A Deputación de Lugo creará unha marca propia das Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

A marca abranguerá produtos agroalimentarios e artesanais de calidade e servizos turísticos. Habilitarán unha nova liña de axudas para proxectos relacionados coas Reservas da Biosfera

A Deputación de Lugo creará unha marca propia das Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

Instante da reunión celebrada este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, en Lugo.

A Deputación de Lugo creará unha marca para os produtos e os servizos das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas xestionadas pola institución provincial. O anuncio fíxoo o presidente da entidade, José Tomé Roca, este xoves na xunta dos órganos reitores celebrada para dar conta das actividades realizadas este ano e abordar os proxectos que van impulsar.

As dúas marcas – Reserva da Biosfera Terras do Miño e Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses- xa están rexistradas na Oficina Española de Patentes e Marcas (Oepm). Agora, unha vez conseguido o rexistro da marca, a Deputación empezará a traballar nun regulamento consensuado cos produtores e empresarios que desexen empregar este distintivo na etiquetaxe dos seus produtos e servizos. Esta marca tamén lles permitirá empregar o distintivo xenérico de Reservas da Biosfera Españolas, que destaca e diferencia todos aqueles produtos naturais e artesanais dos territorios recoñecidos como Reservas da Biosfera en España, actuando como unha marca paraugas que as aglutina a todas.

A marca estará orientada aos produtos agroalimentarios e artesanais de calidade, pero tamén se poderá aplicar a servizos turísticos (aloxamentos, restauración ou empresas turísticas) que poden á súa vez crear sinerxías cos produtores locais, promovendo unha imaxe integral de calidade de produtos e servizos nas Reservas da Biosfera. “A creación dunha marca para os produtos e servizos de cada unha das reservas suporá un salto cualitativo moi importante para o desenvolvemento sostible destes territorios, e polo tanto, para fixar poboación”, detalla José Tomé Roca.

Para a súa posta en marcha crearanse sendos grupos de traballo

Para a creación e posta en marcha das marcas de ámbalas dúas reservas activaranse sendos grupos de traballo, que actuarán como ponte de enlace entre a administración e os sectores produtivos interesados. Estes órganos tamén se encargarán de definir os produtos e servizos para os que estean orientadas as marcas. As persoas interesadas nestes grupos de traballo, un por cada Reserva, poderán solicitar adherirse a eles durante o mes de xaneiro.

Os órganos reitor e de participación de ambas reservas tamén acordaron deslocalizar as actividades de divulgación e de educación ambiental para estendelas ao resto da provincia. “Queremos ampliar a difusión e a concienciación social sobre a riqueza medioambiental destes territorios, pero tamén contribuír a proxectar iniciativas empresariais e de emprego vinculadas a este patrimonio que poidan resultar de interese para outras zonas”, explicou o Presidente.

De cara ao 2021, o presidente da Deputación anunciou a creación dunha liña de axudas de concorrencia competitiva destinada a proxectos relacionados coas Reservas da Biosfera e a conservación e promoción do medio ambiente. A comezos do vindeiro ano iniciaranse os trámites administrativos para poñela en marcha. Esta nova liña de subvencións está dirixida a entidades e asociacións, co fin de materializar os proxectos en prol do desenvolvemento sostible das dúas zonas protexidas.

Actividades e proxectos

Na reunións tamén se repasaron os proxectos que cada Reserva ten en marcha ou que vén de rematar. No caso da Reserva Terras do Miño, abordáronse iniciativas que se están desenvolvendo para a conservación ambiental e desenvolvemento sostible do territorio financiados pola convocatoria LIFE da Unión Europea. Trátase do LIFE Fluvial, LIFE Lugo+Biodinámico e o Life in Common Land. Ademais, entre outras actuacións, deuse conta da xestión dos hortos urbanos que desenvolve a institución provincial nos parques do Rato e Paradai.

Polo que respecta a Os Ancares Lucenses, informouse da finalización do proxecto sobre a delimitación e análise da propiedade dos soutos de castaños antigos situados no ámbito territorial da Reserva. Unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Sociedade Cooperativa A Carqueixa. Deste proxecto resultou unha cartografía actualizada das masas de frondosas autóctonas e o establecemento das bases para a promoción de agrupacións de propietarios, na que cada titular participe proporcionalmente en función da superficie que lle corresponda.

Así mesmo, nos Ancares tamén se abordou outra iniciativa na que se está a traballar arredor da prevención de lumes a través da revaloración dos piñeirais existentes na superficie desta Reserva. O obxectivo é fomentar os aproveitamentos complementarios do monte e poñer en valor os recursos destas zonas para xerar ingresos para os propietarios, crear novos postos de traballo e fixar poboación no rural.

O Presidente salientou o traballo que desenvolven os órganos reitores destas reservas. “Poñen de manifesto que o traballo conxunto, que xa é aconsellable en situacións normais, se volve imprescindible en momentos de crise como os que vivimos. A achega de diferentes puntos de vista enriquece as iniciativas e favorece o coñecemento da realidade sobre a que se vai actuar”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información