“A xestión pública do monte é positiva se hai acordo coas comunidades propietarias”

O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, analiza o futuro que se abre para as 300.000 hectáreas de monte veciñal nas que rematan os convenios e consorcios suscritos coa Xunta

“A xestión pública do monte é positiva se hai acordo coas comunidades propietarias”

Xosé Alfredo Pereira nunha recente mobilización en Santiago.

Os montes veciñais representan en Galicia unha terceira parte da superficie forestal e suman máis de 600.000 hectáreas. Aproximadamente a metade dos montes veciñais están autoxestionados polas comunidades propietarias, en tanto a outra metade están manexados actualmente pola Xunta de Galicia a través dun consorcio ou convenio cos veciños. Eses acordos ían expirar en principio entre agosto deste ano e agosto do 2016, segundo se estipula na Lei de Montes de Galicia. O fin do modelo de xestión pública e conveniada do monte veciñal abre incertezas sobre o futuro.

Falamos sobre a situación e perspectivas das comunidades de montes con Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais desde a súa creación, no 1999. Pereira é tamén presidente da comunidade de montes de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona).

Que perspectivas hai para o monte veciñal co fin dos convenios e consorcios coa Administración?
– A figura clave para entender o escenario ó que se enfronta o monte veciñal é a Lei de Montes de Galicia do 2012, na que se establece que as comunidades de montes veciñais con débedas coa Administración deberán asinar un contrato de xestión temporal coa Xunta –ou ben pagar a débeda-. A Lei sinala que eses contratos de xestión poderaos realizar directamente a Administración ou terceiras persoas, léase empresas privadas. Estamos así ante un claro intento de poñer os montes veciñais a disposición de empresas forestais privadas. Ese é o obxectivo que nós vemos na Lei, que sexan empresas as que poñan en valor as terras comunais a partir de monocultivos de especies de crecemento rápido, coma os eucaliptos, ou de cultivos enerxéticos dirixidos á biomasa.

“Hai un claro intento de poñer os montes veciñais a disposición de empresas forestais privadas”

As débedas coa Xunta de parte das comunidades de montes son fonte de polémica nos últimos meses. De onde xurden os desacordos sobre as débedas dos montes veciñais?
– Detectamos erros nas contas que nos foron entregando. Ás veces hai traballos feitos con axudas europeas nos que se computa todo o importe dos labores como débeda para a comunidade, sen ter en conta esa axuda. Noutras ocasións figuran rexistrados traballos que supostamente fixo a Administración pero que non aparecen asinados polo presidente da comunidade. Vimos tamén incumprimentos por parte da Administración e, en definitiva, se todas esas débedas fosen certas, estariamos ademais ante un xestor que fixo mal o seu traballo, que gastou máis que os ingresos que xerou.

Desde a Organización Galega demandades unha condonación das débedas das comunidades coa Xunta. Cóntanos en que vos baseades para pedir esa condonación e como está o proceso.
– Nós pedimos a cancelación das débedas en base á Ley de Montes estatal (2003), que sinala que cando se remata un convenio, a Administración pode, ou ben asinar un novo contrato cos propietarios, ou ben eximir do pago das débedas ós propietarios sempre que o monte conte cun instrumento de xestión. Aquí en Galicia optouse por outra vía e iso levounos a iniciar unha campaña de protestas. Froito das nosas mobilizacións, conseguimos da Xunta unha moratoria ata o 2017 para a cancelación dos convenios e consorcios das comunidades de montes que manteñen débedas coa Administración. Nos dous anos que faltan para esa data, queremos discutir convenio a convenio, a ver de onde veñen esas débedas, xa que non estamos de acordo coas contas que está presentando a Administración.

“As comunidades ás veces enterábanse de que lles cortaban a madeira cando xa entraba o persoal no monte”

Veriades positiva unha continuación da actual liña de convenios de xestión entre Xunta e comunidades de montes veciñais?
– Para algúns montes veciñais sería un modelo positivo. Nós pensamos que os convenios ben xestionados non son malos para o monte galego, sempre que haxa un acordo entre partes, cunha mesa paritaria de seguemento e que se tomen as decisións en conxunto, que é algo que non se fixo nos últimos anos. As comunidades ás veces enterábanse de que lles cortaban a madeira cando xa entraba o persoal no monte a facer os traballos. Máis que acordos, en moitos casos houbo unha usurpación orientada case en exclusiva á produción de piñeiro e eucalipto. De tódolos xeitos, non parece que a Xunta vaia apostar pola continuidade dos convenios.

“A figura do comuneiro discontinuo permite a revitalización das comunidades”

O envellecemento e a despoboación do rural levan a que determinadas comunidades de montes queden sen xestión na práctica. Que solucións pode haber para estes montes veciñais?
– É un problema moi importante. Hai montes que quedan abandonados por falta de poboación. Un primeiro paso que xa se está a aplicar nalgunhas comunidades, caso de Cerdedo (Pontevedra), pode ser a creación da figura do comuneiro discontinuo, que é alguén que ten traballo na cidade pero que pasa o fin de semana no lugar e que está integrado. Esa figura tería que aprobarse en asamblea veciñal, xa que por lei, só podes ser comuneiro por dereito propio se vives no lugar.

Sempre se falaba de que é comuneira a casa con fume, pero vós sodes partidarios dunha interpretación máis ampla.
– O da casa con fume é unha reminiscencia do pasado que alude á idea de ser veciño. Sobre esa base de vecindade, outro paso importante para rexuvenecer as comunidades pasa por recoñecer a participación de todas as persoas que representen unha economía independente de produción e consumo, aínda que vivan na mesma casa. A maiores, todos os membros dunha familia poden ir ás asambleas, pero só terían dereito a voto aqueles que representen a unha economía independente. Este é outro xeito de revitalizar as comunidades e permitiu xa a recuperación dalgún monte veciñal. En Lobios (Ourense), había unha comunidade que levaba catro anos sen xunta rectora e hoxe en día ten xunta rectora.

“A idea de que só é comuneira a casa con fume é unha reminiscencia do pasado que alude á idea de ser veciño”

A lexislación permite que no caso das comunidades abandonadas, a súa xestión poida ser asumida provisionalmente pola Administración. Estariades de acordo?
– No caso dun monte veciñal abandonado, a lexislación di que podería xestionalo ou ben a Administración ou ben unha comunidade de montes veciña, sempre coa condición de retornar a xestión do monte en canto houbese unha comunidade que se fixese cargo. Parécenos unha idea correcta, pero non vemos que a Administración teña interese ningún en aplicala na práctica.

“A certificación pública do monte suporía un aforro de ata 5 millóns de euros ó ano”

Esta tempada estase a traballar no novo Plan Forestal de Galicia, para o que se constituíu un grupo de traballo co sector no que estades participando. Como estades vendo o proceso?
– O Plan Forestal vai decidir o monte que hai en Galicia, así que é un proxecto no que hai que dar a gran batalla. Polo de agora, o traballo sobre o Plan estase a levar cun debate pausado e democrático que semella ben pensado. Xa tivemos dúas reunións no grupo de traballo e sorprendeunos positivamente que algunhas propostas que fixemos foron aceptadas para discutir, cousa que outras veces non ten pasado.

Que propostas vosas destacarías para o Plan Forestal?
– Unha cuestión na que levamos anos pelexando é a posta en marcha dun selo de certificación público. A certificación do monte –a partir de marcas como FSC ou PEFC- supón un gasto moi importante para as comunidades e non engade ningunha mellora a súa xestión. As marcas de certificación son só unha cuestión de marketing para chegar a determinados mercados, así que sería moi útil unha certificación pública de baixo custo que se lle entregase a todo monte cun plan de ordenación e que cumprise unhas normas de xestión e uns criterios de sostibilidade. Sería un selo cun nome do tipo de ‘Produtos Galegos do Monte’ e podería significar para as comunidades de montes un aforro de 4-5 millóns de euros ó ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información