A Denominación de Orixe Valdeorras participa ata o vindeiro xoves, cunha caseta propia no Pavillón España, na London Wine Fair, un dos foros máis relevantes do campo do viño dentro de Europa. Grazas á colaboración do ICEX, a de Valdeorras é unha das 25 denominacións de orixe vinícolas españolas que participan nesta feira da capital británica.
Trátase da primeira visita á London Wine Fair que Francisco García Álvarez realiza como presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Entre os obxectivos da participación da denominación nesta relevante feira, García Álvarez sinala o de “abrir novas posibilidades de exportación para os brancos e tintos da zona” e tamén “favorecer a súa visibilidade”. Precisamente, a intensificación das accións de promoción dos viños de Valdeorras é un dos retos da Presidencia de Francisco García Álvarez.
Dentro da caseta de Valdeorras, dez adegas con presenza na zona darán a coñecer as súas referencias. Trátase de Roandi, Melillas, Valdesil, Guitián y Blanco, Joaquín Rebolledo, Eladio Santalla, Santa Marta, A Coroa, Carballal e Viña Costeira.
London Wine Fair
A 36ª edición de London Wine Fair celébrase ata o vindeiro xoves na capital británica. É unha feira centrada no sector do viño, fundamentalmente, aínda que tamén se dá cabida á exposición doutras bebidas espirituosas e está dirixida, en exclusiva, ao público profesional do Reino Unido. Trátase dun evento clave para dar a coñecer os produtos vinícolas entre distribuidores, almacenistas, importadores de bebidas e compradores clave da canle detallista e da canle Horeca (restauradores, catadores, propietarios de pubs ou bares e hostaleiros). A esta feira acode, ademais, a maior parte da prensa especializada no sector vitivinícola de Gran Bretaña.