A conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, aceptou reunirse cos gandeiros que participan na tractorada de Lugo desde a mañá do mércores. Unha delegación dos manifestantes reuniuse a primeira hora da tarde coa delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, coa que pactou a xuntanza coa titular do Medio Rural, Rosa Quintana, que se reune arestora cos gandeiros napital lucense. Os produtores pretendían unha reunión aberta, ante a muralla, pero finalmente foi a porta pechada cunha delegación dos gandeiros.
Os manifestantes queren coñecer de primeira man as actuacións que vai levar a cabo a Administración para poñer coto á crise de prezos do leite. Tras a reunión coa delegada da Xunta, o gandeiro que está a actuar como coordinador da protesta, Roberto López, anunciou tamén que lle estaban chegando boas noticias das negociacións que se están mantendo en Madrid.
Negociacións en Madrid
López asegurou que, segundo a información que lle transmitiu a Organización de Productores de Leche (OPL), todas as industrias, a excepción de Lactalis e Reny Picot, están dispostas a asinar un acordo que garanta unha remuneración sostible para os produtores. Do mesmo xeito, segundo indicou Roberto López, a distribución –salvo Eroski e Lidl- estaría disposta a comprometerse a aplicar uns prezos de compra á industria que permitisen unha axeitada remuneración de toda a cadea de valor do leite.

Roberto López tras a reunión coa delegada.
Esas perspectivas son matizadas polo coordinador da OPL en Galicia, Anxo Escariz, que sinala que industrias e distribución están dispostas a asinar o acordo presentado o pasado 18 de agosto, pero destaca que o ‘quid’ da cuestión son os compromisos concretos. “É preciso establecer uns índices de referencia – probablemente a través da Interprofesional Láctea (Inlac) para que regulen os pagos da distribución á industria e tamén da industria ós gandeiros”.
O establecemento da figura do mediador entre as partes e un réxime de sancións que fagan cumprir os acordos son os outros dous puntos que se queren pechar para a reunión que manterá o 10 de setembro en Madrid o conxunto do sector lácteo, segundo apunta Anxo Escariz.
Entre tanto non se implementan estes acordos, que en principio semellan medidas a medio prazo, a cuestión sen resolver continúan a ser os contratos á baixa que están ofrecendo ou aplicando as industrias para os próximos seis meses. “Deberían cancelarse e alomenos prorrogarse os contratos anteriores”, demanda Anxo Escariz.