O aproveitamento da resina despega no sur de Galicia

A comunidade de montes de Mougás, en Oia, está a impulsar o aproveitamento resineiro do monte, unha iniciativa pioneira na que tamén traballan outros montes veciñais. As medidas preventivas contra o nematodo do piñeiro lastran polo de agora a posta en marcha do proxecto

O aproveitamento da resina despega no sur de Galicia

Monte veciñal de Mougás, en Oia (Pontevedra). / Imaxe cedida pola comunidade de montes.

En Galicia, a extracción da resina do piñeiro era ata inicios dos anos noventa un aproveitamento tradicional nalgunhas comarcas do sur, caso do Val Miñor ou do Rosal. Daquela, a entrada no mercado internacional da resina de China e doutros países emerxentes afundiu prezos e demanda, polo que a recollida do produto deixou de ter sentido e abandonouse. Nos últimos anos, da man da recuperación do mercado internacional, varios montes veciñais tratan de retomar o aproveitamento resineiro en Galicia.

Unha das comunidades de montes máis activas é a de Mougás, en Oia (Pontevedra). O monte de Mougás ronda as 1.500 hectáreas, das que máis de 800 están arboradas, a metade a eucaliptos e a outra metade a piñeiro. O piñeiro, unha madeira que atravesa unha crise de prezos nos últimos anos, enfrontábase nos montes de Oia a un futuro en regresión, aínda que a aparición dos proxectos resineiros cambiou as tornas.

“O piñeiro tivo un sentido económico no monte comunal, pero ese sentido morreu” (Venancio Miñiño, monte de Mougás)

“O piñeiro tivo un sentido económico no monte comunal, pero ese sentido morreu, xa que hai especies máis produtivas e que ofrecen unha maior rendibilidade, como o eucalipto”, explica o presidente da comunidade de montes de Mougás, Venancio Miniño. “Entón, valorando na comunidade alternativas para o piñeiro, descubrimos hai uns anos a posibilidade da resina, probamos a facer uns ensaios de aproveitamentos e en canto constatamos que os resultados eran bos, decidimos ir para adiante. De feito, de barallar a redución da superficie de piñeiro pasamos agora a estar plantando 30 hectáreas máis”.

Ensaios no monte veciñal de Mougás.

Ensaios no monte veciñal de Mougás.

Rendementos
O ano de ensaios serviulle á comunidade de montes para comprobar uns altos rendementos no aproveitamento da resina. Se en Castela e León, a rexión con máis tradición resineira, o primeiro ano do sangrado dun pino pode rendir en torno a 2,4 quilos, nos montes de Mougás lograron preto de 3 quilos. “Nos montes do sur de Galicia temos un gran potencial resineiro polo clima”, valora Venancio Miniño. “O propio presidente da Mesa Nacional da Resina, Juan Carlos Álvarez, considera que Galicia e Canarias poden ser grandes potencias resineiras no futuro”.

A extracción da resina adoita realizarse por medio de traballadores autónomos que lle pagan ás comunidades unha pequena cantidade por pino que traballan. Eses ingresos constitúen para a comunidade un complemento á futura corta da madeira, se ben para o presidente do monte veciñal de Mougás, tan ou máis importante que os ingresos é a creación de postos de traballo. “Só nos nosos montes, podemos estar falando de que unhas 15 ou 20 persoas poderían chegar a vivir da extracción da resina. Na situación de paro que temos, eses traballos serían moi importantes”, suliña.

“Só nos nosos montes, unhas 15 ou 20 persoas poderían chegar a vivir da extracción da resina”

As contas semellan claras. Cada resineiro pode traballar en torno a 5.000 piñeiros ó ano. Se de cada un extrae algo máis de 3 quilos –que é a media para as extraccións de segundo ano e posteriores-, a un prezo que supera o euro o quilo, pode ingresar en torno a 17.000 euros brutos ó ano. É un traballo duro e non se vai facer rico, pero dá para vivir, segundo as contas do sector. A empresa Resinas Naturales, ubicada en Castela, xa confirmou en Oia que está disposta a mercar toda a resina que se produza.

En Castela e León, o labor de resinado prolóngase durante 8 meses ó ano e detense na parada vexetativa invernal. En Galicia, onde a parada vexetativa é menor, o piñeiro do país poderíase resinar ata 10 meses ó ano, calculan na comunidade de montes de Mougás.

Mercado
O futuro do mercado da resina presenta perspectivas de estabilidade. Só a demanda europea ronda as 300.000 toneladas ó ano, segundo estimacións de Miniño, e a produción de España, Portugal, Francia, Italia e Grecia –os países produtores na UE- a penas supera na actualidade o 15% desa cantidade malia o repunte produtivo dos últimos anos.

A resina úsase para recubertas conservantes en froita e na industria de cosméticos e de pintura

A resina natural ten unha gran demanda para recubertas conservantes en produtos alimenticios, como a froita, e tamén se usa na industria cosmética e de pinturas. Nestes dous últimos campos ten a competencia das resinas derivadas do petróleo, pero mesmo nun contexto actual de baixos prezos do petróleo, a extracción da resina de piñeiro preséntase rendible.

Ós beneficios económicos e laborais que podería xerar a resina, en Mougás engaden un terceiro factor. “O gran problema do monte en Galicia son os lumes forestais. Se un resineiro traballa un monte, primeiro ten que ter parte dese monte limpo de mato, e segundo, é o mellor vixilante contra os lumes, xa que é o primeiro interesado en non perder o seu traballo”, explica o presidente da comunidade de montes.

O nematodo condiciona o uso resineiro

O proxecto inicial de Mougás pasaba polo inicio do aproveitamento resineiro este ano, aínda que para a posta en marcha da iniciativa precisa dunha autorización administrativa que presenta complicacións. O monte veciñal de Mougás atópase preto da fronteira portuguesa, o que o sitúa nunha zona de especial vixilancia sobre o nematodo do piñeiro. Esa circunstancia pode dificultar a autorización por parte da Xunta do aproveitamento, se ben desde a comunidade de montes cuestionan os posibles impedimentos.

O nematodo do piñeiro constitúe unha praga perigosa para as árbores que se extende por Portugal desde hai uns 15 anos. En España téñense detectados focos nos últimos anos en Cáceres, Salamanca e tamén na provincia de Pontevedra no 2010, máis concretamente na zona das Neves, limítrofe con Portugal. Desde o 2010 ó 2015, Medio Rural adoptou medidas de prevención no entorno das Neves nun intento de impedir a expansión da enfermidade. A maiores, toda a zona fronteiriza con Portugal está baixo vixilancia.

A Xunta prorrogou este mes as medidas preventivas contra a praga por un ano máis

Para a súa expansión entre os piñeiros, o nematodo, un verme, sírvese dun insecto vector; se ben o escaso desprazamento anual dos insectos vectores, considerado inferior a 3 quilómetros ano, facilita a vixilancia sobre a praga.

As medidas de prevención adoptadas en Galicia a partir do 2010 renováronse por un ano máis este mes de abril, unha circunstancia que a Xunta xustifica nunha auditoría da Food Veterinary Office –un órgano da Comisión Europea-, que no 2014 asegurou ter detectado exemplares sintomáticos na zona das Neves.

Para o presidente da comunidade de montes de Mougás, Venancio Miniño, o problema do nematodo non debería afectar ó aproveitamento resineiro. “O medo hai que entendelo. Estamos de acordo en que se deben de adoptar as medidas de prevención que sexan precisas, xa que o nematodo é un problema grave para a industria do piñeiro e para os propietarios, pero tamén é certo que non hai nin un só estudio que relacione o aproveitamento da resina cun aumento do risco do nematodo do piñeiro”, asegura Miniño.

“O medo hai que entendelo, pero non hai estudios que relacionen o uso resineiro cun aumento de riscos do nematodo”

“De feito, hai quen di que reduce o risco, xa que o aproveitamento da resina permite unha estreita vixilancia de todos os piñeiros, de xeito que se detectaría e se eliminaría nun curto prazo calquera piñeiro con síntomas de decaimento, atractivo para a praga”.

Calidade da madeira
Outra preocupación habitual por parte dos propietarios á hora de estudar o aproveitamento resineiro radica na posible afección á calidade da madeira, unha cuestión que tamén descarta Miniño. “Polas experiencias que nos chegan de Castela e León, a cuestión da resina non ten relación cos prezos da madeira. Alí véndese a bos prezos madeira resinada e sen resinar, e tamén a malos prezos madeira resinada e sen resinar”, valora Miniño. “A cuestión é facer un bo manexo do aproveitamento, non deixando puntas na madeira, por exemplo”.

O proceso do resinado en Galicia iníciase en cada piñeiro no primeiro trimestre do ano coa retirada da corteza en franxas dun metro de alto por uns 12 céntimetros de ancho. O traballo complétase coa colocación dun bote de plástico na parte inferior que irá recollendo toda a resina do árbol. A partir de entón, aproximadamente cada dúas semanas, a persoa que traballa a árbore faralle un risco oblicuo no que aplicará un ácido. Será por esas feridas por onde resine a árbore.

“Os beneficios no monte non teñen porque ser só económicos. O monte é un lugar de paseo veciñal e ten un uso turístico”

“É un traballo que precisa dunha técnica e dunha formación”, apuntan en Mougás, onde teñen feito xornadas divulgativas sobre este proceso. En Galicia os piñeiros pódense comezar a resinar no entorno dos 25 anos, uns dez anos antes da corta.

Multifuncionalidade
A iniciativa resineira complementa en Mougás ó conxunto de recursos e usos que se fan do espazo comunal, do que se procura un aproveitamento multifuncional. “Os beneficios do monte non teñen porque ser só económicos. Facemos aproveitamento da madeira e creamos postos de traballo, pero o monte tamén é un espazo onde vai á xente e que ten un uso turístico relacionado coa natureza e a etnografía. Estamos poñéndoo en valor de xeito discreto”, conta Venancio Miniño. “Temos unha paisaxe e un patrimonio singulares. Entroutros elementos, contamos cun castro, petroglifos e queremos recuperar unha pequena senda que percorre 12 antigos muiños”, enumera.

“Estamos sustituindo os eucaliptos próximos á aldea por castiñeiros de froito e oliveiras”

Na idea de diversificar os usos do monte, a comunidade está tamén plantando castiñeiros de froito e oliveiras no entorno da aldea, na parte baixa do monte. “É un espazo que estaba a eucaliptos e que non tiña sentido que estivese así, xa que se trata dunha zona onde pode ir pasear á xente e que ademais debe servir para mitigar o risco de posibles lumes forestais. Gustaríanos que a nosa iniciativa servira de exemplo para os propietarios do monte particular tamén próximo á aldea”, desexa Miniño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información