O kiwi é unha froita de moda en España. Este froito peludo, redondo e de aspecto exótico está cada vez máis presente nas nosas mesas, cun consumo medio de 3 quilogramos por persoa e ano, un dos máis altos de Europa. O seu alto contido en vitamina C é dunha media de 98 mg por cada 100 gramos, case o dobre que as laranxas, e a súa gran cantidade de antioxidantes asocian o kiwi a unha dieta saudable.
E boa parte desta froita procede de plantacións galegas, en concreto da empresa Kiwi Atlántico, a maior produtora de España, e cuxa sede se atopa no municipio pontevedrés de Ribadumia. Fundada en 1988, na actualidade agrupa a máis de 60 agricultores socios e a 50 produtores colaboradores, principalmente de Galicia, pero tamén de Asturias e do norte de Portugal.
A boa marcha deste mercado reflíctese nas cifras de Kiwi Atlántico, cun incremento acumulado da facturación do 30 % no últimos tres anos e ao redor de 8.000 toneladas de kiwi comercializadas en 2015, un 20% máis que en 2014.
“Desde o ano 2005 vemos unha clara recuperación do mercado do kiwi e hai un gran potencial deste cultivo en Galicia porque é unha froita moi popular e a produción de España cobre soamente un 10% do consumo interno”, explica Martín Fernández, técnico de Kiwi Atlántico.
Isto levou á empresa a ampliar as plantacións dos seus socios, que na actualidade agrupan unhas 450 hectáreas. Así, José Carlos Vila, xerente de Kiwi Atlántico, asegura que “queremos incrementar as producións propias en máis dun 60% nos próximos 4 anos”.
“A calidade é clave para diferenciarnos no mercado”
Un proceso de expansión que pasa en todo momento por preservar a calidade do kiwi galego, caracterizado pola súa característica mestura de sabor acedo-doce. Neste sentido, Kiwi Atlántico esixe uns estándares de calidade a todos os seus produtores, tanto socios como colaboradores, para que o froito sexa uniforme en canto a calibre e preserve a máxima calidade.
Así, os técnicos de Kiwi Atlántico asesoran aos agricultores ao longo de todo o proceso de cultivo. E no momento da colleita, cara ao mes de novembro, o persoal técnico mide mediante un refractómetro a cantidade de azucre do kiwi, que debe ter un mínimo de 6,5 graos Brix e 9 como máximo no momento de recollerse.
“Pero aínda non estaría no punto óptimo para comer: o kiwi necesita uns 15 días de frío en cámara a entre 0 e -1 graos de temperatura para desencadear o proceso de maduración, ata que chega aos 14-16 graos Brix”, explica Martín Fernández. Un proceso de maduración e de conservación que se realiza nas cámaras de frío que Kiwi Atlántico ten en Ribadumia, con capacidade para 4.000 toneladas.
A aposta pola calidade está avalada polos máis prestixiosos certificados de calidade tanto galegos (Galicia Calidade, desde o ano 2010), como a nivel español e internacional (certificado Global-Gap, B.R.C, EMAS Ambiental, e ISO 9001 e 14001).
Obxectivos: cubrir o mercado español e comezar a exportar a Asia
O obxectivo que se marcan desde Kiwi Atlántico é cubrir a importante demanda do mercado español. “A produción española cobre parte do mercado interno entre os meses de novembro e xuño, competindo coa doutros países como Italia, e de xuño a novembro o mercado é abastecido polo kiwi producido nos países do Hemisferio Sur (Chile, Nova Zelandia…etc), nos que a colleita se realiza nos meses de abril e maio”, explica Martín Fernández.
Esta alternancia favorece ao kiwi galego, que chega ao mercado fresco e en óptimas condicións de maduración, cando o de Nova Zelandia xa leva varios meses de conservación, coa consecuente diminución de calidade.
“Todo o kiwi que se recolle en Galicia está vendido porque a demanda supera á oferta, pero debemos seguir apostando pola calidade”, subliña o técnico de Kiwi Atlántico.
Precisamente a calidade do kiwi galego levou a esta empresa a poñer as súas miras na exportación a Asia, un mercado emerxente no que se valoran as características do froito producido en Galicia. Unha iniciativa que a empresa está a levar a cabo conxuntamente con outras catro do cluster Alimentario de Galicia, e co apoio da Xunta a través do programa Primex do IGAPE.
O kiwi: do río Yangtsé a Galicia
O kiwi é unha froita orixinaria de Asia, da conca do río Yangtse, que en estado salvaxe rube polas árbores en forma de liana. A súa chegada a Galicia produciuse no ano 1969. O responsable da súa introdución foi José Fernández López, cofundador de Zeltia e de Pescanova, e do enxeñeiro Carlos del Río. A primeira plantación comercial realizouse no Porriño, no ano 1976.
A década dos 80 foi a do boom das plantacións de kiwi en Galicia, momento no que se chegou a pagar a peza a 100 das antigas pesetas, uns 0,60 euros. O minifundio das parcelas, a falta de profesionalización e a carencia de estruturas de comercialización levaron a un abandono deste cultivo nos anos 90, coincidindo co despegue das plantacións de Albariño.
Sen embargo, a partir do ano 2005 produciuse unha recuperación do kiwi en Galicia, con menos produtores pero máis profesionais e plantacións máis modernas e dimensionadas. Son estes produtores os que tiran do crecemento deste cultivo en Galicia, que concentra o 42% da produción de kiwi de España, seguida de Asturias, co 20%, e a Comunidade Valenciana, con outro 20%.
Claves para o coidado das plantacións de kiwi
Martín Fernández destaca que Galicia, especialmente a fachada costeira atlántica, reúne unhas condicións óptimas para a produción de kiwi. “Pero a superficie mínima da plantación -subliña-, para que sexa viable, debe de ser de entre 4 e 5 hectáreas”. En total, os custos de implantación roldan os 30.000 euros por hectárea, incluíndo sistema de postes e arames, de rega…etc), un investimento que se debería amortizar en dez anos.
Os custos de produción son de entre 7 e 8 mil euros por campaña e hectárea, e a produción, a pleno rendemento rolda entre as 20 e as 30 toneladas por hectárea, oscilando os prezos para o produtor entre os 0,60 e os 0,70 euros o quilo.