“Juan Rof Codina trouxo a Galicia a veterinaria moderna”

Entrevista a Diego Conde Gómez, autor de “Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandaría galega contemporánea” (Edicións Xerais)

“Juan Rof Codina trouxo a Galicia a veterinaria moderna”

Diego Conde Gómez

Diego Conde Gómez ven de publicar “Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandaría galega contemporánea” (Edicións Xerais), un libro no que fai un percorrido sobre as transformacións que durante este período se levaron a cabo na Gandaría e Veterinaria galega da man do que foi un dos seus principais promotores, Juan Rof Codina (1874-1967).

De onde xurdiu o teu interese pola figura de Juan Rof Codina?
Xusto cando rematei a carreira de Veterinaria en Lugo, non sabía quen fora Rof Codina e xurdiume a curiosidade. Púxenme en contacto co grupo de Histagra e empecei a investigar e acabou sendo a miña tese doutoral.

Falas da importancia de Rof Codina na chegada dos avances da Veterinaria a Galicia e a España…..
O que fixo Juan Rof foi traer a Galicia e difundir os últimos coñecementos en veterinaria que se estaban a descubrir no resto de Europa. Fíxoo a través de infinidade de artigos na prensa da época e tamén a través da Cátedra de Divulgación Pecuaria, conseguindo pasar do que era a Albeitería a unha Veterinaria científica.

A nivel da profesión veterinaria foi o artífice de conxugar o papel administrativo e clínico do veterinario, reivindicando unha veterinaria moderna fronte á imaxe que tiña a sociedade dunha profesión máis próxima á Albeitaría. Ademais, reforzou tamén todo o papel colexial en defensa e dignificación da profesión.

O discurso de Rof Codina tivo moito impacto porque, seguindo as ideas da Xunta de Ampliación de Estudos, adaptaba os contidos técnicos para que foran comprensibles para o gandeiro e os puidera aplicar no seu traballo.

Ademais, houbo ámbitos nos que foi pioneiro, como a promoción da identificación animal.

Segue sendo unha cuestión pendente esa adaptación da veterinaria á realidade do gandeiro?
En efecto, defendo a figura do técnico pero o bo facer deste pasa por darlle tamén un papel protagonista ao gandeiro. Este tivo un papel fundamental na transformación e modernización do agro galego. Por exemplo, a transformación da raza Rubia Galega foi posible, en grande medida, grazas aos gandeiros, que adaptaron a raza ás súas necesidades.

Cal foi o panorama que se atopou Juan Rof Codina cando chegou a Galicia?
El chegou a Galicia como veterinario militar e destinárono primeiro a Vigo, e logo a Lugo. En Lugo reside na casa da familia Carballo, con cuxa filla casará máis tarde. A nivel agrario atópase cun sector en Galicia que non tiña case nada que ver co que estudara na carreira en Madrid como tampouco co agro da súa Cataluña natal.

Juan Rof Codina

Juan Rof Codina

Cales eran as doenzas animais máis comúns?
A febre aftosa e o carbunclo. Tarda varios veces meses en coñecer un caso de carbunclo e en clasificalo cientificamente como tal. Unha vez que o detecta, inicia un percorrido por diferentes vilas, e comeza o uso das vacinacións contra o carbunclo bacteriano. Conxuntamente, empeza a difundir as medidas preventivas contra esas dúas enfermidades do gando a través de infinidade de folletos e charlas.

“Rof Codina foi o primeiro en facer unha vacinación contra o carbunclo bacteriano”

En 1910 créase un corpo de Inspectores Veterinarios, pero el comeza incluso antes da creación do corpo público, a través da Gran Clínica Veterinaria que funda el en Lugo e onde empeza xa a loitar contra esas dúas enfermidades.

Rof Codina tamén foi un home moi comprometido co agrarismo en Galicia…
El contacta coa xente de Prácticas Modernas, que era un xornal agrarista, e bebe das ideas de xente como Bartolomé Calderón ou de Valeriano Villanueva , de todas esas inquedanzas para transformar o agro galego. Pero dálle a súa propia pegada, apartándose da visión máis política de xente como Basilio Álvarez, e proporciona unha visión máis tecnocrática, de transformación técnica a través da divulgación e da formación dos gandeiros.

“Foi un home de ideas propias e firme defensor do agrarismo”

Estamos tamén ante unha persoa de conviccións republicanas, que foi represaliado en varias ocasións…
Darlle un perfil político a Rof Codina é complicado porque el foi represaliado durante a ditadura de Primo de Rivera, foi represaliado durante a Ditadura de Franco e mesmo ,segundo el indica, pola propia República. Era unha persoa cun criterio propio, defensora do campo, pero que non se posicionaba con ningún bando.

Tamén lle debemos en boa medida que non se derrubase a Muralla Romana de Lugo…
Efectivamente. A principios do século XX barallouse o derrube da muralla pois pensábase que era unha limitación ao crecemento urbano de Lugo. En 1905, Rof Codina fixo un cálculo da pedra que habería que retirar en carros de bois, o medio de transporte do que se dispuña daquela, e dáballe que se tardarían máis de 70 anos en derrubar a muralla. Iso contribuíu a que se desbotase a idea.

Raza Rubia GalegaComo cres que vería hoxe Rof Codina a situación da Veterinaria e tamén do agro galego?
Penso que vería con bos ollos a maior profesionalización da veterinaria, ese paso a un labor científica e a estar recoñecida dentro do ámbito sanitario. Verían ben tamén a dignificación da profesión veterinaria, pero aínda queda moito por facer respecto a outras como Medicina.

Estaría orgulloso de que houbera unha Facultade de Veterinaria en Lugo, pola que loitou cando o Goberno decidiu suprimir a que existía en Santiago, no edificio que hoxe é o Parlamento de Galicia.

Vería con bos ollos toda a transformación técnica no agro galego pero sería moi combativo coa situación de prezos para os gandeiros, cun leite que está polo chan, e a enorme presión das industrias. Rof Codina era moi crítico cos intermediarios e un firme defensor do cooperativismo no sector agrario.

A nivel sanitario a situación da cabana gandeira galega é das mellores do Estado e diso tamén estaría orgulloso.

Por que está esquecida a figura de Rof Codina?
Penso que é polo desleixo do noso pasado, sexa en calquera ámbito. Non podo entender que un estudante de veterinaria en Lugo non coñeza de onde ven a raza Rubia Galega, e iso ás veces ocorre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información