A DO. Ribeiro organiza as xornadas: Cultura do viño e literatura

Publicidade
A DO. Ribeiro organiza as xornadas: Cultura do viño e literatura

Cristina Alcalá e Xavier Carro

A xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá, xunto co historiador Xavier Castro e o poñente e catedrático de xeografía física da USC, Augusto Pérez-Alberti veñen de presentar este martes as Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura, en colaboración do Vicerritorado de Cultura da USC e a Fundación Dieta Atlántica.

As Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura súmanse á conmemoración dos 400 anos da morte de Miguel de Cervantes. Este mes de outubro terá lugar a primeira das actividades que se sucederán ata o mes de decembro celebrándose nas distintas cidades galegas así como en Madrid e Barcelona.

Xavier Castro, como coordinador do ciclo de mesas redondas e conferencias multimedia, explicou durante o acto de presentación que o obxectivo principal destas xornadas é o de “vincular a cultura do viño coa gran literatura no ano de Cervantes, e nada mellor que a D.O. Ribeiro para elo xunto coa lectura das novelas exemplares onde se fala tan ben deste viño ilustre”. Como moderadora e participante activa nestas actividades estará tamén Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro, quen engadiu que “Ribeiro é paisaxe, territorio e historia, non podemos obviar o gran pasado do Ribeiro e nada mellor que estas xornadas para dar a coñecer o gran valor histórico do Ribeiro na literatura”.

Expertos debaten sobre o Ribeiro

As xornadas reunirán a historiadores e expertos como Xesús Alonso Montero, César Llana Rodríguez ou Anselmo López Carreira, entre outros. Xavier Castro aproveitou para destacar que “historicamente o Ribeiro é a primeira comarca que cultiva con gran intensidade e entrega a viña ata o punto de ter que importar pan e leite de outra zonas. Tamén é a primeira comarca que se globaliza e se conecta con Europa e América e así é como chega a Cervantes. De feito nun dos seus libros sitúao en Nápoles”.

Estas xornadas consisten nunha ampla serie de conferencias multimedia e mesas redondas que versarán sobre temáticas como “O Ribeiro, lingua e literatura”, “O viño do Ribeiro na época contemporánea” ou “O Ribeiro: un vello complexo agrario”. Esta última impartiraa Augusto Pérez-Alberti, quen durante o acto de presentación comentou que “veño traballando na comarca do Ribeiro dende a xeografía física e é a primeira vez que se enlaza territorio con cultura do viño. Esta combinación resulta moi interesante. Posiblemente, a cultura do Ribeiro é a de maior arraigo de Galicia, con máis tradición histórica e de paisaxe singular”.

Edición especial Ribeiro Cervantino

Como complemento ás Xornadas, o C.R.D.O. Ribeiro presentará en todas as actividades unha edición especial de viño da D.O Ribeiro, etiquetado ad hoc para esta conmemoración cervantina.

Programa das xornadas:

Ciclo conferencias multimedia e presentación Viño Cervantino Estarán a cargo de Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro, e Xavier Castro, historiador especialista na historia do viño. Nestas conferencias farase a presentación (e tamén cata, cando o local o faga posible) do viño especial do Ribeiro en homenaxe a Cervantes

-Ateneo de Pontevedra (Casa das Campás). (Xoves, 24 de novembro. Ás 20 horas)
-Vitruvia. Vigo. (Martes, 29 de novembro. Ás 20 horas)
-Librería Arenas. A Coruña. (Xoves, 1 de decembro. Ás 20 horas)
-Vinoteca Vide, Vide!. Santiago. (Xoves, 15 de decembro. Ás 20 horas)
-Centro Galego en Barcelona, (Martes, 15 de novembro. Pendente de confirmación)
-Casa de Galicia en Madrid. (Martes, 13 de decembro. Pendente de confirmación)

Ciclo de mesas redondas  

Mesa redonda: Vigo
-Lugar: Librería Mishima.
-Data: Martes, 25 de outubro. Ás 20 horas.
-Xesús Alonso Montero (Presidente da Real Academia Galega): “O Ribeiro,
Lingua e Literatura”.
-Luis Domínguez Castro (Historiador. Universidade de Vigo): “O viño do Ribeiro
na Época Contemporánea”.
-Xavier Castro (Historiador. Fundación Dieta Atlántica.USC): “A cultura do viño
en Cervantes”.
Moderadora: Cristina Alcalá.

cartelpalabradecervantes_cartela3Mesa redonda: Santiago de Compostela

-Lugar: Sala Profesores. Facultade de Xeografía e Historia USC.
-Data: Xoves, 27 de outubro. Ás 20 horas.
-Augusto Pérez Alberti (Xeógrafo. Universidade de Santiago): “O Ribeiro: un
vello complexo agrario”.
-Pegerto Saavedra (Historiador): “O viño do Ribeiro na Historia Moderna de
Galicia”.
-Rosaura Leis Trabazo (Nutricionista. Fundación Dieta Atlántica.USC): “Os viños
galegos na Dieta Atlántica”.
-Xavier Castro (Historiador. Fundación Dieta Atlántica.USC): “A cultura do viño
en Cervantes”.
Moderadores: Cristina Alcalá e Xavier Castro.

Mesa redonda: Ourense

-Lugar: Liceo de Ourense
-Data: Mércores, 30 de novembro. Ás 20 horas.
-Anselmo López Carreira (Historiador. UNED): “O Miño no Ribeiro: un caudal
de historia”.
-Xoán Cannas (Director do Instituto Galego do Viño). “Análise e perspectivas
sobre o viño do Ribeiro”
-César Llana Rodríguez: “Lagares romanos no Ribeiro”. “Antigos lagares no
Ribeiro”
-Xavier Castro (Historiador. Fundación Dieta Atlántica.USC): “A cultura do viño
en Cervantes”.
Moderador: Xavier Castro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información