A cadea Dia denuncia ós gandeiros que bloquearon o seu centro loxístico

Ante esta decisión, Unións Agrarias promoverá un boicot contra a firma. Iniciará accións de información ós consumidores ante os supermercados da empresa en Galicia

A cadea Dia denuncia ós gandeiros que bloquearon o seu centro loxístico

Portavoz de Dia falando cos medios durante o bloqueo.

As dúas semanas máis fortes das protestas gandeiras, na primeira quincena de setembro, saldáronse sen que trascendesen sancións ós gandeiros por parte das forzas de seguridade. Pero si houbo denuncias de dúas das empresas afectadas polos bloqueos, a francesa Lactalis-Puleva e Dia. A cadea de supermercados tomou nota das matrículas dos tractores que bloquearon o seu centro loxístico en Santiago e está a anunciarlles ós produtores a presentación de denuncias ante o xulgado de instrucción competente para pedir indemnizacións polas perdas sufridas.

Ante tal decisión da multinacional española, Unións Agrarias vai promover un boicot entre os consumidores. A organización agraria iniciará protestas ante os establecementos Dia co fin de informar ós consumidores da “política de ameazas e denuncias xudiciais” da compañía. O calendario das mobilizacións, que partirán co lema ‘Defender ós produtores galegos non é delito’, será dado a coñecer en breve.

O sindicato trasladaralle tamén ós consumidores como as políticas de prezos de Dia afectan ás explotacións lácteas e a outros sectores gandeiros da comunidade, como o avícola, que se viu “perxudicado” cando Dia “rebentou á baixa o prezo do polo”, critica a organización.

Unións Agrarias considera que as denuncias cursadas por Lactalis e por Dia teñen como obxectivo final “desmontar o sector lácteo de Galicia”. A organización demanda que as Administracións actúen para frear esta “política de ameazas” e anuncia que pon os seus servizos xurídicos a disposición dos gandeiros afectados.

Una idea sobre “A cadea Dia denuncia ós gandeiros que bloquearon o seu centro loxístico

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información