O maxistrado Luis Villares é un bo coñecedor da realidade da propiedade rural en Galicia, un país onde hai 1,5 millóns de propietarios. Colaborador dende hai anos do Máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio (Masterra), que coordina o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC, Luis Villares defende a intervención pública da administración para evitar o abandono da terra, facendo cumprir a lei en materias como as plantacións forestais en terras agrarias ou mesmo establecendo impostos ás terras abandonadas. “A administración debe perder o medo a intervir na propiedade privada en Galicia”, subliña.
Propós varias medidas de tipo xurídico para mobilizar a propiedade da terra en Galicia e evitar o abandono da mesma, pero…¿cal é a realidade da que partes?
Un dos presupostos de partida é a constatación de que existe unha cantidade importante de superficie agraria que é útil e que está abandonada, e que existe tamén unha importante superficie forestal en Galicia que non se está coidando neste momento para a súa posta en produción.
Ao mesmo tempo, dáse o paradoxo de que hai gandeiros que necesitan máis superficie e máis base territorial e que non a teñen. É dicir, prodúcese unha incomunicación entre unha oferta inexistente e unha demanda real. Penso que as alternativas para solucionar isto deben partir dunha visión integradora.
¿Por que consideras que os mecanismos que se puxeron en marcha por parte da Administración (Banco de Terras ,SOFOR, UXFOR, concentración parcelaria…etc) non deron os froitos que se agardaba?
Dende o meu punto de vista, un dos problemas que houbo á hora de facer unha intervención pública nesta problemática foi utilizar unhas ferramentas xurídicas cunhas dimensións, en canto a superficie, e cunhas necesidades de maiorías que fixo que moitas veces non aportasen solucións. Por exemplo, para a concentración parcelaria considero un erro requirir o consentimento ou a aprobación dunha parte importante dos propietarios, co paradoxo de que co abandono do rural moita desa xente funcionaba nun sentido negativo, pois o que estaba emigrado en Barcelona ou noutros lugares non tiña a mesma actitude positiva.
Tamén houbo un problema de escala da intervención. É dicir, moitas veces a concentración concibiuse por parte da administración a unha escala mínima de parroquia ou mesmo superior, cando existían moitos mecanismos legais que podían ser perfeccionados para reordenar a propiedade a nivel privado. Por exemplo, a agrupación de parcelas ou outros mecanismos de carácter civil.
“Existe unha lexislación moi boa pero que a Administración non aplica”
Ademais, a nivel fiscal neste momento xa se está facendo un esforzo importante cunha serie de bonificacións que liberan a moitas operacións xurídicas do gravame que tiñan as transmisións de propiedades rústicas. De feito, segundo os notarios dende a supresión destes impostos aseguran que se produciu un aumento tanto da transmisión de propiedades como da agregación de parcelas. Pero hai que explorar novas vías, distintas das fiscais, para incentivar que se mova a propiedade da terra.
Por outro lado, existe unha lexislación que podería ser moi boa pero que non se utilizou convenientemente. Por exemplo, en materia de ordenación de usos do solo ou de prohibición de usos forestais de solos agrarios, nunca foi obxecto de aplicación real por parte da Administración. O mesmo se podería dicir da normativa de prevención de incendios forestais. Todo isto vai favorecendo o desleixo dos propietarios cara as parcelas, algo que debería ser corrixido ben con incentivos ou ben con sancións para mobilizar tanto a propiedade como o uso.
¿Que medidas propós para por en valor e dinamizar a propiedade da terra en Galicia?
En primeiro lugar, a concentración parcelaria habería que darlle unha volta importante, tanto nos tempos da tramitación, como no esforzo de investimento, como nas propias dimensións do ámbito de concentración. Tamén habería que revisar o carácter executivo das súas resolucións, por máis que se recorran. Todo isto para que os destinatarios perciban no curto prazo os efectos da concentración parcelaria.
“Deberíase pensar en poñer unha taxa ás terras abandonadas que están improdutivas”
En segundo lugar, en relación aos arrendamentos rústicos considero que sería necesario darlle unha volta á relación xurídico privada para promover as relacións de arrendamento entre particulares nun marco de garantías e estabilidade para as dúas partes. Tamén se debería fomentar o papel do Banco de Terras, sobre todo en relación a propietarios que xa non viven no rural, ben porque se mudaron ás cidades ou porque están emigrados fóra de Galicia, para que podan poñer en valor as súas parcelas.
En terceiro lugar, deberíase facer cumprir a lexislación en materia tuitiva, tanto en materia de ordenación do solo, prevención de incendios ou forestación de terras agrarias.
E por último, considero que habería que pensar en impostos parafiscais; é dicir, en gravar moderadamente as terras abandonadas que están improdutivas, para fomentar a súa mobilización. É dicir, que abondaría poñelas a producir de calquera forma (directa ou xestionada por terceiros, incluído o Banco de Terras), para non ter que pagar esa taxa. Isto xa foi aplicado en Andalucía nos anos 80 con moi bos resultados e co aval xurídico do Tribunal Constitucional.
Unha queixa común do sector gandeiro é que, no relativo á forestación de terras agrarias, teñen que ser eles e, non a Administración, os que denuncien as infraccións, coa conflitividade entre a veciñanza que isto supón…..
A iso habería que darlle a volta. A Administración, que é a controladora, debería ser a controlada. É dicir, os particulares e asociacións deberíamos esixir que cumpra a lei, porque existe unha boa normativa pero vese que non hai vontade por parte da Administración en aplicala. Se así o fixese, estimularía aos propietarios que teñen as terras abandonadas a poñelas a producir.
¿Como xurista, ves algunha situación comparable á de Galicia, con case un millón e medio de propietarios rústicos?
En canto ao número de propietarios de fincas é algo dificilmente parangonable. O que si é destacable, segundo fun aprendendo nos anos de colaboración cos investigadores do Masterra, é o tarde que foi chegando Galicia ás novas figuras de intervención pública no réxime de propiedade privada agraria. É dicir, aquí sempre houbo moito medo a intervir públicamente na propiedade privada, e iso hai que superalo, porque a día de hoxe a ninguén se lle ocorre que no espazo urbano unha persoa poda levantar un edificio sen a regulación pública. Pois no ámbito rústico témonos que acostumar ao mesmo.
O terreo ten un valor económico e produtivo para a xente que vive no rural e é necesario que se poña en valor. É necesario establecer mecanismos legais para que a xente que vive no rural e do rural teña o control efectivo da riqueza que produce o rural.