A auga e a falta de unión no sector, dous grandes problemas para os produtores de pataca en Galicia

Produtores de diferentes puntos de España xuntáronse en Alimagro para abordar os problemas e retos que ten o sector nas zonas produtoras de pataca. A auga, a falta de unión do sector e a rendibilidade son os temas nos que puxeron o foco.

Publicidade

mesa redonda alimagro 1A VI edición de Alimagro, a Feira do Agro da Limia, é o escaparate do sector agrario en Xinzo de Limia (Ourense) desde este venres ata o vindeiro domingo, 7 de setembro. Para abrir boca, o xoves tivo lugar a terceira Xornada Técnica da Pataca, que fixo fincapé na sanidade vexetal, na eficiencia da fertilización e na calidade e cantidade de auga para a rega.

Un dos relatorios foi unha mesa redonda na que participaron diferentes membros do sector chegados de varios puntos de España. O primeiro en falar dos retos do sector na Comunidade de Castela e León foi Manuel Aries, agricultor de Salamanca. Aries destacou que é necesario adaptarse ao cambio climático: “Imos pasar de secas extremas con restricións de rega, a outras épocas de choivas intensas”. Por iso, considera que os agricultores deben contar cun sistema de rega eficiente para poñer solución á falta de auga e con maquinaria grande que, “cando teñamos que atrasar a sementeira polas choivas tardías, nos permita realizar todos os traballos no menor tempo posible”.

Para este agricultor, outro dos principais retos é a substitución xeracional e neste sentido destaca o dato achegado polo director territorial de Medio Rural en Ourense, José Antonio Armada Pérez, quen “tras consultar os datos de incorporación de mozos a este sector desde 2023, dixéronme que tan só 18 mozos apostaron por quedar na pataca, unha cifra que debe cambiar”.

Juan Manuel Gómez, presidente da IXP Pataca de Galicia: “En Galicia non somos moi amigos do cooperativismo; sempre fomos individualistas”

Falta de unión no sector

A falta de substitución non é o caso da produtora Antonia Calvo, de Xinzo de Limia, nomeada Produtora do Ano na II edición dos Premios Nacionais da Pataca. Rexenta unha explotación familiar que comercializa a súa propia colleita: “Nós perdemos contacto cos nosos clientes desde abril ata o de agora, pero é moi satisfactorio ver como te empezan a chamar para saber cando vas empezar coa colleita”, afirma. A súa pequena empresa vende directamente ao consumidor e ás tendas de barrio da zona “que valoran moito o noso produto”.

Así mesmo, considera que o sector ten numerosos retos: “Un deles é o comentado, adaptarse ás secas pronunciadas con sistemas de rega que sexan rendibles e funcionen”. Outro deles é concienciar ao consumidor en comprar pataca de calidade e que “entenda a diferenza”. Finalmente, destaca a falta de unión dos produtores e de toda a cadea de valor: “Creo que o asociacionismo debería ser un obxectivo para cumprir”.

Na intervención de Juan Manuel Coello, director de Operacións de Patacas Meléndez, describiu que a súa empresa está presente en diferentes puntos de España e están a buscar chegar a máis. “Considero que nos falta unha entidade que aglutine os intereses de todos. Estamos a loitar para que haxa algo a nivel nacional no que todos podamos loitar por promocionar e que cada vez se consuma máis pataca”.

Servando Álvarez, do INORDE: “Se nos obsesionamos coa cantidade, entramos en risco de diminuír a calidade”

Nesa mesma liña, Juan Manuel Gómez, presidente da IXP Pataca de Galicia, indicou que “en Galicia non somos moi amigos do cooperativismo. Sempre fomos individualistas, pero creo que é necesario loitar por unha interprofesional que vele polos intereses de todos”.

Calidade fronte a cantidade

O presidente da IXP tamén falou de poñer en valor a calidade da pataca galega: “Creo que debemos traballar por conseguir unha maior calidade, e saber venderlla aos consumidores”. Puntualizou que pola IXP pasan millóns de quilogramos de patacas, pero a través dos seus controis quedan tan só uns centos de miles que saen ao mercado: “Se hai tanta diferenza é porque pasan grandes controis e chega ao consumidor a máxima calidade”.

Pola súa banda, Servando Álvarez, membro do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), subliñou a calidade dos chans galegos, que achegan ás patacas unhas calidades organolépticas “únicas”. Así, considera que a produción na Limia por produtor está ben: nuns 40-50.000 kg/ha. “O teito pódese fixar no que cada un queira, pero considero que máis de 60.000 kg/ha non se debería pasar, xa que iso iría nunha baixada da calidade”, explicou o profesional. Engadiu que “se nos obsesionamos coa cantidade, entramos en risco de diminuír a calidade”.

Sustentabilidade e medio ambiente

Outro dos puntos que foi obxecto de debate é a sustentabilidade, neste sentido, Álvarez teno claro: “O agricultor ten que vivir”. Así mesmo, na súa intervención afirmou que “no momento que non haxa unha agricultura forte, o medioambiente non será sostible e aí si que virán os problemas”.

Dende Gran Canaria, Armando Rodríguez, agricultor de Teror, detallou que no seu territorio dependen de subvencións para poder sufragar os custos da produción, que roldan os 25.000 euros por hectárea. “A pataca págase de media a 0,68 euro/kg, se nos dan as axudas é porque moitas veces non se cubren os gastos de produción”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información