A crise de prezos do leite abre o debate sobre o recorte da producción

A European Milk Board (EMB), na que está integrada a Organización de Productores de Leche (OPL), propón programas voluntarios e obrigatorios de reducción das entregas. Celebraranse actos de protesta simbólicos o día 12 de novembro en toda Europa

A crise de prezos do leite abre o debate sobre o recorte da producción

Manuel Iglesias (OPL), en primeiro termo, xunto con Silvia Därebitz (EMB), na rolda de prensa.

Co fin da cota láctea, a regulación da producción e dos prezos do leite quedou en mans do mercado libre. Sete meses de campaña marcados polos excedentes de leite e polos baixos prezos servíronlle a boa parte do sector para tomar conciencia dos problemas que presenta un mercado libre sen unha rede de seguridade de políticas pública. Gandeiros de toda Europa abren agora o debate sobre a necesidade de programas para recortar a producción en periodos de crise.

“Cando hai un ano analizabamos as perspectivas para despois das cotas, xa nos dabamos de conta de que non había ningunha política sobre a mesa. Só tiñamos o mercado libre e a nosa pregunta era que pasaría cando os prezos baixasen, porque sabíamos que ían baixar” -explica Manuel Iglesias, presidente da Organización de Productores de Leche (OPL)-. “É necesario cambiar as políticas leiteiras a nivel europeo para evitar que esteamos atascados nunha situación de crise como a actual”, valora.

“Hai un ano xa vimos que non había ningunha política pública sobre a mesa para despois das cotas” (Manuel Iglesias, OPL)

A Organización de Productores de Leche, que está integrada a nivel comunitario na European Milk Board (EMB), celebrou onte unha rolda de prensa en Santiago xunto coa directora do EMB, Silvia Därebitz, para abrir tamén en Galicia o debate sobre a necesidade de programas de reducción da producción. “O mercado libre non é a solución. Propoñemos un programa de responsabilidade do mercado que axude a recuperar o equilibrio en intres de crise” -expuxo Därebitz-. “A sobreproducción baixa os prezos en toda Europa e queremos que se reduza para que o prezo mellore”.

Os actuais mecanismos de regulación de mercado, axudas ó almacenamento privado e intervención pública a baixos prezos de excedentes, demostráronse para a EMB como insuficientes.

Programa de responsabilidade do mercado
Ante ese escenario, a European Milk Board suxire introducir nas políticas públicas programas de control da producción. “Unha primeira fase para afrontar a crise pasaría por un programa de reducción voluntaria das entregas con compensacións” –detallou Däberitz-. “Nas zonas de Europa onde o prezo é máis baixo, pode ter máis sentido non producir e recibir unha compensación. Non é que os produtores sempre queiran producir máis, moitas veces é o mercado o que forza que sigan esa vía para sobrevivir”.

“Non é que os gandeiros sempre queiran producir máis. Moitas veces é o mercado o que os forza a ese camiño” (Silvia Därebitz, EMB)

Se esa medida se quedase curta nalgúns periodos de crise, a EMB propón unha seguinte fase que consistiría nun programa de reducción obrigatoria da producción, “que podería estar no entorno dun 2%”, valora Däberitz. “Estamos trasladándolle as nosas propostas ós políticos e ós axentes do sector, como as industrias, e estamos a ver que os gandeiros somos os únicos que propoñemos unha alternativa para o mercado libre. A industria claramente non está de acordo con nós porque ten outros intereses e a Comisión Europea acepta a actual situación, na que moitas explotacións se enfrontan á perspectiva de ter que pechar”, critica Däberitz.

Protesta o 12 de novembro
En demanda dun cambio das políticas lácteas a nivel europeo, a EMB convocou unha xornada de protesta para o día 12 de novembro en toda Europa. En Galicia, a Organización de Productores de Leche (OPL) confirmou onte que se sumará ás protestas cun acto simbólico que está pendente de concretar.

“O futuro que temos na cabeza é que as explotacións poidan vivir do prezo que cobran polo leite, non das subvencións” (Silvia Därebitz, EMB)

“Queremos políticas fronte á crise de prezos, que os políticos escoiten e saiban que teñen que facer algo. O futuro que temos na cabeza é que as explotacións poidan vivir do prezo que cobran polo leite, non das subvencións. Estamos dispostos a tomar a responsabilidade de afrontar medidas como o control da producción, pero os políticos teñen que traballar con nós nese camiño”, conclúe a directora do European Milk Board, Silvia Därebitz.

Posturas en común con Vía Campesiña

A proposta da European Milk Board ten puntos en común coas liñas de traballo doutras organizacións agrarias, caso da Coordinadora Europea Vía Campesiña, na que participa o Sindicato Labrego Galego (SLG).

“A situación actual é peor que coa cota láctea. Hai que abrir o debate sobre a regulación da producción” (Isabel Vilalba, SLG)

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, coincide na importancia de abrir o debate sobre o control da producción. “Estamos nun escenario de excedentes e baixos prezos que precisa dunha regulación europea e pública. A situación para os gandeiros é peor que coa cota láctea”, resume Vilalba. “Hai que abrir o debate sobre a regulación da producción, aínda que nós pensamos que non a todos os países nin a todas as granxas se lles pode pedir unha reducción das entregas por igual. Nas granxas con menor producción ou nos países que non cubran o seu consumo interno, o enfoque ten que ser outro, pero son cuestións nas que haberá que profundizar e debatir”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información