O director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), Juan Manuel Casares Gándara, presentou onte en Ourense o informe de xestión da entidade correspondente ao 2014 e o plan de actividades para o presente ano.
Acompañado pola conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, polos presidentes dos consellos reguladores das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia, polo director do INGACAL e por outros representantes da administración autonómica e do sector do viño, Juan Casares quixo render contas do traballo feito ao longo dos 18 meses que leva á fronte dun organismo público que, na súa opinión, “sitúase no centro do sector vitivinícola galego”.
Importante incremento da actividade da EVEGA no 2014
Neste sentido, Juan Manuel Casares, salientou o importante incremento da actividade da EVEGA ao servizo do sector ao longo do pasado ano, un balance positivo que, subliñou, “é froito dos compañeiros do centro, do labor dun gran equipo”, aos que lles agradeceu “a súa profesionalidade e esforzo diario”.
En concreto, este centro dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar realizou en 2014 un 30% máis de mostras e un 27% máis de ensaios, pasando de 2.650 mostras en 2013 ás 3.429 de 2014 e de 18.931 ensaios no 2013 a 24.101 en 2014.
Ademais, levou a cabo nestes dous anos un total de 75 accións divulgativas, 9 xornadas técnicas (nas que participaron en total 867 alumnos) e outros 9 cursos de formación, nos que se inscribiron 268 alumnos.
Por outra banda, a EVEGA realizou unhas 500 accións de asesoramento directo a viticultores e adegueiros de toda Galicia.
Acreditación ENAC para analíticas
Outro fito do 2014 que salientou o director da EVEGA foi a consecución da acreditación segundo a norma UNE-EN-ISO/IEC 17025 para os parámetros clásicos do viño, o que supón unha garantía de verificación para as analíticas.
A conselleira Rosa Quintana subliñou tamén a importancia desta credencial que –dixo– “estou segura marca un antes e un despois non só neste centro senón na verificación da calidade dos nosos viños”.
Plan de traballo para 2015: páxina web e máis formación para os profesionais
Respecto ao plan de traballo para este ano, o director da EVEGA anunciou que “seguiremos apostando pola investigación: remataremos os proxectos nacionais e FEADER que temos e cunha alta posibilidade de asinar catro proxectos máis con empresas do sector”.
Na mesma liña, salientou que “a EVEGA liderará unha Reunión de Grupos Galegos de Investigación en Enoloxía e Viticultura”.
Ademais, avanzou que a Estación de Leiro continuará aumentado a oferta formativa. “Temos deseñadas e solicitadas seis xornadas técnicas, un taller práctico e seis cursos formativos porque queremos achegarnos e formar cada vez a máis profesionais”, asegurou.
Por último, informou de que “para o mes de xuño presentaremos a nosa páxina Web, unha ferramenta de competitividade e achegamento ao sector que nos permitirá interactuar de xeito continuo cos profesionais”.
O sector do viño da traballo en Galicia a unhas 17.500 persoas
Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural e do Mar felicitou aos responsables da EVEGA por este balance tanto de novos proxectos investigadores como de actividades “que supoñen unha axuda á formación teórico-práctica dos membros deste sector”.
Rosa Quintana lembrou a importancia económica do actividade vitivinícola para Galicia, con cinco denominacións de orixe de viño que producen anualmente uns 35 millóns de litros de caldos cualificados, cunha facturación de preto de 150 millóns de euros, e 446 adegas inscritas nun sector que supón un medio de vida e traballo de xeito directo para aproximadamente 17.500 persoas.
O acto rematou cunha degustación comentada de viños das cinco denominacións de orixe galegas a cargo dos expertos Luis Buitrón e Alfonso Losada.