os barcos de cereais e materias primas que chegan a Galicia para fabricar pensos e os analizamos de forma sectorial e conxunta en laboratorios propios e externos. Este sistema representa o 96% dos pensos fabricados en Galicia e conta con persoal nos portos galegos. Ademais, dispoñemos dun sistema de alerta rápida das materias primas que chegan tanto dende o exterior coma do resto de España por se se detectase algunha desviación dos parámetros normais ou lexislados.

“En Galicia temos o sistema máis seguro de España en elaboración de pensos”

É un sistema pioneiro en España que se está a empezar a implantar noutras Comunidades. É a forma máis eficaz de impedir a entrada de materias primas contaminadas na cadea alimentaria e de aumentar a calidade dos nosos pensos. Somos con diferenza o sistema con máis seguridade na elaboración de pensos para nutrición animal de España.

O sector galego entendeu que a seguridade alimentaria non é negociable e por iso puxo en marcha este sistema de control sectorial pioneiro en España. O gandeiro debe saber que en Galicia hai 55 fábricas que lle ofrecen a máxima seguridade alimentaria nos pensos, as que se incorporaron ao programa gmp.Galis, e tamén que hai outras 60 fábricas, que representan o 4% da produción que non ofrecen esas garantías adicionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información