“A empresa privada será a que fixe as tarifas para as inspeccións dos equipos aplicadores de fitosanitarios”

Entrevista a Víctor Novo Vázquez, xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural. Nas próximas semanas publicarán o calendario de inspeccións dos equipos nas ITEAF.

Publicidade
Publicidade
“A empresa privada será a que fixe as tarifas para as inspeccións dos equipos aplicadores de fitosanitarios”

Víctor Novo Vázquez

Hoxe, 26 de novembro, empeza a aplicarse o Real Decreto 1311/2012 de Uso Sostible de produtos fitosanitarios no relativo á esixencia de carné de aplicador para poder mercar e vender produtos fitosanitarios de uso profesional. O sector quéixase da falta de información, da escasa oferta de produtos de uso non profesional, así como da falta de formación online para obter o carné de aplicador, algo que si sucede noutras Comunidades Autónomas.

Falamos sobre o novo decreto con Víctor Novo Vázquez, xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural.

¿Cales son as grandes novidades do Real Decreto 1311/2012?
Para o agricultor e para o vendedor vai supor obrigas distintas. A partir de hoxe o vendedor de produtos fitosanitarios ten que estar en posesión dun carné de manipulador-aplicador de produtos fitosanitarios de nivel cualificado, mentres que para o agricultor que aplique produtos fitosanitarios e queira comprar produtos de uso profesional terá que dispor como mínimo dun carné de nivel básico.

Por outra parte, os distribuidores e subministradores de produtos fitosanitarios e establecementos de venda deberán dispoñer dun rexistro de transaccións onde se deberá cubrir unha serie de datos (número de carné de manipulador da persoa á que se lle vende un produto profesional, data de venda, materia activa, número de lote…etc). Este documento deberá estar dispoñible, ben en papel ou ben en soporte informático, para poder ser presentado en caso de inspección ás autoridades competentes en sanidade vexetal.

Dende o sector agrícola en Galicia hai quen critica que este decreto está concibido por Bruxelas para grandes extensións agrarias e para agricultores a tempo completo e que, polo tanto, non se adapta á realidade de Galicia...
O fin da agricultura é producir produtos sans para o consumo humano. E xa sexa dun xeito profesionalizado e a gran escala ou ben en pequenas explotacións dun xeito máis artesanal, todas elas deben asegurar que os seus produtos cumpren cos límites máximos de residuos permitidos pola normativa comunitaria e, polo tanto, aptos para o consumo humano. Por tanto, a normativa é aplicable independentemente da forma de producir estes produtos

Asemade, a filosofía última desta directiva encádrase no marco da sostenibilidade no uso dos produtos fitosanitarios, polo que trata de incorporar actuacións responsables que melloran o medio ambiente e a saúde das persoas, por iso sempre serán disposicións normativas beneficiosas para o sector.

Parece que o Real Decreto 1311/2012 vaise modificar a nivel estatal. ¿Que alegacións presentou a Xunta ao Real Decreto de Uso Sostible de Produtos Fitosanitarios?
Este Real Decreto supuxo un cambio radical na filosofía de utilización de produtos fitosanitarios derivadas das esixencias da Comisión Europea polo que obrigou a regular de novo moitos aspectos relacionados co uso de fitosanitarios. Como en toda normativa nova adóptanse medidas que unha vez que se aplican poden non ser todo o operativas que se pensaban e polo tanto se ten que realizar axustes para que se adapten á realidade. As variacións non son substanciais nin afectan á filosofía deste Real decreto pero que si necesitan determinados axustes que aumenten a súa operatividade.

Dende o sector demándase á Xunta máis información sobre os cambios que suporá este Real Decreto. ¿Ten prevista a Consellería algunha campaña informativa?
Lévanse facendo campañas nos medios de comunicación, na web da Consellería, directamente a todos os sectores implicados ou a través das Oficinas Agrarias Comarcais dende a publicación da normativa básica. A Consellería está a disposición dos sectores implicados para explicarlles todo o que sexa necesario, pero a normativa é coñecida, está publicada desde o ano 2012 e o único que cambia neste momento é que determinados aspectos desta entran en vigor hoxe 26 de novembro de 2015.

“Ata agora non aumentou a demanda de cursos para o carné de fitosanitarios de forma significativa”

Tamén se reclama que se facilite a obtención do carné básico, ampliando a oferta de cursos e facendo parte da formación online. Ides realizar algún cambio?
A Xunta a través do Servizo de Formación Agroforestal, dispón dun Plan de Formación que inclúe a realización de cursos de aplicador de fitosanitarios tanto a nivel básico como cualificado en toda a comunidade autónoma, ben a través de entidades colaboradoras ben a través das oficinas agrarias comarcais. Este Plan se publica na páxina web da Consellería para todo o ano, e a Consellería está pendente de posible incremento da demanda de solicitudes que ata o de agora non se ten producido de maneira significativa.

Que formación e que funcións ten que ter o asesor e o titulado universitario dos establecementos?
Son dúas figuras diferentes. O antecedente da figura do titulado universitario en establecementos de venda e distribución de produtos fitosanitarios xa ven regulado dende a Lei 43/2002 de Sanidade Vexetal, que establece que os establecementos de venda de fitosanitarios deben contar cun universitario con titulación habilitante en temas de sanidade vexetal e que estea ao tanto dos cambios de lexislación, dos condicionantes técnicos que debe ter o establecemento…etc.

O Real Decreto establece tamén esta obriga e regula cales son as titulación habilitantes que autorizan para a realización destes traballos

FITOSANITARIOS_ANUNCIO_standar

Anuncio informativo en Agroulla (Valga-Pontevedra)

Pola contra, o Real Decreto 1311/2012 establece a figura do asesor, que é diferente, xa que a súa función é asesorar na xestión integrada de pragas, co obxectivo de racionalizar o emprego de fitosanitarios nos cultivos agrarios.

O Real Decreto establece unha serie de superficies agrarias exentas da necesidade de contar cun asesor en xestión integrada de pragas. Por exemplo, en Galicia deberán telo superficies dun mesmo titular de viña, pataca ou kiwi superiores a 5 hectáreas. En froiteiras deberán telo as superficies de máis de 2 hectáreas. Pola contra, están exentas de telo as plantacións de forraxeiras ou de cereal.

¿A nova normativa non limita en exceso os produtos fitosanitarios de uso non profesional, que se poden mercar sen carné?
A normativa básica non limita o uso dos produtos de uso non profesional, senón que permite a súa comercialización sen necesidade de que o comercializador estea rexistrado, e sen necesidade dun carné de aplicador para a súa utilización. O usuario non profesional unicamente poderá mercar aqueles produtos que sexan para uso non profesional, que ademáis teñen que vir en envases cun tamaño máximo.

O Real Decreto 1311/2012 tamén introduce a novidade das ITEAF. ¿Como está a situación neste momento en Galicia?
O Real Decreto 1702/2011 que regula as Inspeccións de Equipos de Aplicación de Fitosanitarios (ITEAF) traspúxose en Galicia a través do Decreto 60/2014, publicado en xuño de 2014, no que a Xunta regula as ITEAF e crea o Comité Fitosanitario Galego.

No decreto da Xunta regúlanse os requisitos que deben cumprir as estacións autorizadas para realizar as ITEAF. O decreto contempla dúas opcións: que a estación sexa autorizada pola propia comunidade autónoma ou que sendo autorizada por outra comunidade autónoma nos sexa comunicada e poda traballar aquí. Neste momento a Consellería do Medio Rural ten cinco empresas autorizadas para realizar as ITEAF e dúas máis en proceso de autorización, unha información que xa está dispoñible na web da Consellería.

É o titular da máquina o que ten que chamar a estas empresas autorizadas para que lle dean prezo e lle veñan a facer a inspección.

¿Que equipos terán que pasar as inspeccións?
En Galicia hai unhas 9.800 máquinas censadas no Rexistro de Maquinaria Agrícola (ROMA) e será obrigatorio que pasen as inspeccións nas datas que fixemos, e do contrario enfrontaranse a inspeccións.

As sulfatadoras de mochila e as sulfatadoras de ata 100 litros están exentas desta obriga. As máquinas novas non terán que pasar a ITEAF ata os 5 anos e a partir de aí terán que pasar unha cada 5 anos, agás para equipos de empresas de servizos agrarios, ADF, cooperativas agrarias que presten servizos de aplicación de fitosanitarios,etc…que terán que pasar a primeira aos 3 anos. A data límite para que pasen estas inspeccións é o 26 de novembro de 2016. A partir do ano 2020 todas as inspeccións serán cada 3 anos.

 “Nos próximos días publicaremos o calendario para as inspeccións dos equipos de aplicación de fitosanitarios”

A Consellería está a establecer un calendario para pasar as inspeccións a nivel comarcal ao longo do próximo ano e que aprobaremos nas próximas datas e será convenientemente publicado na web da Xunta. Estamos intentando organizalo a través das cooperativas para que podan conseguir mellores prezos das empresas autorizadas e centralizar as inspeccións nuns días concretos.

De todos os xeitos, hai moitas máquinas de aplicación de fitosanitarios que non están inscritas no ROMA. Estas máquinas non poderán realizar as inspeccións se non están inscritas previamente.

¿Están limitadas as tarifas pola Xunta?
As tarifas que inclúe o decreto 60/2014 da Consellería de Medio Rural son prezos públicos, é dicir son as tarifas que ten que cobrar a Administración en caso de que sexa ela a que prestase ese servizo de inspección da maquinaria de aplicación de fitosanitarios. As cantidades que van cobrar as empresas privadas serán as que elas mesmas determinen en cada caso.

“As empresas privadas serán as que determinen as tarifas das inspeccións”

Xa se están tomando medidas, xa que os produtos autorizados en Portugal non teñen porque estar autorizados aquí, así como a obriga de que todas as indicacións de uso dos produtos teñan que vir na lingua oficial do estado membro onde se comercialicen. Estanse aplicando sancións aos posuidores de produtos non autorizados. O SEPRONA tamén colabora con nós no control deste comercio fraudulento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información