O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou este luns na visita á adega Terra de Asorei en Meis a aposta da Xunta por unha industria galega do viño que combine calidade con tradición e innovación para seguir medrando. É o caso de Terra de Asorei que recibiu oficialmente o selo de Galicia Calidade e conta coas técnicas máis avanzadas de tratamento e elaboración.
O titular de Economía definiu o proxecto como “moderno e diferenciado” no Salnés que se está a posicionar nunha comarca que destaca polos seus viños, xa que desenvolve na súa xestión as claves para o éxito no mercado que, segundo Conde, son o coñecemento, a innovación, o produto de calidade e o entusiasmo e paixón.
De feito, nas súas novas instalacións, o titular de Economía explicou que mesturan o coñecemento empresarial e adegueiro coas últimas innovacións en tecnoloxía e equipamento. A aposta pola modernización, un feito no que incide o Goberno galego para que a industria galega sega crecendo e exportando, permítelle na actualidade á adega do val do Salnés unha capacidade para producir 400.000 botellas ao ano. A empresa, que naceu hai máis de 70 anos, produce na actualidade nas súas 60 hectáreas de viñedo tres marcas da D.O Rías Baixas e exporta a unha decena de países, onde factura hoxe en día o 35% das súas vendas. A compañía non só está presente en países europeos como Reino Unido ou Holanda, senón tamén en Estados Unidos e Xapón.
Adega 4.0 e aposta polas vendas a través de internet
Conde puxo en valor que nesta aposta pola modernización resalta o seu impulso pola Adega 4.0, que está en concordancia co modelo de futuro polo que avoga a Xunta para o tecido empresarial en Galicia: a Industria 4.0. Para iso, Terra de Asorei centra os seus investimentos en mellorar a produción, o que repercute nun control máis exhaustivo da calidade da uva durante todo o proceso, desde a cepa ata a súa elaboración e posterior comercialización.
Así mesmo, afirmou que esta aposta se traduce en novas oportunidades de negocio colaborando co Clúster da Alimentación para participar en proxectos que incrementen a súa presenza no mercado dixital e, deste xeito, mellorar as súas vendas en liña.
Conde resaltou, ademais, que baixo o selo Galicia Calidade a adega segue medrando fóra das fronteiras galegas cun certificado que na actualidade teñen 96 firmas e máis de 350 produtos, das que 14 son adegas das cinco denominacións de orixe: sete de Rías Baixas, dúas de Monterrei, dúas de Valdeorras, unha do Ribeiro e dúas da Ribeira Sacra. De feito, o ámbito agroalimentario (viños, bebidas, lácteos e alimentación en xeral) ten un papel destacado, representando a metade das empresas.
“Galicia Calidade está ao servizo das empresas para axudarlles na internacionalización”
Galicia Calidade, tal e como explicou o conselleiro, quere acompañar a todas aquelas adegas que, como Adega Terra de Asorei, están a traballar pola mellora constante dun viño asegurando que é a fórmula para competir nos mercados internacionais máis esixentes e satisfacer as demandas do consumidor. “Galicia Calidade está ao servizo das empresas para axudarlles nos procesos de internacionalización, sempre vinculados ao territorio e á tradición”, engadiu.
Para rematar, incidiu na posta en valor do sector vitivinícola que, segundo apuntou, enriquece o valor turístico de Galicia e a calidade que exporta a economía galega.