Galicia foi unha das comunidades máis afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). De feito, neste ano, con datos do 12 de decembro, rexistráronse 2.255 explotacións afectadas. En detalle, 7.061 animais foron sospeitosos dos cales 5.372 deron positivo e 843 morreron.
Estes datos foron achegados por Jesús Javier Orejas, xefe do servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural, durante a xornada sobre vacún de leite organizada por Unións Agrarias e celebrada este xoves en Santiago de Compostela.
O representante da Xunta lembrou que neste ano a enfermidade detectouse en xuño, primeiro no concello ourensán de Riós e logo xa se foi estendendo por todas as provincias e chegando a numerosos concellos. En detalle, na provincia de A Coruña, as explotacións afectadas foron 121, chegando a haber 405 animais sospeitosos dos que 171 foron positivos e 30 morreron. En Lugo, as cifras foron superiores e as máis altas da comunidade, con 1.030 ganderías afectadas, 3.157 sospeitosos e 2.279 animais positivos e 276 mortos. Ourense rexistrou 568 explotacións afectadas, con 1.663 animais sospeitosos dos que 1.411 foron positivos e 283 morreron. Finalmente, Pontevedra tivo 536 ganderías afectadas, 1.836 sospeitosos, 1.511 positivos e 254 mortos.
Cabe puntualizar que o censo global en Galicia neste ano é de 131.554 animais, polo que a mortalidade representa un 0,64 %, pero sobre os animais positivos (5.372) esta cifra chega a un 16,62 %.
Estes datos en comparación co 2023, son moi distintos “e a situación para o vindeiro ano vai a ser complexa, xa que as zonas que menos foron afectadas, como a costa da Coruña van a ter que previr”, indicou Orejas. En setembro de 2023 localizáronse os primeiros casos en Galicia con dous focos simultáneos, un na Capela e outro en Abegondo. O virus estivo circulando durante 3 meses e nese período, das 54 comarcas veterinarias, afectou a 29. Así é que chegou a 352 explotacións na Coruña, 192 en Lugo, 22 en Ourense e 58 en Pontevedra. No 2023, ao contrario que neste ano, a provincia máis afectada foi A Coruña, onde 886 animais se rexistraron como sospeitosos e morreron 246.
Dos animais das explotacións nas que si hai constancia de padecer a enfermidade, tan só o 34 % presenta anticorpos
Futuro da enfermidade
“A situación para o vindeiro ano é incerta, por iso quero recalcar que é importante vacinar xa que está demostrado que funcionan”. Temos dúas posibilidades, a Hepizovac e a Syva. “Non teñen contraindicacións e requiren de dúas doses, aplicadas en dous períodos. Custan sobre cinco euros e para o vindeiro ano só haberá que aplicar unha”, explicou o experto.
De cara ao futuro, indicou que os animais que xa pasaron pola enfermidade adquiriron inmunidade natural e quedaron protexidos polo padecemento da enfermidade. “Por iso é importante estar vixiantes neses concellos do norte de Ourense ou da costa da Coruña, xa que foi onde menos incidencia houbo, polo que é probable que afecte máis”, recalcou.
Realizaron unha investigación na Coruña, xa que foi a zona máis afectada en 2023, na que tomaron mostras de sangue e “animais que non presentaron sintomatoloxía, tiñan anticorpos iso quere dicir que o virus entrou no seu corpo non desenvolveu a enfermidade, pero protexeunos”. Estas mostras foron tomadas en rabaños que presentaron síntomas e noutros que non, e uns e outros tiñan unha cobertura do 50 %. Dos animais das explotacións nas que si había constancia de padecer a enfermidade, tan só o 34 % presentaba anticorpos: “É un dato negativo”, sinalou.
Axudas por animal
O profesional lembrou as axudas que se van a conceder axudas que son compatibles con outras que fosen solicitadas. “A consellería está ultimando os trámites burocráticos e antes de que remate o ano deberían estar publicadas, conxuntamente cun anexo no que se indican as explotacións que notificaron algún caso para que os gandeiros confirmen querer recibila e cubran os datos para cobrala”, destacou.
Unións Agrarias pedirá que se sufraguen as vacinas e as perdas que se producen pola enfermidade
Os importes quedan da seguinte maneira: por morte de animais de menos de 4 meses pagaranse 400 euros. Nos bovinos maiores de 4 e menores de 8 serán 900 euros; nos de máis de 18 meses E menos de 120 chegarán aos 1.600 euros e máis de 120 meses 1.000 euros.
Nos gastos veterinarios e produtos pagaranse 20 euros/animal censado a 12 de xuño de 2024 cun mínimo de 140 euros en explotacións con censo de máis de 7 animais e cun máximo de 4.000 euros por explotación. No caso de que o crédito sexa insuficiente, daráselle prioridade ás mortes.
Neste sentido, por parte de Unións Agrarias, Félix Porto lembrou que estas axudas foron froito “das presións” exercidas por dito sindicato. “Agora temos tarefas pendentes para o vindeiro ano: Esixir que sufraguen as vacinas e o lucro cesante, é dicir, a posibilidade de recibir unha indemnización polas perdas que provoca o animal falecido”.
Recordatorio da enfermidade
Durante o seu relatorio, Orejas lembrou que se trata dunha enfermidade era exótica na Unión Europea e foi detectada en novembro de 2022 no sur de España e en Italia. “Trátase dunha enfermidade vírica, que se transmite por sete serotipos, que son sete cepas. En España circula o serotipo 8”. Hai que ter en conta que se un animal padece a enfermidade de serotipo oito non está protexido doutro.
A única vía de transmisión é un mosquito infectado. Non é zoonótica, nin por vía directa nin indirecta. Ten a particularidade de que se presenta en determinadas épocas do ano, xa que ao baixar de 12 grados o insecto non circula.
A sintomatoloxía é moi variable, “pero ten especial predilección por afectar aos pequenos vasos sanguíneos”. Só afecta en bovinos con febre, lesións en mucosas oral e nasal, glosite, edema facial, descarga nasal e ocular, coxeiras, eritema en ubres, signos respiratorios, cadro reprodutivo (abortos, mortinatos e nados débiles) e diarrea hemorráxica. “Nos animais pequenos non está ben estudada a enfermidade, pero de momento percíbese que afecta máis ao gando adulto, e máis a carne que a leite”, aclara.
“O modelo de concentracións parcelarias non funciona, é necesario buscar outro sistema”
Este relatorio tivo lugar nas xornadas de leite organizadas por Unións Agrarias en Santiago de Compostela. O evento concluíu coa intervención do secretario xeral do sindicato, Roberto García González, quen resumiu o que se reflexou no evento. “Temos un problema de relevo xeracional, porque máis do 40 % dos titulares de explotación se xubilarán e hai que potenciar que a xente nova se incorpore”, detallou.
O segundo problema que manifestou e que saíu a debate durante a xornada foi o territorio. “O modelo de concentracións parcelarias non funciona, son moi lentos, caros e pouco operativos”, sentenciou. Así, solicitou á conselleira presente, María José Gómez, que se busque outra fórmula para xestionar isto.
En canto ás axudas da EHE, indicou que loitarán porque se pague igual un animal morto por EHE ou por lingua azul que polo lobo. “Todo o que non sexa imputable aos gandeiros, non pode ir sobre a conta de resultados, cativa, das explotacións”. Por iso, considera que non pode haber unha diferenza de 800 euros nesas axudas.
Así mesmo, reclama un fito do sector: “Non queremos máis axudas, queremos prezos xustos”. Para iso, indica que a solución pasa por negociar. “Necesitamos mediadores que nos permitan negociar e que obriguen a ambas partes a sentarse”.
Pola súa banda, a conselleira subliñou a puxanza do sector leiteiro galego, que representa unha parte moi importante do PIB da comunidade e que concentra máis da metade dos gandeiros de toda España. Ademais, destacou que de Galicia sae o 42% do leite que se consome a nivel nacional, “todo un orgullo para esta terra”, remarcou.
Neste acto, a titular de Medio Rural indicou, así mesmo, que nos últimos anos este ámbito produtivo se esta adaptando ás novas tecnoloxías, ás sensibilidades ambientais e ás esixencias dos diferentes mercados. En leste mesmo sentido, engadiu que o lácteo galego é “un modelo” no que se mira o sector nacional e internacional e tamén un referente de robotización e tecnificación.