A contención da produción na UE encarece os prezos dos lácteos industriais

A cotización da manteiga medra un 28% no último trimestre, o leite en po arredor do 15% e o queixo cheddar un 11%. A mellora destes índices adoita anteceder á recuperación de prezos no campo

A contención da produción na UE encarece os prezos dos lácteos industriais

O sector gandeiro agarda que a mellora do mercado provoque a recuperación de prezos no campo.

A progresiva baixada dos prezos do leite no campo está a ocasionar unha contención da produción na maioría de países da Unión Europea. En xuño do 2015, o conxunto da UE entregou menos leite que en xuño do ano anterior. Foi o primeiro mes de baixada. Esa redución das entregas, que previsiblemente continuou en xullo e en agosto, meses dos que aínda non existen datos a nivel comunitario, está a provocar melloras no mercado dos productos lácteos industriais.

A recuperación de prezos é notable na manteiga, que se encareceu na UE un 28% no último trimestre (xuño-agosto). O leite en po desnatado repuntou un 13%, o enteiro un 18% e o queixo cheddar un 11%. Estes catro índices, que serven de termómetro do mercado, presentan unha tendencia positiva que ten perspectivas de continuar os próximos meses.

A mellora das cotizacións dos produtos lácteos industriais, que non só se están a recuperar na UE senón a nivel internacional, adoita anteceder ás melloras do prezo do leite no campo. De feito, Lactalis, que estaba a pagar en Francia 25,6 céntimos por litro, xa pechou un acordo cos gandeiros para abonar nos últimos cinco meses do ano unha media de 29 céntimos litro.

Evolución de entregas
A tendencia de mercado preséntase positiva, pois a produción de leite estase a conter case en toda a UE, salvo en países como Holanda ou Irlanda. En xuño, Francia, Alemania ou Gran Bretaña reduciron as entregas en relación ó mesmo mes do ano anterior; en tanto España rexistrou en xullo o cuarto mes consecutivo con menores entregas que no mesmo mes do 2015.

O programa europeo para promover reducións voluntarias da produción de leite, que se activa este mes, manterá previsiblemente un mercado contido na UE no que resta de ano; se ben tamén haberá que ter en conta os efectos que pode ter sobre a produción o aumento de prezos do leite no campo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información