A faba, un cultivo con moitas posibilidades, celebra a súa feira en Moeche este sábado

A IV edición da Feira da Faba da localidade xuntará a partir das 10 da mañá na nave do mercado de San Ramón a produtores desta legume cuxo cultivo tivo fai anos moita importancia nesta zona

Publicidade
A faba, un cultivo con moitas posibilidades, celebra a súa feira en Moeche este sábado

Moeche busca recuperar o cultivo de faba, que noutro tempo tivo moitísima importancia nesta zona. Este sábado 19 de outubro celébrase a IV Feira da Faba de Moeche, coa que se quere recuperar o vigor que tivo no pasado este cultivo para convertelo hoxe en parte dun sector primario que aposte pola diversificación.

Desde as dez da mañá xuntaranse na nave dos tecidos do recinto feiral de San Ramón ducias de expositores con faba da máxima calidade e o obxectivo común de superar o éxito de vendas e público do ano pasado. Tamén haberá degustación de fabada a prezos populares. Será ás 12 da mañá cando se empezará a repartir a fabada a un prezo de 3€  a ración, elaborada pola asociación Labacengos.

Confirmaron xa asistencia produtores e produtoras de dentro e fóra de Moeche, como os agrupados na cooperativa Terras da Mariña (especializada na variedade con IXP Faba de Lourenzá e na verdina), Fabas O Castelo, Legumes e fabas Sanjurjo e Acastrexa (coa súa tradicional faba de ril), a quen seguramente se unirán nos próximos días algúns postos máis da zona.

Ás dúas da tarde sortearase un lote de produtos da feira e contra as catro ou cinco da tarde darase por concluida a IV Feira da Faba de Moeche, na que haberá cantidade e variedade suficiente para mercar malia que este ano semella que non vai destacar por grandes producións, aínda que si pola calidade do froito. Os fabais que agora se están apañando para debullalos nesta zona da provincia da Coruña non están tan vizosos coma outros anos pero, en xeral, os bagullos veñen cheos e con faba limpa.

Un cultivo tradicional vido a menos pero con moito futuro

A cuarta edición da Feira da Faba de Moeche naceu co obxectivo de promocionar unha legume que noutro tempo supuña un importante complemento económico para as economías familiares desta zona. Ata hai relativamente pouco, as feiras do 11 e do 23 dos meses de outubro e novembro eran citas obrigadas para darlle saída ao excedente da comarca, que partía desde Moeche para o resto de Galicia.

A prensa local publicaba hai uns 35 anos que neste tempo chegaron a comercializarse en San Ramón 60.000 quilos de fabas. Un dato significativo da gloria pasada da faba nesta zona, pero tamén un sinal do potencial que ten o norte da provincia da Coruña se se aposta por recuperar este cultivo.

Outros produtos do outono

Feira faba Moeche

A IV Feira da Faba de Moeche comezará sobre as 10 da mañá coa apertura dos postos no interior dunha nave do mercado que, como adoita ocorrer nas grandes citas, aproveitará todo o longo das instalacións para acoller a oferta de legume, pero tamén a dos expositores habituais dos sábados.

Ao coincidir con día de mercado, a cita contará tamén con outros alimentos frescos e transformados (pan, queixos, peixe, produtos de tempada). Ademais de pan e doces das panaderías da zona, haberá tamén chocolates traídos desde Ribadeo por Bombones Moreno, mel e produtos apícolas da Casa do Mel de Goente, queixos da zona e tamén de San Simón da Costa (da Queixaría Prestes), chacinas ancareñas comercializadas por Embutidos Suarna, etc.

Canda o alimento, o recinto tamén reserva espazo para a artesanía das Lolas da Cascarilla (bonecas feitas con plana de millo), para os artigos de coiro elaborados por Ana y Marcus, as bolsas e cestos de Stela ou a bixutería do posto de Bypi Artesanía.

Programa complementario de actividades

A feira rodearase ademais de propostas paralelas como unha exposición sobre o traxe galego, obradoiros para a rapazada e un espectáculo de iniciación ao baile tradicional, así como outras actividades. Así, ás 11:30 horas. desenvolverase un obradoiro de maxia e malabares conducido por La GuaGua.

Tamén colabora co evento a asociación Val de Moeche traendo unha exposición de traxes tradicionais galegos da colección da veciña de San Xoán Loli Garrote, socia da entidade. Loli é filla do desaparecido folclorista Gonzalo Garrote, membro do Real Coro Toxos e Froles, do que foi percusionista en tempos de Manuel López Vergara e Constantino Bellón. Garrote foi ademais director artístico de honra do coro e fundador en 1968 da agrupación Terra Meiga.

Para as 13:00 horas está previsto o comezo do espectáculo As Armadanzas na punta do pé, que chega a Moeche da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña. As Armadanzas son Mercedes Prieto e Montse Rivera, quen levarán ao público ao mundo do baile tradicional galego-portugués cunha proposta pensada para participar nos bailes dunha e da outra beira do Miño animados con historias e contos entre peza e peza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información