A sede de CLUN (Ames) contou coa visita da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, quen quixo coñecer de primeira man o traballo desenvolto pola Asociación Mulleres de Seu, unha iniciativa impulsada pola cooperativa co obxectivo de promover o empoderamento feminino no rural galego e visibilizar o papel das mulleres no sector agrogandeiro.
A Asociación leva máis dunha década traballando na dignificación do papel das mulleres no rural, promovendo o liderado, o emprendemento e a igualdade de oportunidades.
Quintiana estivo acompañada pola presidenta da asociación, Carmen Rodríguez, e por Jessica Rey, directora de marketing e comunicación de CLUN, as cales lle amosaron as instalacións da cooperativa, e explicáronlle o funcionamento e o impacto das accións que se levan a cabo dende a mesma.
Levan a cabo iniciativas que contribúen á dinamización social e económica do territorio
Así, Rodríguez destacou que “traballamos para fomentar o desenvolvemento persoal e profesional do rural a través dun plan de formación continua, de reunións nas que poñemos en común as nosas experiencias e expectativas, así como outras iniciativas que contribúen á dinamización social e económica do territorio”.
Durante a visita, Quintiana afirmou que “a misión de Mulleres de Seu é plenamente compartida polo Goberno galego, xa que precisamos visibilizar as mulleres que traballan no medio rural para, ademais, convertelas en panca para todas as que poidan apostar por vivir nel”. Neste sentido, a directora xeral destacou o moito conseguido por esta entidade para que as mulleres ocupasen tamén os órganos de decisión, engadindo que todo iso levou a que CLUN fose recoñecida, no ano 2019, coa Medalla Emilia Pardo Bazán da Xunta de Galicia.
Galego









Control OJD